Grupo Hormicasa Norte, que xestiona o supermercado Mi Tienda, "ausente" e pendente de pagar salarios
A CIG-Servizos ten convocada unha concentración para o vindeiro martes, 6 de febreiro, para esixir do Grupo Hormicasa Norte, que xestiona o supermercado 'Mi Tienda' de Ares, que pague os salarios pendentes e regularice o abono das nóminas, xa que dende hai meses as traballadoras e traballadores sofren atrasos continuados. A protesta realizarase de 12:30 a 13:30 horas, diante do estabelecemento situado na rúa San José de Ares.
Dende a CIG-Servizos de Ferrol explican que o persoal deste supermercado, na súa maioría mulleres, ten problemas constantes para poder cobrar os seus salarios, até o punto de que neste momento, hai empregadas que aínda non percibiron a nómina de decembro, cos problemas que isto lles supón. Estes atrasos son habituais dende o pasado mes de abril, de tal modo que a empresa nunca abonaba os soldos até despois do día 10 de cada mes.
O 16 de outubro, as traballadoras recibiron cheques cruzados e algúns estaban sen fondos"
Ademais, o 16 de outubro, "foilles entregado un cheque cruzado (dos que se teñen que ingresar e tarda sobre catro ou cinco días en ingresar) e aínda por riba, algúns deles estaban sen fondos", apunta Rocío Doce, secretaria de Organización da CIG-Servizos en Ferrol. Pero ademais, engade, cada vez que as traballadoras se dirixían a empresa para preguntarlle cando ían cobrar, "recibían malas contestacións, e por se non fora dabondo traballar nesas condicións, os responsábeis aínda teñen o descaro de responderlles cun 'se non estás a gusto, xa sabes...'", denuncia.
Dende hai uns tres meses a empresa está ausente, "non se achegan á tenda, non collen o teléfono e xa non contestan ás mensaxes de whatsapp para informar as traballadoras de cando van cobrar ".
A Federación de Servizos da CIG de Ferrol está a traballar para mudar esta situación e xa advertiron que tomarán as medidas oportunas "para evitar que se repitan situacións tan difíciles e desagradábeis como a de ir traballar sen cobrar". Por iso, fan un chamamento á clientela deste supermercado a amosar a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores e sumarse á concentración do vindeiro martes.