Guerra entre Israel e Palestina, unha guerra colonial desde hai 75 anos

Emile Badarin - 23 Nov 2023

A arraigada estrutura eurocolonial que impregna a orde internacional permitiu e autorizou o espolio e a limpeza étnica dos palestinos desde 1948. Esta non é unha guerra entre Israel e Hamás; máis ben, é unha continuación da violencia colonial destinada a expulsar os pobos indíxenas de Palestina das súas terras

 O 30 de outubro, o fiscal da Corte Penal Internacional (CPI) abordou o ataque xeneralizado de Israel contra os palestinos tras o ataque liderado por Hamás tres semanas antes.

 "Desde o 7 de outubro", afirmou o fiscal Karim Khan, “realmente intensifiquei os meus esforzos para entrar e acceder aos lugares onde se cometeron crimes en Israel, para ver as familias daqueles que están cativos, aqueles que viven con medo, como se o tempo se detivese nun momento extremadamente doloroso, esperando os seus seres queridos, preocupados… e rezando polo seu regreso”. Despois de facer esta emotiva declaración, aprestouse a engadir que fixera “ todos os esforzos posíbeis para entrar en Gaza, mais non fora viábel”.

 Non importa canto de dilixente tentou ser o fiscal da CPI ao dirixirse a ambos os pobos, os fundamentos raciais e coloniais do dereito e as institucións internacionais eclipsaron os seus esforzos, e o sufrimento palestino pareceu, no mellor dos casos, de importancia secundaria.

 A oficina de Khan ten “unha investigación en curso con xurisdición sobre Palestina que se remonta a 2014”, subliñou. Un non pode evitar preguntarse como a CPI logrou declarar a Rusia culpábel de crimes de guerra en Ucraína e emitir unha orde de arresto contra o presidente Vladimir Putin no prazo dun ano; pola contra, despois de nove anos, non parece haber urxencia en completar a investigación dos continuos crimes de guerra de Israel e levar os perpetradores ante a xustiza.

 Os líderes israelís declararon a súa intención de levar a cabo un castigo colectivo e unha limpeza étnica dos palestinos, e o Ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, chamounos "animais humanos" e prometeu "eliminalo todo".

 No seu discurso, o fiscal da CPI non mencionou o “caso clásico de xenocidio” ao que fai referencia Craig Mokhiber, un alto funcionario de dereitos humanos da ONU que recentemente renunciou en protesta pola falta de acción do organismo.

 En troca, Khan reiterou as terxiversacións occidentais descontextualizadas da “guerra contra Hamás” de Israel na que os palestinos “non queren participar”, suxerindo que os miles de vítimas palestinas quedaron “atrapadas nas hostilidades” como un desafortunado dano colateral.

Décadas de desprazamento

 De feito, Israel estivo a librar unha guerra contra o pobo palestino durante décadas nunha campaña continua para o expulsar da súa terra. Con ou sen Hamás (ou Al Fatah, a Jihad Islámica e outros movementos de resistencia), o pobo palestino leva resistindo a colonización da súa terra por parte de colonos eurosionistas desde finais do século XIX.

 Un dos primeiros casos documentados de resistencia palestina ocorreu en 1886, cando os agricultores palestinos de Mlabbis e al-Yahudiyya se negaron a permitir que os colonos sionistas de Petah Tikva se apoderasen das súas terras.

 Yousef al-Khalidi, un destacado político palestino e ex alcalde de Xerusalén, previu perfectamente a inminente loita anticolonial. En 1899, Khalidi lanzou unha clara advertencia a Theodor Herzl, o pai político do sionismo, de que o pobo palestino nunca aceptaría a aspiración sionista de tomar o control e “converterse en amos” de Palestina, senón que resistiría firmemente.

 Nin o fiscal da CPI nin a maioría dos gobernos occidentais mostraron preocupación ningunha pola historia colonial que moldea as condicións globais actuais. Israel e os seus aliados fixeron importantes esforzos para silenciar e suprimir esta historia, chegando mesmo a exixir a dimisión do secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, por sinalar que o ataque de Hamás “non se produciu no baleiro”.

 A representación reducionista do conflito como un entre só Israel e Hamás aliña os parámetros da xustiza coa postura política oficial europea e estadounidense, permitindo así a limpeza étnica e o xenocidio en desenvolvemento. Tal redutivismo e deshistorización eluden as cuestións fundamentais ao redor das estruturas coloniais de Israel e a ideoloxía sionista que conforma as súas prácticas violentas cara aos palestinos.

 Estas accións víronse facilitadas pola participación activa ou o silencio das institucións internacionais desde a publicación da Declaración Balfour hai máis dun século.

 En todo caso, os acontecementos do 7 de outubro só deixaron ver as raíces fundamentais do conflito: a saber, o colonialismo eurosionista, o racismo e as medidas para eliminar o pobo indíxena de Palestina. Xa en 1895, Herzl propuña que os colonos xudeus debían “estimular” os palestinos “a través da fronteira”, sinalando que esta limpeza étnica debía realizarse “discreta e tranquilamente”.

 Hoxe en día, Israel, Estados Unidos e outros Estados europeos están a considerar explicitamente o posíbel desprazamento de palestinos en Gaza ao Sinaí exipcio, mentres que as comunidades na ocupada Cisxordania e Xerusalén estiveron soportando unha limpeza étnica continua durante décadas, un problema que os colonos xudeus están a tratar de acelerar mentres a atención do mundo segue fixa en Gaza.

Sentando as bases

 A limpeza étnica de Palestina é inseparábel das estruturas racializadas do sionismo, que recibe un apoio desenfreado de Europa e Estados Unidos. A limpeza étnica e o xenocidio non son acontecementos espontáneos; van precedidos dunha marca racial deliberada, xunto cunha planificación espacial e militar.

 A marca racializada que sentou as bases para o espolio dos palestinos en 1948, obrigando por centos de miles ao exilio mentres destruía as súas cidades e pobos, perdura até o día de hoxe. A narrativa sionista considera a todos os palestinos como unha ameaza demográfica para o Estado de Israel.

 Esta marca estivo estreitamente vinculada cunha meticulosa planificación espacial, cuxo obxectivo é concentrar a poboación palestina en enclaves cercados e non contiguos na ocupada Cisxordania, Gaza e barrios delimitados dentro de Israel.

 Aínda que os palestinos constitúen a poboación maioritaria desde o río Xordán até o mar Mediterráneo, négaselles o seu dereito básico á autodeterminación e limítaselles a arredor do 15 por cento do territorio baixo diversas formas de dominio israelí, que van desde a ocupación militar no Cisxordania ao asedio e bombardeo de Gaza.

 Aínda que os chamamentos para acelerar o ritmo da limpeza étnica se fixeron máis fortes desde o 7 de outubro, xa circulaban dentro do establishment político e militar israelí, con chamamentos a unha segunda Nakba e a “eliminar” as aldeas palestinas.

 O actual ataque contra Gaza é parte deste “xenocidio continuado”, unha catástrofe continua á que os palestinos responderon en todo o territorio con resistencia decidida e firmeza.

Dando forma á orde xeopolítica

 É esencial recoñecer a dinámica de poder colonial arraigada no dereito e as institucións internacionais, que moldeou activamente a orde xurídica e xeopolítica global de acordo con distincións raciais eurocéntricas e intereses coloniais, desposuíndo os pobos indíxenas das súas terras e do seu dereito á autodefensa. Estas distincións utilízanse actualmente para normalizar a guerra e a limpeza étnica en Gaza.

 Estes conceptos persisten en diversas formas e expresións. Na perspectiva oficial occidental contemporánea, o mundo non occidental existe na “selva”, como dixo o xefe de política exterior da UE o ano pasado, Josep Borrell.

 Esas caracterizacións empréganse non só de maneira despectiva, senón tamén para lograr obxectivos tanxíbeis: xustificar a violencia dos colonos como autodefensa e desposuír os non europeos –considerados habitantes primitivos da selva– das súas terras e recursos.

 Hoxe en día, estes mesmos conceptos están a aplicarse aos palestinos polas mesmas razóns: desposuílos das súas terras, lexitimar o xenocidio e a limpeza étnica contra eles e negarlles o dereito e os medios para se defenderen contra o colonialismo israelí.

 Esta morbosa atmosfera xenocida foise intensificando coa participación directa dos gobernos occidentais, que garantiron as condicións diplomáticas necesarias e proporcionaron armamento, diñeiro, intelixencia e apoio mediático a Israel.

 Estados Unidos e a maioría dos gobernos europeos seguiron apoiando a Israel, mesmo cando as súas forzas ignoran as Convencións de Xenebra, porque saben que tales regras xeralmente están feitas por e para o home branco. Como sinalou o xurista Antony Anghie, as “estruturas básicas do colonialismo” sustentan todas as principais escolas de xurisprudencia internacional.

 A arraigada estrutura eurocolonial que impregna a orde internacional permitiu e autorizou o espolio e a limpeza étnica dos palestinos desde 1948. Esta non é unha guerra entre Israel e Hamás; máis ben, é unha continuación da violencia colonial destinada a expulsar os pobos indíxenas de Palestina das súas terras.

 

[Artigo tirado do sitio web Middle East Eye, do 17 de novembro de 2023]