Grupo Santander externaliza o CPD da Coruña e aproveita para eliminar a boa parte da representación da CIG no comité provincial
A CIG realizou este martes unha concentración diante do SMAC en protesta pola decisión do Grupo Santander-Popular de externalizar o persoal do Centro de Proceso de Datos (CPD) de Orillamar. Con esta medida, a entidade priva da súa condición de representantes legais do persoal ás delegadas e delegados da CIG que nas últimas eleccións ao comité provincial foran elixidos/as polos seus compañeiros e compañeiras.
O Grupo Popular ten un comité provincial na Coruña que representa o persoal da rede de oficinas e o persoal do CPD de Orillamar. A través do ERE formulado o pasado ano (que a CIG non asinou), a entidade bancaria, co apoio dos sindicatos asinantes, procede ao despedimento nuns casos e á externalización noutros, da totalidade do cadro de persoal do CPD, onde están tres dos catro delegados/as da CIG en dito comité.
Estes delegados/as son representantes unitarios do persoal e polo tanto teñen garantía de non seren afectados/as mentres queden traballadores/as no servizo. Porén, a empresa négase a recolocalos na rede de oficinas, a pesares de estaren formados e formadas para desenvolver este traballo, e aproveita así para 'desfacerse' das tres cuartas partes da representación da CIG no comité da Coruña. "Na práctica, o banco está eliminando a presenza da CIG no comité e privando os traballadores e traballadoras de ter representación sindical efectiva ao suprimir a unha parte dos/as delegados/as electos. É dicir, a empresa está vulnerando un dereito fundamental", apunta Óscar Calvo, secretario da CIG-Banca na Coruña.
A CIG ten denunciado a actuación tanto no que ten a ver coa situación individualizada dos traballadores e a traballadora afectada, como polos prexuízos ocasionados á propia central sindical. Precisamente, a concentración deste venres realizouse no SMAC, coincidindo cos actos de conciliación previstos. Non obstante, non foi posíbel chegar a ningún acordo xa que a empresa se negou a recolocar a este persoal dentro da rede propia do banco.
Perigoso precedente
Engade Óscar Calvo que permitir este actuación do banco suporía abrir un perigoso precedente para que as empresas eliminen ao seu criterio á representación de persoal máis combativa e polo tanto, que lles resulta máis molesta. Neste senso, hai que lembrar que a CIG non asinou o último ERE do Banco Santander-Popular ao entender que non había motivos para aplicar un despedimento colectivo, máxime cando se están producindo contratacións a través de ETT en condicións precarias e existe sobrecarga de traballo; polo que, en todo caso, habería que proceder a unha reorganización dos cadros de persoal.
O ERE tiña ademais unha especial incidencia en Galiza e implicaba o despedimento e/ou externalización de case todos os empregados/as do CPD de Orillamar. Neste senso, a CIG manifestou en reiteradas ocasións a súa oposición á externalización deste persoal nunha empresa -que a súa vez é propiedade do Santander-, posto que o traballo se sigue desenvolvendo no mesmo lugar e polas mesmas persoas.
Precarizar o emprego
Esta externalización, na práctica, implica conxelar as condicións laborais e salariais deste persoal, que deixa de estar rexido polo convenio de banca e polas melloras que se apliquen neste marco ao resto do persoal da entidade, e suporá que todos os novos traballadores e traballadoras que se incorporen ao Centro de Proceso de Datos farano en peores condicións.
Xunto a isto, a CIG advertía que este ERE non ía ser última medida de recorte no banco, xa que todo apunta a que a dirección do Santander ten intención de levar adiante un novo axuste na rede de oficinas do Pastor.