Guidoni avanza na súa política de precarización co despedimento de 12 traballadores/as
Guidoni Quartz Surfaces teima na súa política de precarización e despedimentos. No día de onte, a empresa, asentada no Polígono industrial as Lagoas en Narón e que se dedica á fabricación de táboas compactas de seixo, despediu a 12 traballadores e traballadoras alegando supostas causas produtivas e económicas.
Para a Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol non existen ditas causas, senón que estes motivos "son unha mera escusa para seguir a precarizar as condicións de traballo na empresa e intentar amedrentar o cadro de persoal".
O secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez, subliña que Guidoni utiliza o mesmo "modus operandi" tanda tras tanda de despedimentos: bota de forma de individual a un número de persoas próximo ao número necesario para ter que executar os despedimentos mediante un ERE colectivo, agarda pouco máis dos 90 días que marca a lexislación para poder realizar novos despedimentos por causas organizativas, produtivas, técnicas ou económicas, e volve a realizar un número de despedimentos individuais sen necesidade de ERE.
A este respecto, a FCM-CIG denuncia as consecuencias da non terse derrogado a reforma laboral aprobada polo Goberno do Partido Popular en 2012, consolidada pola reforma laboral do PSOE-Unidas Podemos, "xa que non modificou unha soa coma do relativo aos despedimentos por causas organizativas, produtivas, técnicas ou económicas, e como podemos comprobar as empresas aprovéitanse desta situación".
A FCM-CIG subliña que o número de traballadoras e traballadores co que contaba Guidoni antes destes últimos despedimentos era máis que necesario para desenvolver un traballo nas liñas de produción a un ritmo adecuado, "e non a un ritmo moi superior ao que debe ser e que provoca accidentes e situacións de Incapacidade Temporal".
Así as cousas, dende a FCM-CIG "seguiremos a denunciar, as veces que sexan necesarias, as actitudes de Guidoni en canto ás condicións laborais que imperan na empresa, moi lonxe dunhas condicións laborais normais e dignas".