GFS Security, que presta servizo na Coruña, Pontevedra e Ourense, continúa a atrasarse no pago das nóminas
A compañía valenciana GFS Security, que presta servizos de seguridade na provincia da Coruña, Pontevedra e Ourense e que empregan a máis de 130 traballadores/as, volve unha vez máis a pagar as nóminas con atraso. Segundo o convenio estatal de Seguridade Privada debera facelo dentro dos tres primeiros días hábiles do mes, pero os empregados/as está a recibir os salarios de maio “a contagotas” dende onte, 6 de xuño, polo que a CIG anuncia novas mobilizacións.
Os últimos problemas co pago dos soldos tiveron lugar no mes de febreiro, “e visto o visto continúan a ter problemas de liquidez debido á adquisición da empresa por parte dun fondo de investimento, operación de hai dous meses pero que desta volta semella ser a escusa para xustificar os atrasos no abono dos salarios”.
Diante disto a CIG rexistrou unha denuncia na Inspección de Traballo e Seguridade Social, tal e como fixera tamén en febreiro, para manter informada a autoridade laboral da “crónica e sostida situación que teñen que aturar os traballadores/as da empresa dende que comezou a súa andadura no país en outubro do ano pasado”.
En consecuencia, a central sindical desenvolverá concentracións o vindeiro venres 16 de xuño na porta de acceso a Reganosa e Forestal del Atlántico (Mugardos) e o 23 diante de Gadisa para “visibilizar o conflito e denunciar a situación que soporta” o persoal da empresa.
Finalmente, dende a CIG adiantan que continuarán na loita fronte a unha empresa que xa ten diversos requirimentos de Inspección de Traballo por mor das irregularidades cometidas, xerando conflitividade contra o seu persoal, dende a cesión de servizos por parte de Prosetecnisa o pasado mes de outubro, “adebedándolle aínda a día de hoxe aos traballadores/as salarios atrasados pendentes da anterior empresa”.