Grecia: O acordo Tsipras-Eurogrupo sobre a débeda grega

Antonis Davanellos - 09 Xul 2018

Desde a perspectiva dos traballadores e as clases populares, o acordo cos acredores de SYRIZA e a troika é unha grave ameaza. Os salarios, as pensións, o gasto social, a lexislación laboral, a protección do ambiente, os espazos públicos, os dereitos sociais no sentido máis amplo, estarán baixo presión e máis cuestionados

 Alexis Tsipras prometeu aos seus colegas cambiar de estilo e poñer unha gravata cando se resolvese o problema da débeda e a economía grega superase as bárbaras políticas dos memorandos aplicados baixo a supervisión da troika de acredores.

 En efecto, na presentación pública en Zappeion [o monumento situado no Xardín Nacional de Atenas, no centro da capital grega] o acordo da última reunión do Eurogrupo en Luxemburgo [finalizada a noite do 21 a 22 xuño 2018], o primeiro ministro grego… puxo unha gravata! Foi un intento de poñer de relevo a "mensaxe" do goberno de SYRIZA-ANEL de que a política desde 2015 -unha política de ampliación e profundación do rigor dos memorandos iniciada en 2010- sería, de feito, dalgún xeito unha historia de éxito, que finalmente conseguiu sacar o país dos odiados memorandos.

 Este intento de poñer en marcha unha política de comunicación convincente está condenado ao fracaso, xa que está moi lonxe da realidade. Detrás da demagoxia da suposta “fin dos memorandos” agóchase a verdade do compromiso que obriga a seguir a política dos memorandos durante un período de tempo impensábel, de feito toda unha época histórica.

 O acordo do Eurogrupo non cumpriu as expectativas do equipo de Tsipras. A "proposta francesa" (un Macron non demasiado "radical") -vincular o pagamento da débeda ao crecemento do PIB, recorrendo a "mecanismos" destinadas a reducir as cotas de pagamento de acordo co progreso da situación económica- foi abandonado tacitamente.

 Na práctica, a decisión podería resumirse como a "extensión" da madurez de só un terzo da débeda (un empréstito de 96.000 millóns de euros do FEEF no segundo memorando) e a creación dunha reserva efectiva (colchón de efectivo, cash buffer) que debería permitir aos futuros gobernos cumprir coas súas obriga de pagamento, se a aclamada volta de Grecia aos mercados financeiros se frustra en última instancia.

 A decisión baséase nos requisitos dos acredores e a UE.

 Por unha banda, permítelles declarar que"ningún país europeo está baixo un memorando", é dicir, tentar reforzar a imaxe de cohesión do Espazo Económico Europeo, dado o plausíbel agravamento do conflito aberto pola política proteccionista e de guerra comercial iniciada por Trump.

 Doutra banda, protexe os seus intereses de forma efectiva e durante un longo período de tempo.

 A creación da reserva de efectivo, que se considera necesaria, baséase no caso de que Tsipras-Tsakalotos proxectan saír rapidamente aos mercados financeiros que é simplemente unha sobreestimación moi esaxerada.

 Só unhas semanas despois do episodio da crise italiana, a taxa de xuros da débeda grega a dez anos alcanzou o 4,84% (aproximadamente o mesmo nivel que antes da creba que abriu o camiño ao primeira memorando de 2010 a 2011). Tras a declaración do Eurogrupo, moderouse lixeiramente ao 4.14%, é dicir, a un nivel aínda prohibitivo.

 O "período de graza" -sen pagamento de xuros e principal- de 10 anos (até 2032 e non 2022) de 96.000 millóns da débeda do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF) -que non é un agasallo, xa que amplía unha década o cobro de xuros rendíbeis para os acredores- debe facilitar o reembolso da débeda restante, e implica tamén un novo episodio na crise da débeda grega: en 2032 (en lugar de 2022, coa supervisión que implica).

 En palabras dun xornal do sistema, To Vima [Tribuna], que atribúe a estimación a "expertos" anónimos: "O acordo é intelixente. Os alemáns non cederon case nada a Grecia, simplemente o estritamente necesario para sacar o país da zona de perigo a medio prazo. Imos necesitar un novo acordo en 2032, se non hai unha recuperación económica rápida".

 En troca, o goberno de Tsipras "cedeu" no seguinte:

  1. O compromiso de que todas as leis asinadas baixo os memorandos, reformas e contrarreformas ao longo do período de oito anos da crise, permanecerán en vigor sen ningunha modificación, nin sequera secundaria, mesmo despois da suposta fin da memorandos. O que Tsipras cualifica como “saída dos memorandos” é en realidade a transformación das contrarreformas neoliberais contidas nos memorandos 1, 2 e 3 en medidas de carácter permanente durante décadas!
  2. O compromiso de adoptar medidas adicionais de extremo rigor: a redución das pensións, xa iniciada en 2019; o aumento dos impostos pagos principalmente polas clases traballadoras; a supresión do límite máximo de ingresos non gravábeis no ano 2020; o aumento do imposto á propiedade [ENFIA] con valores obxectivos de "axuste" dos bens raíces; a demolición da protección social, incluso a máis rudimentaria, mediante a redución das prestacións da seguridade social en 2018; e, ademais, un programa de privatización galopante que inclúe non só a empresa estatal de electricidade (DEI), senón tamén o sistema de distribución de auga en Atenas e Salónica e de todos os terreos públicos cuxo valor sexa amortizábel no mercado inmobiliario.
  3. O compromiso de reforzar a política económica e social no futuro na marxe extremadamente estreita prevista no acordo sobre o superávit primario (antes do pagamento de xuros da débeda), que continuará sen descanso levando ao abismo da barbarie neoliberal a sociedade grega. Segundo o acordo, Grecia terá un superávit de 3,5% do produto interior bruto até o ano 2022 e logo dun 2,2% como termo medio durante 37 anos máis, é dicir, até 2060!

 Mesmo os economistas que sempre apoiaron os memorandos advirten que ningún outro país na historia da economía foi capaz de xerar excedentes desta magnitude durante un período de tempo tan longo.

 Porén, a Tsipras non lle preocupa, aínda que os últimos oito anos da experiencia grega mostra que estes excedentes son pagos co sangue dos traballadores e as clases máis pobres. Aos acredores tampouco lles preocupa, xa que o acordo do Eurogrupo establece un mecanismo estrito de control para garantir os excedentes: auditorías trimestrais, informes de cumprimento, mecanismos que implican a adopción de medidas cando os obxectivos orzamentarios adicionais non se cumpran. Parece un cuarto memorando ... despois do final do terceiro.

 Como sinalamos antes, a aplicación "normal" do acordo supón unha evolución máis ou menos rápida da economía grega a un estado de crecemento perpetuo. Se é necesario, o acordo contempla medidas de acción drástica sucesivas dos acredores, por primeira vez en 2022 e despois, probabelmente aínda máis dramaticamente, en 2032.

 Ademais, Christine Lagarde (FMI) e Mario Draghi, do BCE, indicaron que o acordo se considera viábel a medio prazo, ata 2032 (aínda hai un período durante o cal Grecia poderá continuar sendo explotada) pero a débeda grega aínda non é sostíbel a longo prazo.

 Con todo, é máis probábel que o problema se dea antes, xa que o acordo non ten en conta o prognóstico sobre o crecemento da economía grega e non facilita un.

 O compromiso de xerar excedentes correspondentes ao 3,5% do PIB significa que non se incrementará o investimento público (o instrumento tradicional de "crecemento" do capitalismo grego).

 Pola contra, aínda se reducirá máis. En resposta, o estado maior de Tsipras promete un aumento do investimento privado e subliña que non aforrará esforzos para atraela. Pero malia a destrución dos salarios e dos dereitos dos traballadores, o investimento dos capitalistas gregos permanece a un nivel do 30% (!) inferior en comparación con antes da crise. N. Christodoulakis, ministro socialdemócrata no goberno de Konstantinos Simitis (primeiro ministro do PASOK 1996-2004), sinala unha "falta de investimentos por un total acumulado de 100.000 millóns en Grecia. Propón reducir o superávit primario do 1,5% do PIB para que o resto dos recursos fiscais poidan dedicarse ao "investimento na produción", o que podería apoiar as posibilidades de crecemento económico. Alexis Tsipras aprenderá rapidamente a razón da posición histórica da esquerda de que o único acordo político viábel sobre a débeda é repudiala e condonala.

 Desde a perspectiva dos traballadores e as clases populares, o acordo cos acredores de SYRIZA e a troika é unha grave ameaza. O recoñecemento dos investimentos privados (nacionais e internacionais) como única esperanza para o progreso social conduce á absoluta suxeición aos apetitos do capital. Os salarios, as pensións, o gasto social, a lexislación laboral, a protección do ambiente, os espazos públicos, os dereitos sociais no sentido máis amplo, estarán baixo presión e máis cuestionados. Os "sacrificios" necesarios serán dunha enorme barbarie e o resultado seguirá sendo incerto, mesmo en comparación co primeiro memorando (que prevía a fin da crise en... 2012!).

 Fronte a esta política, a única resposta consistente é a organización e a reactivación de loitas amplas para o cuestionar.

 Contra esta política, Nova Democracia (Kyriakos Mitsotakis) e a extrema dereita (Amencer Dourado), que trataron de construír un movemento de masas nacionalista sobre o tema de Macedonia, amosan agora un comportamento bastante máis submiso. Condenan os "tiros errados" de Tsipras, tentan rendibilizar a insatisfacción popular ante as medidas previstas. Pero coidadosamente deixan fóra do alcance da súa crítica o núcleo da política prevista no acordo.

 Para a dereita, a voz do capital segue sendo "a voz de Deus."

 Nestas novas circunstancias, o peso da resistencia e do cambio recae de novo na esquerda alternativa.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 4 de xullo de 2018]