Grupo Deus non paga, quere despedir a 103 traballadoras e agora coacciona ao persoal para que se reincorpore
Coaccións ás folguistas, coaccións ás traballadoras que están gozando as vacacións e mesmo presións ao persoal que se atopa de baixa médica para que se incorporen aos seus postos. Estas son as agresivas manobras ás que está recorrendo a dirección de Grupo Deus, a quen non lle parece abondo con presentar un ERE para despedir a 103 empregadas e negarse a pagar os salarios dos últimos cinco meses.
Así o denunciaba publicamente a Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez Castelo, ao remate da marcha a pé que protagonizaron as traballadoras dende as instalacións da empresa no Polígono Industrial até a Alameda de Ordes. Unha mobilización á que se sumou solidariamente o comercio local, pechando as súas portas durante 45 minutos para acompañar as traballadoras na súa protesta polo centro da vila.
"Queremos agradecer especialmente á asociación de comerciantes este xesto, co que manifestan a mesma preocupación que as traballadoras do Grupo Deus, as extraballadoras de Virianto, de Téxtil Mendo ou dun cento de talleres que pecharon: que isto implica pobreza para o concello de Ordes e pobreza para a comarca", subliñaba Martínez Castelo ao remate da marcha. De igual xeito, quixo agradecer o apoio amosado pola Corporación local e o alcalde da vila, que hoxe tamén participou na manifestación.
Na súa intervención, a sindicalista denunciou as coaccións da empresa, que no día de onte comezou a chamar as traballadoras en folga -pero que non forman parte do ERE- para "convencelas" de que se reincorporen aos seus postos. "A empresa puxo en marcha a maquinaria para dividir ao persoal, asegurándolles que, se desistían de seguir na folga, daquela habería cartos para lles pagar os salarios. Pero a que andamos?, mentiron sempre e seguen mentindo", aseverou.
Martínez Castelo subliñou que as presións da dirección tamén se estenden ao persoal que se atopa de vacacións e mesmo ás empregadas en situación de baixa médica. Neste último caso, a empresa "anímaas" a coller a alta voluntaria e reincorporarse ao seu posto, aducindo que é moi necesario sacar o traballo para adiante e servir os pedidos.
"Se hai tanto traballo que atender, aquí hai 103 persoas dispostas a traballar. Pero con unha condición, que o traballo ten que levar salario". Unha afirmación que foi seguida por un berro unánime que se escoitou en toda a alameda: "se non cobramos, nós non traballamos".
Neste senso, a sindicalista lembrou que as traballadoras levan preto de seis meses sen cobrar as súas nóminas, a pesar de que na empresa nunca faltou carga de traballo. De feito, apuntou, polo volume de pedidos moitas empregadas aínda teñen pendente de gozar as vacacións do ano pasado e a compensación polas horas extraordinarias. "Onde están eses cartos e por que non se lle paga as traballadoras? Así é como xestionan o Grupo Deus", valorou.
Perversións da reforma laboral
A Secretaria Nacional da FGAMT-CIG puxo o acento nas consecuencias da regresiva reforma laboral aprobada polo PP, por mor da que se suprimiu a autorización administrativa para a aplicación dos EREs. "Grazas a esta reforma non nos vai quedar outra saída que levar este conflito ao xulgado, e xudicializar 103 despedimentos para facer valer o dereito á defensa do emprego e o dereito a cobrar o salario. Doutro xeito, a Consellaría podería arquivar neste intre o expediente de regulación e impedir que se executaran estes 103 despedimentos".
Así as cousas, as traballadoras continuarán coa folga ao longo desta semana e a próxima e coas concentracións diarias diante das instalacións da empresa.