Grecia: A nova lei laboral supón un ataque frontal á clase traballadora
Unha das disposicións máis agresivas da lei é a "posibilidade" de traballar máis de oito horas nun día, socavando directamente a conquista histórica da xornada laboral de oito horas. En concreto, pasará a ser legal que un mesmo empregado traballe até 13 horas ao día, mediante a conclusión un contrato con dous (ou máis) empregadores
O pasado mes de agosto, o ministro de Traballo, Adonis Georgiadis, presentou o novo proxecto de lei do goberno de Nova Democracia en materia laboral e de seguros, que vai acabar coas proteccións máis fundamentais que aínda lles quedan aos traballadores. En palabras do propio ministro "o noso obxectivo é facer que as relacións laborais sexan máis honestas entre nós [é dicir, os traballadores e os empresarios]", explicando que moito do que codifica a lei está xa sucedendo de maneira informal. Expresou explicitamente as súas intencións: conceder á intensificación da explotación da clase traballadora todo o peso da lei.
A nova "Lei Georgiadis", que integrará a directiva 2019/1152 da Unión Europea na lexislación grega, degradará aínda máis a posición dos traballadores, como continuación da "Lei Hatzidakis" antilaboral de 2021. Unha das disposicións máis agresivas da lei é a "posibilidade" de traballar máis de oito horas nun día, socavando directamente a conquista histórica da xornada laboral de oito horas. En concreto, pasará a ser legal que un mesmo empregado traballe até 13 horas ao día, mediante a conclusión un contrato con dous (ou máis) empregadores, sendo a xornada de oito horas un límite máximo só para cada contrato individual.
Acabar coa xornada de oito horas
O ministro presentou como "concesión" o mantemento da actual disposición dun descanso diario mínimo de 11 horas consecutivas. Este retroceso poderíase ter producido despois de se decatar de que traballar dúas quendas separadas de oito horas, para un total de 16 horas, entra en conflito coa lexislación europea sobre o descanso mínimo dos traballadores. Así, tentou converter o descanso mínimo estipulado de 11 horas seguidas nunha especie de límite da xornada laboral.
Georgiadis mesmo describiu de xeito desafiante a abolición da quenda de oito horas como a creación dunha nova "opción" para os traballadores, que traerá "vantaxes" como salarios máis altos en xeral e unha pensión maior, como se isto constituíse un argumento contra a protección do exceso de traballo. A curto prazo, este novo réxime laboral, combinado cunha inflación galopante, fará diminuír os salarios reais, tendendo a converter a xornada de 13 horas, en lugar da de oito, en requisito básico para a subsistencia.
As verdadeiras motivacións desta dura normativa antilaboral quedan patentes na resposta de Georgiadis á pregunta de se se poden asinar dous contratos (por exemplo, oito máis cinco horas de traballo ao día) co mesmo empresario. Dixo que isto non se permitirá xa que, neste caso, traballar máis de oito horas constitúe horas extraordinarias.
Coa actual xornada laboral máxima de oito horas, aínda no caso de múltiples empregadores, cada hora de traballo máis aló das oito horas constituiría horas extraordinarias, xa que superaría a duración estipulada da quenda dun dos contratos. Por tanto, polo menos un empresario tería que pagar. Agora, coa disposición de até 13 horas de traballo ao día, a clase capitalista poderá empregar a cada traballador durante cinco horas máis, despois mesmo de que xa realice unha quenda de oito horas, sen ter que pagar horas extras. O traballador, pola contra, ten que cargar co custo e o tempo de desprazamento para se desprazar dun traballo a outro.
Ademais, os empresarios poderán crear dous ou máis empresas idénticas ou similares e poderán "repartir" os traballadores entre elas, organizando os seus horarios para evitar o pagamento de horas extraordinarias e os controis da inspección de traballo. O mesmo pode ocorrer en grupos de empresas, ou en diferentes contratistas que realicen subcontratacións para grandes empresas.
Explotación “innovadora”
Georgiadis tamén tivo présa en presentar outra importante "innovación" do proxecto de lei: os chamados contratos de cero horas, un modelo que se aplica en Gran Bretaña desde hai anos, pero que está prohibido en Grecia, xa que as condicións dun contrato deben incluír un mínimo de horas de traballo segundo a lexislación vixente.
Os "contratos de cero horas" legalizarían a contratación de traballadores por parte dos empresarios, sen ningún compromiso de días e horas de traballo concretos. Con este réxime, os empresarios poderán contratar traballadores cando, onde e como queiran, cun simple preaviso de 24 horas. A estes traballadores pagaríaselles unicamente en función do número de horas traballadas, sen dereito a remuneración adicional por horas extraordinarias, traballo nocturno ou traballo en domingos e festivos. O que a burguesía chama cinicamente "flexibilidade" constitúe un réxime de precariedade total para os traballadores, tanto no que se refire ao seu salario mensual, lugar de traballo e días de vacacións pagas.
Por suposto, a Directiva da UE, que inclúe algunhas disposicións de protección dos traballadores con este tipo de contratos, estabelece expresamente que non está permitido que un Estado membro, que non contemple este tipo de contratos na súa lexislación, os introduza con motivo da incorporación da Directiva. Por iso, cando se decatou de que existía a posibilidade dunha multa por parte da UE, o Goberno evitou inserir esta disposición no proxecto de lei que someteu a consulta. Con todo, a pesar de se ver frustrado nesta ocasión, está claro que é unha disposición que quere introducir á primeira oportunidade.
A previsión do "período de proba" de seis meses tras a contratación dun asalariado representa outro avance cara á precariedade laboral. O propio Georgiadis admite que esta normativa non "toca" a non obriga do empresario de pagar unha indemnización por despedimento a un empregado recentemente contratado se é despedido antes de que se cumpran os 12 meses. Pero, ademais, a "oficialización" deste seis primeiros meses como de "proba" lles proporciona aos capitalistas unha coartada para introducir todo tipo de condicións desfavorábeis en detrimento dos traballadores recentemente contratados.
En concreto, o proxecto de lei estabelece que, tras o período de proba, o empregado "poderá presentar unha solicitude de modificación do seu contrato, a fin de ser contratado en diante cunhas condicións laborais máis previsíbeis e seguras". Así pois, os empresarios que poidan ofrecer condicións salariais e laborais acordes coa norma do sector só o farán de feito unha vez que o empregado complete un período de "aprendizaxe", durante o cal tamén percibirá un salario de "aprendizaxe". É seguro que as empresas optarán, polo menos para unha parte do seu persoal, por contratar "aprendices" con salarios baixos durante seis meses e logo despedilos sen indemnización para contratar a outros, e así sucesivamente.
Ademais, co artigo 28 ("Posibilidade dun acordo sobre a ordenación do tempo de traballo entre o empresario e o traballador"), a ordenación do tempo de traballo na "lei Hatzidakis" empeora aínda máis. Coa antiga lexislación, existía a posibilidade de concertar individualmente un horario de traballo cun acordo por escrito entre o empresario e o traballador, a petición deste último. Antes, só se podía facer mediante convenio colectivo. Co novo regulamento, suprímese a "solicitude do traballador". Así pois, agora a iniciativa pode tomala formalmente o empresario (que xa a tiña efectivamente) para obrigar o empregado a aceptar horas extraordinarias non remuneradas.
Cos artigos 25 e 26, a lei amplía tamén a semana laboral de seis días a máis sectores e reduce as condicións formais que deben cumprir os empresarios para xustificar unha xornada laboral adicional. Así pois, a expectativa dunha semana laboral de cinco días estase erosionando gradualmente, coa perspectiva obvia de que a recarga de seis días se reduza ou mesmo se elimine.
Por último, o artigo 27 aumenta os sectores para os que os domingos e festivos se consideran días laborábeis. De feito, case todos os sectores engadidos (a industria alimentaria, o embotellado de auga, a produción de refrescos) non estaban incluídos na forma orixinal do proxecto de lei, senón que se introduciron tras as demandas pertinentes das respectivas asociacións capitalistas durante a consulta ao goberno.
Novo ataque ao dereito de folga
Como servidor da clase dominante grega, Adonis Georgiadis non podía presentar un proxecto de lei laboral sen lanzar novos ataques contra o dereito de folga. Sucesivas leis anteriores dificultaron cada vez máis a convocatoria de folgas. O novo proxecto de lei tipifica como delito a "violencia psicolóxica" e a ocupación dun lugar de traballo, con penas de cadea de longa duración. A intención evidente é ilegalizar as medidas colectivas básicas para manter a unidade disciplinada entre os traballadores en folga e para defender as folgas e os piquetes dos crebafolgas e os matóns da patronal.
Todos os ataques do proxecto de lei de Georgiadis, ademais de confirmar o carácter reaccionario do goberno de Nova Democracia, testemuñan o beco sen saída do capitalismo grego, no medio dunha crise do capitalismo mundial. Inmersa no agravamento das contradicións do seu podre sistema, a clase dominante vese cada vez máis empurrada a alimentarse da carne de toda a sociedade, tratando de aumentar a súa incalculábel riqueza acumulada explotando e oprimindo cada vez máis duramente á maioría.
Os ataques cada vez máis brutais contra as masas traballadoras constitúen unha característica fundamental do capitalismo na súa actual fase de avanzada decadencia. O movemento obreiro e a mocidade deben loitar unidos e con decisión contra o reaccionario proxecto de lei de Georgiadis e o goberno de Mitsotakis no seu conxunto. Só unha loita de clases seria pode reverter estes novos ataques e asumir a defensa en contra dunha maior erosión dos dereitos dos traballadores tan arduamente conquistados.
[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 30 de setembro de 2023]