Grecia, o baile dos voitres

Anouk Renaud - 22 Mar 2018

Ademais de desposuír a Grecia das súas riquezas, dos seus bens e das súas vantaxes produtivas, fixérono a moi baixo custo. Se non atemos a un razoamento puramente económico, estas privatizacións mostran un desatino

 

 As privatizacións son “ineludíbeis” nas curas de axuste impostas tanto no Norte como no Sur. Este contexto permite ás institucións acredoras non xustificalas máis só polo rexistro ideolóxico do “Estado non ten, por definición, vocación de xestionar as empresas”, senón tamén (e sobre todo) polo do imperativo económico de extraer os recursos financeiros para o reembolso das débedas.

 Grecia é un caso de manual neste sentido. As institucións (Comisión Europea, FMI, BCE e Mecanismo Europeo de Estabilidade –MEDE-) non se contentan con impoñer privatizacións en contrapartida aos empréstitos contraídos, posto que tamén crearon unha ferramenta para tomar o control dos bens públicos gregos e privatizalos segundo as súas condicións.

 É no marco do primeiro memorando, que viu a luz, en 2011, a axencia TAIPED (HRADF, Hellenic Republic Assets Development Fund, en inglés) encargada de privatizar os activos gregos (portos, aeroportos, redes de auga, de electricidade, propiedades inmobiliarias, litorais, camiños de ferro…). O obxectivo era chegar aos 50.000 millóns de euros de recadación. A finais de 2015, ese obxectivo está lonxe de ser conseguido. O terceiro memorando, concluído no verán de 2015, acelera as privatizacións coa creación dun ben chamado “superfondo”.

Un superfondo con superpoderes?

 O 1 de xullo de 2016 a Hellenic Corporation of Assets and Participations S.A (HCAP S.A.) púxose en marcha. O Estado grego transfire a este novo fondo o conxunto dos seus activos (empresas, patrimonio, propiedades, accións…) sen contrapartida, é dicir, sen recibir diñeiro a cambio. A seguir, este fondo foi encargado de vender ou ceder os dereitos dos activos en cuestión. A diferenza do seu predecesor, o TAIPED, que posuía “soamente” o 25% dos activos gregos durante seis anos, este superfondo ten vocación de xestionar a case totalidade [1] e por 99 anos.

 Que fai entón este superfondo coas ganancias das privatizacións? Segundo o texto do terceiro memorando, sobre 50.000 millóns, o 50% dos beneficios obtidos serán destinados a cubrir as necesidades de recapitalización dos bancos gregos, o 25% para o reembolso da débeda do MEDE e o 25% restante para investimentos decididos polo propio fondo.

Quen pilota o avión?

 Este superfondo está dirixido por un consello de dirección composto por cinco membros: tres son nomeados por Grecia, tras o aval das institucións; e dous, entre eles o presidente, pola Comisión Europea e o MEDE, tras o acordo do ministro de Finanzas grego. Os últimos gozan do dereito de veto. En outubro de 2016, o consello foi nomeado. Os dous representantes elixidos polos acredores son o francés Jacques Pápelle para a dirección do fondo e o español David Vergara. O primeiro, un alto funcionario que chegou a través das portas xiratorias, tendo pasado principalmente por Air France e o gabinete de Christine Lagarde [2], hoxe directora do FMI. O segundo é un antigo membro do MEDE. Sen sorpresa, os acredores colocaron a “caras coñecidas” aos mandos deste superfondo.

Un desatino económico

 Ademais de desposuír a Grecia das súas riquezas, dos seus bens e das súas vantaxes produtivas, fixérono a moi baixo custo. Se non atemos a un razoamento puramente económico, estas privatizacións mostran un desatino. A lóxica presentada é a seguinte: “privatizar os vosos bens permitiravos sacar ingresos non soamente co prezo da venda, senón tamén, grazas aos aforros realizados non tendo que financiar máis tal infraestructura, tal servizo ou tal rede. Nunha palabra: aumentades os vosos ingresos e reducides os vosos gastos”. Implacábel en aparencia, salvo que, por unha banda, os prezos das vendas son ridículamente baixos, e por outra, Grecia non se desfai unicamente de edificios poeirentos, senón que cede empresas rendíbeis e infraestruturas estratéxicas para a súa economía.

 Ese foi o caso en decembro de 2015, cando o Goberno de Tsipras cedeu por 40 anos os dereitos de explotación e de extensión de 14 aeroportos rexionais. As instalacións non soamente dan beneficios, senón tamén teñen un potencial de desenvolvemento importante [3], dado o lugar que ocupa o turismo na economía grega. Idem para as redes de auga de Atenas e Tesalónica, a transferencia das cales ao superfondo provocou fortes protestas e o corte da auga dos locais de Syriza en Tesalónica. Afectando a máis do 80% da poboación grega, estes dous servizos rexistraron 40 millóns de euros de beneficios en 2016 [4]. Os prezos dos contratos de privatización son fixados polo superfondo, coa axuda de conselleiros financeiros, como o Deutsche Bank, Citibank e Piraeus Bank [5].

Privatizacións ilegais

 Ademais, estas privatizacións son ilegais. En efecto, para M. Hudson, os activos dun Estado son constitutivos da súa soberanía, dilapidalos como no caso de Grecia, resulta pois contrario ás regras elementais do dereito internacional. Hudson fala, nin máis nin menos, que de guerra intraeuropea [6]. A ilegalidade das privatizacións maniféstase en dous aspectos: primeiro, o tipo de bens privatizados e, logo, os seus modos de venda [7].

 Na súa análise das diferentes transferencias de propiedades derivadas do memorando, Eleni Portaliou, profesora na National Technical University de Atenas, identifica tres tipos de bens públicos: os bens que por natureza están ligados aos obxectivos públicos e á soberanía nacional (defensa, lugares naturais, infraestruturas enerxéticas…), os bens garantes dos obxectivos públicos ligados ao despregue do Estado social (hospitais, escolas…) e finalmente os bens inmobiliarios, que son propiedades privadas do sector público. Soamente esta última categoría é susceptíbel de pasar a mans privadas, pero segundo procedementos determinados polo propio Estado e non por organizacións do exterior [8]. Estando en mans de potencias estranxeiras, acredoras de Grecia, o HCAP S.A. é unha institución ilegal porque, por unha banda, a súa carteira comprende todos os bens gregos e, por outra, goza dunha total liberdade en canto a métodos e condicións para a explotación deses activos.

 Sobre a cuestión do tipo de bens privatizados, cómpre salientar que numerosas lexislacións prohiben o embargo polos fondos voitre de bens considerados como intrínsecos á soberanía estatal. O que os fondos voitre non poden facer, o FMI, a Comisión Europea, Francia, Alemania, Bélxica, Vinci ou Véolia o fan!

Quen son os voitres que se aproveitan?

 Outubro de 2015: François Hollande chega ao aeroporto de Atenas, e é recibido en persoa por Alexis Tsipras. Con el, varios ministros franceses, pero tamén un feixe de directivos de empresas. Mentres que se nos presenta unha visita baixo o signo da “confianza e a amizade”, está claro que tres meses despois do asinamento do terceiro memorando, Francia vén buscar a súa parte do pastel. Unha veleidade iertamente revestida co verniz diplomático de rigor, pero que non se pode agochar, xa que as empresas francesas se beneficiaron claramente da viaxe para facer coñecer “os seus intereses por certas privatizacións”, tal e como declara un conselleiro de Tsipras [9]. Alstom cobiza o sector ferroviario; Vinci os aeroportos, portos e autopistas e, por suposto, Suez está nos postos de partida para os servizos de auga de Atenas e Tesalónica [10].

 Pero máis aló dos intereses dos grandes grupos privados, moitas empresas beneficiarias das privatizacións gregas están directamente ligadas ao sector público de países estranxeiros. En 2015, a empresa Fraport, que obtivo o negocio dos 14 aeroportos rexionais está maioritariamente en mans do Land de Hess e da cidade de Fráncfort [11]. E en 2016, a compañía pública italiana de ferrocarrís mercou a súa homóloga grega OSE (Organismós Sidirodrómon Elládos).

 Á luz desta empresa de desposesión das riquezas gregas a unha escala practicamente industrial (trátase da maior transferencia de propiedade en Europa occidental) e levada a cabo por e para as potencias estranxeiras ou os intereses aos que están ligadas, é difícil non facer o paralelismo cos países do Sur e a instalación dun réxime neocolonial. Un réxime que se instala e se fortalece, non ao ritmo das botas dun exército colonial, senón ao dos empréstitos e prazos de reembolso dunha débeda pública ilexítima.

________________________________________________________________________

Notas

[1] Afecta aos portos, as propiedades públicas (hoteis, zonas de campisimo, edificios da administración…), monumentos declarados, estradas nacionais, aeroportos, instalacións militares, a rede de gas natural, bosques, praias, redes de auga, miles de hectáreas de terras, humedais, camiños de ferro, a rede de correos, empresas públicas, etc.

[2] Vv Olivier PETITJEAN, « Grèce : “Grecia: Francia sitúa os seu altos funcionarios para se aproveitar mellor das privatizacións”, 2016. https://www.bastamag.net/Privatisations-grecques-la-Franceplace-ses-hauts-fonctionnaires-pour-mieux

[3] Niels KADRITZKE, « Gran liquidación en Grecia », Monde Diplomatique, xuloo 2016.

[4] Marie-Laure COULMIN KOUTSAFTIS, «Tras dous memoranda e no medio do tereceiro», 2017.

[5] Sol TRUMBO VILA e Matthijs PETERS, «The Privatising Industry in Europe », TNI, febrero 2016, p.14-16. https://www.tni.org/files/publication-downloads/tni_privatising_industry_in_europe.pdf

[6] Citado por Eleni PORTALIOU, op. cit.

[7] Ibid.

[8] Ibid.

[9] Marina RAFENBERG, « Manuel Valls, un estraño aliado para Alexis Tsipras », 2016. http://www.lexpress.fr/actualite/monde/europe/manuel-valls-un-drole-d-allie-pour-alexis-tsipras_1797952.html

[10] Olivier PETITJEAN, “Grecia: millonarios e multinacionais reparte o pastel das privatizacións”, 2015. https://www.bastamag.net/Grece-milliardaires-et

[11] Niels KADRITZKE, op.cit.

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web CADTM, do 12 de marzo de 2018]