Grecia: Un país sometido a un auténtico suplicio

Martine Orange - 02 Xun 2017

Despois do terceiro plan, que concluirá en 2018, poñerase en marcha un novo plan. Este prevé 4.900 millóns de euros de aforro suplementario de aquí a 2021. As pensións (por décimo terceira vez desde 2010), os salarios e os servizos sociais sufrirán novos recortes

Máis unha vez, Grecia vaise de Bruxelas coas mans baleiras. Ao remate dunha reunión de oito horas de duración, os membros do Eurogrupo separáronse, na noite do 22 ao 23 de maio, constatando o seu desacordo, coa única promesa de volver reunirse o 15 de xuño. “Aínda había un abismo entre o que se podía facer e o que algúns de nós pensabamos que había que facer”, explicou o presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem. “Necesitamos máis tempo para nos poñer de acordo sobre o xeito de vermos máis visibilidade en canto ás medidas relativas á débeda. Non debería estar fóra do alcance da sabedoría humana chegar a un compromiso”, comentou o ministro de finanzas grego, Euclides Tsakalotos, nun intento de relativizar o fracaso.

 Atenas segue, xa que logo, en suspenso, ao albedrío dos seus acredores. O goberno grego segue esperando o desbloqueo dunha liña de crédito de 7.500 millóns de euros, prevista no marco do terceiro plan de rescate de 86.000 millóns de euros, asinado en xullo de 2015. Sen este diñeiro non poderá afrontar o pagamento de 7.000 millóns que vence en xullo para atender os seus acredores, entre os que destacan o Banco Central Europeo (BCE) e o FMI. Tampouco non pode refinanciarse directamente nos mercados: sen un acordo, as débedas de Grecia non son válidas a ollos do BCE e, xa que logo, non gozan de ningunha garantía.

 Hai xa preto de dous anos que os europeos andan buscando a “Santa Trindade”, como di o ministro grego de finanzas. Alemaña, apoiada polos países de Europa do norte, condiciona a súa participación financeira no plan de salvamento á presenza do FMI. Así e todo, a institución internacional, que lamenta amargamente terse implicado na crise do euro, esixe como paso previo á súa participación no novo plan unha reestruturación da débeda grega, que considera insostíbel: xa ascende ao 179% do PIB. Berlín oponse a esta reestruturación, considerada un agasallo aos gregos.

 A medida que pasa o tempo, o ministro alemán de finanzas, Wolfgang Schäuble, que deu o seu brazo a torcer en xullo de 2015 –daquela avogaba pola saída de Grecia da zona do euro-, semella endurecer a súa posición. As circunstancias non o empurran precisamente a buscar un compromiso. En Alemaña terán lugar as eleccións lexislativas en setembro, e o ministro de finanzas, e con el toda a dirección do principal partido gobernante, a CDU, non ten ningunha intención de facer a mínima concesión no tema grego, convertido nun espantallo para a opinión pública alemá. Máxime cando os liberais alemáns tamén empuñan o tema de Europa de cara á campaña das lexislativas. Compiten por ver quen carga máis as tintas á hora de denunciar os preguiceiros de Europa do sur, ese “Club Med” que custa cada vez máis caro aos “virtuosos” alemáns, segundo eles.

 Antes mesmo de comezar a reunión do Eurogrupo, o ministro alemán, por certo, xa anunciou o resultado: non cumpría agardar gran cousa, por non dicir nada. Segundo el, non é posíbel pechar un acordo até que non se saiban as conclusións dun informe que permita comprobar se o goberno grego levou a cabo todas as reformas que aceptara. O presidente do Eurogrupo, Dijsselbloem, entoou a mesma ladaíña: “Dixemos sempre que a decisión concreta final sobre as medidas suplementarias para alixeirar a débeda grega se adoptaría ao final do programa. É dicir, o ano que vén”. Noutras palabras, nas calendas gregas.

 Recibido con expectación nesta súa primeira reunión do Eurogrupo, o novo ministro francés de economía, Bruno Le Maire, apoiado pola Comisión Europea, non logrou influír no curso dos acontecementos. Antes da reunión, porén, o Elíseo xogara forte, facendo saber que Emmanuel Macron reafirmara o luns o seu apoio ao primeiro ministro grego Alexis Tsipras con ocasión dunha entrevista telefónica. O presidente da República aseguroulle que desexaba “chegar a un acordo proximamente para alixeirar de xeito duradeiro o peso da débeda grega”.

 O xefe do Estado francés defende esta posición desde hai tempo. Reiterouna na súa entrevista con Médiapart. “É inevitábel reestruturar a débeda. Por que? Porque o sistema hoxe é insostíbel. Hai que poñer os ferrollos, as garantías, pechar un acordo colectivo, pero todos sabemos, en todo caso, que haberá que chegar aí”, explicou o 5 de maio. “Esta é a folla de ruta do ministro de economía Bruno Le Maire”, insistiu o contorno do xefe do Estado o luns pola mañá. Á saída da reunión dos ministros europeos, o ministro francés, malia todo, mostrouse optimista. Segundo el, é posíbel chegar a un acordo en xuño.

 Por moito que se esforce en minimizar o fracaso deste Eurogrupo, sinalando que só se trata dun simple informe, o goberno de Syriza está aínda máis débil. Para obter a axuda dos europeos e do FMI, Tspiras, despois de resistirse durante algunhas semanas, aceptou finalmente, en marzo, o novo programa de austeridade que lle esixían os acredores de Grecia. No debate sobre as novas medidas, adoptadas polo parlamento o 18 de maio, o primeiro ministro grego xurou que serían as últimas. Como compensación por estes novos esforzos esixidos, prometeu obter unha reestruturación da débeda grega, que Atenas reclama desde hai máis de tres anos.

 Así, despois do terceiro plan, que concluirá en 2018, poñerase en marcha un novo plan. Este prevé 4.900 millóns de euros de aforro suplementario de aquí a 2021. As pensións (por décimo terceira vez desde 2010), os salarios e os servizos sociais sufrirán novos recortes. Prevíronse medidas automáticas de rigor se Atenas non cumpre os seus compromisos, comezando polo dun superávit orzamental (antes do pagamento da débeda) do 3,5% do PIB cada ano até polo menos 2022.

Obxectivos económicos e financeiros irreais

 Para moitos economistas, esta esixencia dun superávit orzamental do 3,5% durante varios anos é, por dicilo sinxelamente, imposíbel. Mesmo o FMI se opón á medida, considerando que alcanzar semellante excedente orzamental ameaza con anular de maneira duradeiro calquera perspectiva de recuperación económica, sobre todo nun país que sofre un desemprego récord. Conseguir un superávit orzamental do 1 ao 1,5% durante varios anos xa sería, segundo o FMI, todo un logro. Porén, os europeos non aclaran nada: o 3,5% de superávit orzamental é un mínimo, segundo eles, para aseguraren o bo comportamento financeiro de Atenas e permitir a súa permanencia na zona do euro. O obxectivo, ademais, non é irreal, sosteñen, como demostra o feito de que o goberno conseguiu un excedente orzamental do 3,9% en 2016.

 A que prezo? Para alcanzar este resultado, o goberno grego aplicou os métodos propios dun saneamento de empresa: recortou en todos os gastos, tanto de funcionamento corrente como de investimento. As pensións de vellez diminuíron un 40%. Aforráronse 5.600 millóns de euros de gasto público. Hospitais, escolas, transportes, xa medio desmantelados tras oito anos de crise, foron novamente obxecto de importantes recortes. Ao mesmo tempo, todos os impostos directos e indirectos aumentaron. O IVE subiu ao 24%, o imposto sobre bens inmobles subiu. Creáronse novos impostos sobre os automóbiles, as telecomunicacións, as televisións, a gasolina, o tabaco, o café e a cervexa.

 Este disfrace contábel non pode durar máis que un tempo. A partir do cuarto trimestre de 2016, a economía grega, que se recuperou un pouco a comezos de ano, volveu afundirse. Os números do primeiro trimestre confirman o retroceso: Grecia está de novo en recesión. Isto non impide que a Comisión Europea siga apostando por un crecemento do 1,6% para este ano. Como? É un misterio. Mentres que as empresas superviventes loitan por non se afundir, os créditos non pagados e os morosos volven aumentar nos balances dos bancos gregos, que de seu están nun estado lamentábel. As tensións son tan grandes que os gregos, inquietos e avisados pola experiencia de 2015, volveron retirar diñeiro dos bancos. Os depósitos bancarios descenderon a 111.000 millóns de euros en marzo, por baixo do nivel alcanzado no momento máis agudo da crise bancaria da primavera de 2015. En canto aos ingresos do Estado, por moito que aumente a presión fiscal, corren o risco de diminuír, non en balde dependen do estado xeral do país.

Un afundimento histórico

 Os responsábeis europeos gárdanse ben de comentar estes resultados, que, con todo, son a consecuencia das erróneas políticas cegas de austeridade que se aplican sen solución de continuidade desde 2010. O PIB do país caeu un 30% en sete anos, unha cifra que non ten comparanza nos anais económicos. Até a caída da economía estadounidense no período da Gran Depresión da década de 1930 foi menor. A taxa de pobreza é superior ao 30% da poboación. Máis dun millón de xubilados viven con menos de 500 euros ao mes. A taxa de natalidade descendeu por baixo de 1,2 nenos por muller. “Análise da experiencia grega: a operación foi un éxito, o doente morreu”, chancea o sitio web grego keeptalkinggreece.

 Grecia fica apreixada nunha trampa da que non pode saír. Porque todo cadra. O afundimento da demanda tradúcese nun descenso do PIB e unha degradación das contas públicas, o que comporta un agravamento real e matemático (ao descender o PIB) da débeda. A taxa de endebedamento pasou do 120% ao 179% do PIB actual. Unha porcentaxe que moitos consideran insostíbel, a comezar polo FMI. Os dirixentes da UE discrepan. Os arranxos concedidos a Grecia, a redefinición dos vencementos de determinadas débedas e a rebaixa de tipos, subliñan, fan que Grecia teña importantes vantaxes de prezo con respecto aos demais países da zona do euro. Como media, os xuros da débeda representan o 3,2% do PIB fronte ao 3,9% en Italia e ao 4,2% en Portugal. Xa que logo, non procede ningún reaxuste.

 De acordo coas previsións elaboradas polos servizos do ministerio de finanzas alemán, reveladas pola axencia Bloomberg, se Grecia logra un crecemento do 1,3% a longo prazo e xera un excedente primario do 2,6% do PIB de media, a taxa de endebedamento do país descenderá por baixo do 60% en 2060. Claro que existe outra previsión bastante máis sombría. Se o crecemento de Grecia a longo prazo é do 1% e se o excedente primario é de media do 1,5% anual, a taxa de endebedamento de Grecia ascenderá ao 226% do PIB en 2060. No primeiro caso, Grecia non precisará ningunha anulación da débeda, mentres que no segundo haberá que conceder, pola contra, unha quita substancial a Atenas.

 Nin que dicir ten que os responsábeis europeos prefiren máis ben a primeira hipótese. Para eles, hai que seguir impoñendo a Atenas unha xestión rigorosa para que o país non saia do camiño recto, aínda que teña que esperar 40 anos para se repoñer. Porén, todos os factores se conxugan para que sexa máis ben a segunda hipótese a que acabe verificándose. As restricións orzamentais, a ausencia de investimento público e privado e a renuncia a toda modernización do aparello produtivo ameazan con condenar a economía a un estancamento secular, impedindo toda recuperación.

 Desde hai sete anos veñen multiplicándose as advertencias fronte a estas opcións destrutivas. Porén, nada parece incitar os responsábeis europeos a desviárense da liña trazada. O 15 de xuño, renovarán as súas eternas conversacións. A situación, no entanto, pode írselles das mans. Porque Grecia non poderá seguir estando condenada por moito tempo a tal suplicio.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 27 de maio de 2017]