Hai catro décadas naceu a INTG (ING+CTG): A orixe e evolución da CTG

Manuel Mera -

A unificación ING-CTG implicou para o nacionalismo sobre todo contribucións, daquela que se fixese pouco despois a integración da CSG, tamén foi así se o vemos en perspectiva histórica, especialmente ao valorar a ruptura de 1985 e a rectificación posterior

 No serán do 3 de outubro de 1980 referendouse e asinouse, no Quiosco Alfonso da cidade da Coruña, o documento polo que se unificaban a ING e a CTG, dando lugar á INTERSINDICAL NACIONAL DE TRABALLADORES GALEGOS (INTG). Previamente nunha rolda de prensa o día 15 de setembro, representantes das dúas centrais daban a coñecer os acordos políticos, que foran aprobados polos máximos organismos da ING e a CTG entre congresos, e nos que se facía especial mención á “creación dunha Central Sindical Única Galega”.

 No Congreso de unificación participaron 600 delegados e delegadas. Pola mañá dese mesmo día ambas as centrais sindicais celebraron as súas respectiva asembleas extraordinarias para aprobar o documento de integración. Os resultados foron os seguintes: na asemblea da Intersindical Nacional Galega, 402 votos a favor, 6 abstencións e 1 en contra; na asemblea da Confederación de Traballadores Galegos, 153 votos a favor, 6 en contra e 3 abstencións. Como indican as votacións había un amplo consenso para a unificación, dado a aproximación nos obxectivos e as accións conxuntas que se foran dando nos anos anteriores. Tamén incidiron os resultados das eleccións sindicais de 1978.

 O semanario A Nosa Terra nº 127, do mes de outubro, salientaba que a nova central tiña 33 locais espallados por todo o país e preto de 70.000 afiliados/as, dos que uns 55.000 da ING e 14.000 da CTG. Semella máis nominais que reais. Cómpre saber que a afiliación despois da caída da ditadura e legalización dos sindicatos (en 1977) foi moi superior á de anos posteriores, por mor do impacto dos Pactos da Moncloa, a reconversión industrial e o pagamento sistemático das cotas a través dos delegados/as (tardaría anos en implantarse o pagamento por nómina e desconto bancario).

 O Secretariado Nacional, que sería o organismo executivo da nova central, quedou integrado por sete membros procedentes da ING: Francisco García Montes, Antón Sánchez Rivero, Xosé Lois Ríos Paredes, Xosé Manuel Díaz García, Manuel Mera Sánchez, Xesús Seixo Fernández e Fernando Acuña Rúa. Da CTG incorporábanse catro: Xosé Lois Muruzabal Arlegui, Luís Burgos, Xosé Lois Martín Freire e Martínez.

 Días despois do Congreso Muruzabal Arlegui, se cadra o referente máis salientábel da CTG, afirmaba nunha entrevista realizada n'A Nosa Terra nº 129 de finais de outubro dese ano: “O inimigo fundamental da clase traballadora galega é o capital (...) O sindicalismo nacionalista ten que aglutinar a todos/as os traballadores, hoxe susceptíbeis de conseguir, cara a traballar no futuro pola central sindical única galega e levantar a bandeira da loita intransixente, e, xa que logo, loitar pola soberanía nacional de Galiza (...) o sindicalismo nacionalista non divide senón todo o contrario...”.

 Neste artigo voume centrar na CTG, da que hoxe pouco se sabe, máxime dado o tempo transcorrido, e que ten orixe nunha escisión de CCOO nos primeiros anos da chamada Transición.

A orixe da CTG

 “Antes da Asemblea de Barcelona de CCOO (setembro de 1976), e dado o curso dos acontecementos, o Partido do Traballo de España (PTE) decide impulsar un movemento obreiro asembleario e unitario, como contraposición á liña que comezaba a defender CCOO aceptando a pluralidade sindical e renunciando á constitución dun único sindicato nacido dende a base, deixando así despexado o camiño para a UGT que daquela na práctica era inexistente (…) A finais de 1977, o Partido do Traballo dá por concluído o proceso de constitución de sindicatos unitarios e convócase un proceso de elección de delegados para celebrar un Congreso de constitución dunha Confederación Sindical a nivel estatal, que se chamaría Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores -CSUT- (…) Na Galiza a CNG-CSUT (Confederación Nacional Galega da CSUT) procuraría abrirse espazo entre CCOO, con maior implantación nas fábricas e máis consolidación territorial, e a ING, cunha militancia moi activa e moita maior cobertura política”(1).

 Ademais do asamblearismo, un dos aspectos que serían centro de debate e confrontación naqueles anos no movemento obreiro foron os Pactos da Moncloa e a reconversión do sector naval. O Pacto da Moncloa foi asinado o 9 de outubro de 1977 polo Goberno e os partidos políticos, e con el impúxose un tope aos aumentos salariais inferior á inflación, nun intre de auxe das folgas e mobilizacións dos traballadores por melloras nos convenios, e polo tanto na redistribución da riqueza. Dado que o pacto foi referendado polo PCE e o PSOE, tanto a UGT como CCOO ficaron presos dos acordos, polo que iniciaron un proceso de desmobilización, e enfrontamento con aqueles sindicatos que apostaban por manter a forte mobilización obreira existente. O argumento para asinar este pacto foi o do perigo dun golpe de estado do exército, seica alentado polos empresarios e os fragmentos que quedaban do franquismo. Que a CSUT (despois CTG) se opuxese ao pacto achegouna ao sindicalismo nacionalista, representado pola ING.

 Os primeiros efectos prácticos da postura fronte ao pacto déronse na negociación colectiva. Por exemplo, no convenio do metal de menos de cen de Pontevedra, onde USO, CNT, CSUT e SOG-ING convocan unha asemblea do convenio sen contar con CCOO, porque esta non asistiu previamente a unha xuntanza unitaria. De todos os xeitos o proceso de achegamento levaría o seu tempo, porque había unha disputa previa importante polo espazo sindical, de xeito tal que as xornadas de loita que a ING convoca o 27 de xaneiro e o 27 de xuño de 1978 contra o Pacto de Moncloa e a política económica do Goberno non contan coa participación da CSUT.

 En marzo de 1978 celebrouse o congreso do PTE que se pronunciou por unha estrutura federal do partido, polo que no mes de maio o Comité Nacional de Galicia acordou que o nome sería o de PTG. Ese mesmo ano participaría na celebración “unitaria” do 25 de xullo, xunto co PCG, PSOE, POG, etc., así como na redacción do Estatuto de Autonomía. Sobre o Día da Patria dese ano A Nosa Terra daba a cifra de 50 milleiros de persoas na manifestación convocada polo BN-PG e 7.000 na unitaria a prol do Estatuto. Pola súa banda La Voz de Galicia cifra en 15.000 os asistentes ao acto do Obradoiro e en 25.000 os que foron á Quíntana para apoiar as Bases Constitucionais para Nación Galega. Tampouco lle iría moi ben ao PTG nas eleccións municipais de febreiro de 1979 cando conseguía só 7.514 votos, mentres co BN-PG acadaba 63.709.

 “En febreiro de 1979 a CSUT convocou unha xornada de loita contra o Decreto de Conxelación Salarial do Goberno de UCD, máis coñecido como o Decreto Abril Martorell. O Partido do Traballo de Galiza (PTG) decide, en contra da opinión da dirección central, organizar esa xornada de loita a través da CNG-CSUT e da ING, xa que as dúas centrais se opuxeran e fixeran mobilizacións contra os Pactos da Moncloa (…) Pero este cambio de liña e de alianza estratéxica necesitaba previamente de respaldo sindical adecuado, fronte aos ataques da dirección central do PTE e da Executiva Confederal da CSUT. Para iso, convócase un Congreso -da CSUT-, que se celebra na Residencia de Patos (Nigrán)”(2). Neste Primeiro Congreso Nacional, realizado o 11 e 12 de novembro de 1978, acórdase mudar o nome por: Confederación de Traballadores Galegos (CTG); nel defínense os convenios colectivos estatais como un instrumento das empresas oligopólicas españolas; e decídese procurar a unidade orgánica coa ING e USO.

Camiño da unidade

 A unidade de acción aínda non era posíbel, polo que a CTG realiza en solitario a xornada de loita do 1 de febreiro de 1979. O 30 de outubro do mesmo ano o Consello Nacional de Galiza decide iniciar contactos coa ING e USO para constituír unha Intersindical Galega de Clase “non confesional, revolucionaria, independente dos partidos, e asemblearia”. Porén os contactos non dan resultados positivos, como se amosa no feito de que 12 de decembro CTG, CCOO e USO convocan unha manifestación contra o Estatuto dos Traballadores, unha mobilización que a ING, malia estar contra o texto do Estatuto, non apoia por considerala oportunista “xa que as centrais españolas están a piques de asinar en Madrid un novo pacto social”.

 “Entón, dende a CTG, maioritaria no sector da construción, agás en Lugo, onde a ING era a maior forza, proponse un acordo unitario a prol do convenio da construción, que implicaba unha campaña conxunta, elaboración de plataforma reivindicativa, organización de asembleas e, por último, convocatoria de folga. Este proceso foi determinante para establecer relacións e, posteriormente, chegar a acordos entre as dúas centrais. Estableceuse unha comunicación máis de base, que permitía estreitar unha confianza dabondo deteriorada a través da competencia político-sindical (…) A finais de abril de 1980, o “Partido dos Traballadores de Galicia”, celebra unha Asemblea Nacional no Colexio Castelao, de Vigo, onde toda a Executiva, menos un membro, dá por esgotado o proxecto e expresa a súa decisión de non seguir militando politicamente (...) desaparecendo a confrontación político-electoral co BN-PG.”(3).

 O 1º de Maio de 1980 fixéronse mobilizacións de xeito conxunto en todas as cidades e Vilagarcía, agás Pontevedra, onde se manifestou a recentemente constituída Central Sindical Galega (escisión da USO). A pancarta de cabeceira tiña como lema: “Pola unión dos traballadores galegos na loita contra o capital monopolista”. En Vigo, Compostela e Lugo realizáronse ademais festas populares ao remate das manifestacións. O semanario A Nosa Terra salientaba que as leis recentemente aprobadas ou próximas a selo, como o Estatuto do Traballador, a Lei de Emprego e a Lei de folga, foron rexeitadas na xornada. Cal foi a participación? sobre 12.000 persoas en todas as convocatorias, en Ourense e Lugo as manifestacións máis concorridas serían as de ING-CTG.

 Poucos días despois fíxose unha reunión, o 12 de maio, da Comisión Mixta CTG-ING, que estaba integrada por Muruzabal, Burgos, Martín Freire e Espino (pola CTG) e Xosé Manuel Díaz, Carballo, García Montes e Lois Ríos (pola ING). A xuntanza tiña como obxectivo debater a unificación, e nela víronse as diferenzas. Houbo un afastamento momentáneo. Debate interno na ING, e a decisión de continuar coas conversas e reunións coa CTG, que darían lugar a un documento de unificación. Estaba moito en xogo, tanto a necesidade estratéxica de continuar o proceso de alargamento do nacionalismo sindical, así como poder conseguir o carácter de “sindicato máis representativo”, un obxectivo que estaba conseguido cos últimos resultados das eleccións de delegados e delegadas, porén que había que consolidar(3). O tempo amosou o acertada desta decisión, aínda que os pasos inmediatamente posteriores puideron facer pensar o contrario.

 Sobre o que achegaba a CTG e respecto da relación sindicalismo liberación nacional, Luís Burgos, un dos cadros destacados desta central, fai a seguinte apreciación “A unificación implicaba o reto da integración ou cando menos da convivencia de culturas distintas. Aínda que o dereito de autodeterminación era un obxectivo programático común, a CTG vivía o nacionalismo máis como un nacionalismo de escala, considerando que Galiza era o espazo natural onde realizar o socialismo, sen depender das necesidades e dos ritmos deseñados a nivel estatal, xa que o seu futuro debía ser decidido independentemente pola cidadanía galega. Dende a INTG o nacionalismo era de corte máis clásico, máis doutrinario, por así dicilo, baseado na análise de que Galiza era unha colonia obrigada a liberarse do imperialismo español”(3).

Sindicato “máis representativo”

 A nova central sindical puxo a ponte necesaria para atraer dous anos despois a CSG, e consolidar o carácter de “sindicato máis representativo”, converténdose deste xeito nunha central sindical forte, e que debía ser tida en conta polo Goberno central e a futura Xunta de Galiza. E, o fundamental, convertíase nunha referencia para a clase traballadora en pé de igualdade con CCOO e UGT. O que non se debe considerar algo secundario, naquel intre histórico. Nas eleccións de 1980 a INTG acadaba 1.672 delegados e delegadas, o 17,49% do total elixido na Galiza. Cando se fala do contributo da CTG á ING, non só se debe ter só en conta o aumento da presenza no sector da construción e transporte, senón que esta fusión tamén impediu que se consolidase unha nova central sindical, por exemplo, coa unificación da CTG e CSG, o que faría máis complexo o panorama sindical do momento.

 Sobre a liña político-sindical que sería alicerce da INTG, no documento de unificación dicíase: “A práctica das centrais sindicais españolas lexitima a estrutura capitalista e colonial do Estado español, que se asenta no poder dos monopolios (...) A unidade pasa en Galiza por reforzar o sindicalismo nacionalista, que ten un carácter fondamente progresista por antimonopolista e anticolonial (...) As leis sindicais do Estado español queren afogar o sindicalismo nacionalista (...) Somos contrarios á alternativa autonómica e partidarios, consecuentemente, das alternativas políticas que defenden a soberanía nacional”. O documento de unificación define con claridade unha central sindical de clase, autónoma e nacionalista.

 Vexamos algúns parágrafos do texto aprobado polo Congreso de Unificación:

 “Para a defensa dos intereses do pobo galego é imprescindíbel e súa auto-organización consciente a todos os niveis. Sería inxenuo pensar que só coa existencia de partidos políticos de ámbito galego e coa presenza destes nas institucións, conforme aos resultados dos procesos electorais, imos ser capaces de defendérmonos das agresións que o colonialismo fai contra a nosa economía, a nosa cultura e os nosos dereitos sociais.

 A defensa fundamental é mais urxente dos traballadores está en contar cunha ferramenta sindical apropiada para se defender todos os días. Esta ferramenta, no noso caso, ten que estar xerada, movida e gobernada polos traballadores/as galegos, sendo independente dos partidos políticos ou forzas económicas. Só así conseguiremos que responda axeitadamente ás nosas necesidades.

 Galiza é unha nación, e polo tanto ten problemas específicos. Porén aínda por riba é unha nación colonizada, isto é, sen soberanía política e ao servizo dos intereses alleos. Ningún dos graves problemas que padecemos os traballadores e traballadoras galegos poden ser resoltos cunha visión que reforce as estruturas organizativas e político-ideolóxicas apoiadas nunha dinámica estatal. Nin o problema da emigración, nin a falla de postos de traballo, nin a ruína da agricultura, nin a falla dunha economía integrada, nin os baixos salarios, nin a seguridade e terror cotiáns do traballador, poden ser enfrontados cunha óptica estatalista. Para enfrontar todo isto naceu o sindicalismo nacionalista.

 A práctica das centrais sindicais españolas lexitima a estrutura capitalista e colonial do Estado español, que se asenta no poder dos monopolios, aspirando todo o máis á reforma do sistema. A súa práctica sindical non é adecuada para os traballadores do estado en xeral, porén é especialmente fraudulenta para os traballadores dun país como o noso, afectado pola explotación dos monopolios e polo papel secundario e marxinal que cumpre na economía española”.

 

 Nas eleccións sindicais de 1980 a INTG acadou 1.654 delegados/as o 19,34% garantindo o carácter de sindicato máis representativo de “ámbito autonómico” (un 15% e máis de 1.500 delegados/as segundo o Estatuto dos Traballadores, marzo 1980. CCOO 2.378, UGT 1.958, USO 620, e a CSG 112, dun total de 8.551. Por provincias a porcentaxe da INTG foi a seguinte: Lugo o 25,43%, Ourense o 22,33%, Coruña o 18,59% e Pontevedra o 17,45%(4).

 A unificación ING-CTG implicou para o nacionalismo sobre todo contribucións, daquela que se fixese pouco despois a integración da CSG, tamén foi así se o vemos en perspectiva histórica, especialmente ao valorar a ruptura de 1985 e a rectificación posterior. Houbo no proceso da unificación puntos de fricción, non se pode negar, como foi a redefinición da relación con outras forzas do movemento nacional popular, e moi especialmente co BNG. Este último foi un debate que se demorou no tempo, con intres acedos, e que foi perdendo urxencia a medida que a “democracia delegada” se foi consolidando e o conflito entre o traballo e o capital foi perdendo peso diante da loita laboral e institucional cotiá. Aínda que estas discusións nunca se terminan de dar, forman parte da vida sindical e partidaria, xa que dependen de cada momento político e do nivel de mobilización social, e polo tanto do preto ou afastado que se estea exercer o poder, no senso máis amplo e contundente do termo.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

(1) Anacos dun texto de Luís Burgos sobre a CTG.

(2) Dun texto de Luís Burgos sobre a CTG.

(3) Dun texto de Luís Burgos sobre a CTG

(4) Nas eleccións de 1978 a ING conseguiu 1.079 delegados (o 15,11%), CCOO 2.142 e UGT 1.

_______________________________________________________________________________________

Bibliografía

1) "Antecedentes da Confederación de Traballadores Galegos", texto elaborado por Luís Burgos.

2) Distintas notas prensa d'A Nosa Terra e La Voz de Galicia.

3) Eixo nº 34, setembro de 1980, co texto dos acordos de unificación.

4) O sindicalismo nacionalista galego 1972-1982, colección "Ter Razóns", CIG.

_______________________________________________________________________________________

 

[Vigo, 28 de setembro de 2020]

https://obloguedemera.wordpress.com/

Volver