“Golpe de estado” da patronal estatal aos dereitos do persoal da construción da provincia de Pontevedra

Pontevedra - 15 Dec 2023

A CIG denuncia que a anulación do convenio da construción da provincia de Pontevedra por parte do TSXG tras a demanda presentada pola patronal estatal supón “un auténtico golpe de estado” contra os dereitos do persoal do sector e censura que o empresariado pretenda impoñer, coa complicidade de CCOO e UGT, un marco estatal que empeora as condicións laborais.

Na central lamentan que tanto a patronal estatal como os sindicatos CCOO e UGT estean na dinámica de boicotear as melloras que se acadan no noso país, intentando impoñer o que se pacta en Madrid aínda que supoña unhas condicións miserentas que empobrecen o persoal do sector. 

A CIG lamenta que tanto a patronal estatal como CCOO e UGT estean na dinámica de boicotear as melloras que se acadan no noso país

“Agora celebran esta decisión xudicial aínda que as persoas traballadoras non vexan aumentados os seus salarios nin poidan gozar das melloras pactadas”, tal e como sinala o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, que considera “escandaloso” que CCOO e UGT fagan apoloxía do empeoramento das condicións de traballo. “Emprazámolos a tomar as medidas necesarias, incluída a folga, para defender as melloras e os dereitos que contempla o convenio de Pontevedra e que a patronal de Madrid non respecta e anula”.

O acordo, que entrou en vigor o 9 de xuño tras ser asinado pola CIG e a asociación empresarial do sector, incorporaba unha serie de melloras laborais, incluíndo a reivindicación histórica da xornada intensiva de mañá no verán durante o mes de xullo. Mais tamén o complemento de IT por enfermidade común e o de discapacidade, as licenzas e as indemnizacións por despido no sector de conservación de estradas e vías férreas. Ademais, establecía unha suba do 4,75% en 2022 e do 3% en 2023, con cláusula de revisión salarial a IPC.

Despois da ratificación do convenio a patronal estatal, en contra da provincial, presentaba recurso xudicial contra o convenio, como acontecera hai cinco anos co anterior acordo. A CIG non puido participar no xuízo ao non terlle chegado a tempo a notificación.