Grecia sucumbe

Ulises Noyola Rodríguez - 19 Abr 2017

As autoridades europeas, no seu afán de evitar unha catástrofe inminente do programa grego, cada vez mostran máis a súa incapacidade de xestionar a crise en Europa e por iso necesitan o apoio de Washington para tomar un respiro ante a súa crise económica interminábel

O goberno de Alexis Tsipras, malia renunciar completamente ao seu programa orixinal, semella entrar nun beco sen saída fronte ás demandas cada vez máis irracionais dos acredores europeos, que intentan custar o que custar evitar a desfeita do terceiro programa de rescate.

 A administración de Alexis Tsipras someteuse a todas as demandas da troika (Fondo Monetario Internacional, Comisión Europea, Banco Central Europeo) na conformación do terceiro programa de rescate co fin de obter a restruturación da débeda pública prometida polos acredores europeos.

 O goberno grego superou o superávit primario demandado pola troika por un monto de 2.400 millóns de euros en 2016, o cal mostrou a súa intención de conseguir o consentimento da troika a custo de manter o sufrimento dos gregos que ven unha interminábel degradación nas súas condicións de vida(1). Mais o peor aínda está por vir para o goberno de Alexis Tsipras, que deberá redobrar os seus esforzos para conseguir un superávit primario de 3.5% do PIB en 2018. Ademais disto, o goberno grego acaba de aceptar medidas de axuste por un monto de 3.600 millóns de euros (2% do PIB), que serán aplicadas entre 2019 e 2020 e facilitarán a revisión positiva do terceiro programa de rescate(2).

 Porén, o esforzo fiscal do goberno grego non tivo ningunha utilidade para obter un pouco de benevolencia de parte dos gobernos europeos que, preocupados polo seu futuro político nas eleccións respectivas, decidiron postergar a consideración de reestruturar a débeda grega en 2017.

 Aliviados dun forte descalabro nas pasadas eleccións holandesas, os gobernos europeos agora centran a súa atención nas eleccións xerais en Francia e Alemaña deste ano, que teñen o potencial de minar os partidos políticos tradicionais que xestionaron de xeito deplorábel a crise económica no Vello Continente.

 Calquera que sexa a decisión das autoridades europeas con respecto ás medidas negociadas no terceiro programa de Grecia, o resultado será custosamente político para os partidos gobernantes, xa que o programa grego xa non resulta críbel para ninguén principalmente nas proxeccións da sostibilidade da débeda grega pola Comisión Europea.

 Por unha banda, as autoridades europeas están tratando de convencer o FMI de participar no financiamento do terceiro programa de rescate a cambio implementar novas medidas de axuste nas pensións gregas para asegurar o pagamento da débeda pública. Porén, a reestruturación da débeda pública é a cuestión a que os gobernos europeos mostran maior resistencia nas negociacións para conseguir a participación do FMI.

 A decisión do FMI de participar no terceiro programa de rescate terá que se dirimir a mediados deste ano, debido a que o goberno grego só ten recursos para cubrir os pagamentos de débeda pública ata xullo de 2017. Esta data podería evitar un golpe nas eleccións de Francia en maio, pero inevitabelmente cruzarase coas eleccións de Alemaña en setembro de 2017.

 A última palabra da participación do FMI no programa grego parece tela Estados Unidos, que conta co poder de veto nas decisións do FMI e que podería conseguir unha vitoria no medio dunha votación adversa na reunión dos representantes dos membros do FMI. Neste sentido, as demandas de Donald Trump de incrementar o gasto militar de Alemaña e reverter a depreciación do euro co fin de incrementar a competitividade das exportacións norteamericanas poderían ser a moeda de cambio para conseguir a participación do FMI no programa de rescate de Grecia.

 Tamén as autoridades europeas poderían conceder unha mínima reestruturación da débeda grega, que incluíse a diminución dos xuros e a demora do período de pagamento, medidas que non alterarían de forma significativa a débeda pública e darían unicamente a fachada de comezar a volver sostíbel a débeda grega.

 Porén, a concesión de Berlín de incrementar o gasto militar substancialmente indubidabelmente prexudicará as súas finanzas públicas e enfrontará a oposición do ministro de finanzas, Wolfgang Schäuble, que está obsesionado en manter sas as finanzas de Alemaña.

 Foi por esta razón que Angela Merkel, na última reunión con Donald Trump o pasado mes de Marzo, se negou rotundamente a incrementar de forma substancial o gasto militar e soamente propuxo incrementalo gradualmente até alcanzar a meta de 2% do PIB en 2024(3). Do mesmo xeito, a política monetaria expansiva do BCE prolongarase até finais de 2017, o cal manterá a depreciación do euro con respecto ao dólar.

 Porén, o presidente Donald Trump deixou entrever as súas molestias coa proposta alemá e non é segura a súa aprobación na participación do FMI no programa grego. A afirmación de Steven Mnuchin, secretario do Tesouro de Estados Unidos, de que a crise económica de Grecia é un problema de Europa, mostra as reticencias de Washington de se involucrar no financiamento do terceiro programa de rescate(4).

 Desta forma, se os gobernos europeos non logran convencer ao FMI de participar no programa grego, os partidos xenófobos recibirán unha bocanada de aire fresco ao denunciar o precedente de ter un programa que non conta coa aprobación do FMI e dos parlamentos nacionais para o seu financiamento.

 Ante a posíbel abstención do FMI de participar no programa grego, as autoridades europeas contemplan a posibilidade de converter o Mecanismo Europeo de Estabilidade Financeira nun fondo monetario europeo que puidese suplir as funcións da troika e prescindir do FMI nos programas de rescate en Europa. Con todo, a promesa de Marine Le Pen, candidata presidencial da Fronte Nacional, de levar a cabo un referendo sobre a saída de Francia da zona euro despois de seis meses de asumir o cargo como presidenta, fai inviábel a creación dun fondo monetario europeo sen o apoio da man dereita de Alemaña.

 En resumo, as autoridades europeas, no seu afán de evitar unha catástrofe inminente do programa grego, cada vez mostran máis a súa incapacidade de xestionar a crise en Europa e por iso necesitan o apoio de Washington para tomar un respiro ante a súa crise económica interminábel.

_______________________________________________________________________

Notas:

1/ Financial Times. “Greece pursues pension and labour reform deal to unlock more aid”. Data de publicación: 5/4/2017.

2/ Financial Times.”Greece strikes deal on economic reforms with bailout monitors”. Data de publicación: 7/4/2017.

3/ The Guardian,”That’s not how it works’: Trump’s grasp of Nato questioned”. Data de publicación: 19/3/2017.

4/ Wall Street Journal, “Mnuchin Comments Imply U.S. Wants IMF to Stick to Hard Line on Greece”. Data de publicación: 23/2/2017.

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 11 de abril de 2017]