Guidoni Quartz avanza na precarización: despide persoal indefinido mentres renova contatos temporais
Os problemas laborais en Guidoni Quartz Surfaces continúan. A empresa (situada en Narón e dedicada á fabricación de táboas de seixo) despediu a máis de 10 traballadores e traballadoras nas últimas semanas, alegando causas produtivas. A representación sindical denuncia que non existen tales causas e que son unha mera escusa da empresa para seguir a precarizar as condicións de traballo.
Así, a Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol e o sindicato MAS advirten que mentres Guidoni despide a estes compañeiros e compañeiras con contratos indefinidos "renóvanse contratos temporais e outros traballadores e traballadoras".
De igual xeito, consideran que o cadro de persoal existente antes destes despedimentos "é máis que necesario para desenvolver un traballo nas liñas de produción a un ritmo normal, e non a un ritmo de traballo moi superior ao que debe ser e que provoca accidentes e situacións de Incapacidade Temporal".
Neste senso, CIG e MAS denuncian que un número importante do persoal despedido estaba en situación de Incapacidade Temporal precisamente como consecuencia do alto ritmo de traballo e do estrés provocado polas condicións laborais en Guidoni.
"A FCM-CIG e MAS seguiremos a denunciar, as veces que sexan necesarias, as actitudes de Guidoni en canto ás condicións laborais que imperan na empresa, moi lonxe de seren normais e dignas". A este respecto, a representación sindical critica que dende a adquisición da empresa polo Grupo Guidoni as condicións de traballo estanse deteriorando e as medidas aplicadas pola dirección teñen un único obxectivo: a explotación e a precarización laboral.