GFS Security Group, embargada pola Seguridade Social e Facenda
A empresa GFS Security Group, que presta servizos de seguridade privada e control de accesos dende o pasado 1 de outubro a empresas coma REGANOSA, Forestal del Atlántica ou Gadisa (todas do Grupo Tojeiro), actualmente ten ordes de embargo contra as súas propiedades por un importe preto aos dous millóns de euros. Estas débedas serían contraídas principalmente coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria, pero tamén con outros organismos públicos e privados.
Na situación actual, contando a totalidade das propiedades da empresa, e tendo en conta que leva xa máis de seis meses sen poder sanear as súas contas, GFS non tería capacidade de asumir as ordes de embargo que pesan sobre a compañía. Unha situación que derivaría da decisión empresarial de facerse cargo do activo, pero tamén do pasivo, deixado pola anterior empresa, tamén quebrada, Prosetecnisa.
Situación de GFS Security previa á súa contratación
No mes de setembro, a CIG xa comunicaba a preocupación dos preto de cen traballadores e traballadoras na provincia da Coruña pola nova empresa adxudicataria á que pasarían subrogados, ao se tratar dunha PEME con menos de 50 traballadores/as, sen experiencia a nivel nacional, carente dunha estrutura e dunha organización interna para poder xestionar o paso de 50 a 1.000 persoas traballadoras. A isto engádese que xa daquela, GFS informou que non se faría cargo de ningunha débeda deixada pola anterior empresa, Prosetecnisa, como así se demostrou até o día de hoxe.
Mentres que outros clientes, resolveron os seus contratos de seguridade con Prosetecnisa dando paso a outras empresas solventes e con experiencia no sector, empresas como Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa, mantiñan os contratos con Prosetecnisa até a súa quebra definitiva, deixando débedas a todo o persoal que aínda están sen pagar (sumando as nóminas de setembro e as liquidacións, o impago salarial na provincia da Coruña ascende aos 250.000 euros), e contratando dende o 1 de outubro até a actualidade, a GFS Security.
A consecuencia máis inmediata desta situación, apunta Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, serían os máis que previsibles atrasos e faltas de pagamento ao seu persoal.
Dilixencias de investigación penal iniciadas pola Fiscalía en outubro
A cronoloxía desta empresa xa comezaba en outubro do ano pasado, coa admisión a trámite dunha denuncia presentada ante a Fiscalía de Área de Ferrol, pola presunta falsificación documental levada a cabo por GFS Security Group, ao presentar unha documentación que sería necesaria para poder facerse coa clientela e servizos que tiña Prosetecnisa.
Esta denuncia, presentada polo delegado da CIG en Prosetecnisa, tería como consecuencia directa o despedimento por parte de GFS fSecurity deste traballador, ao que previamente e ás dúas semanas de acceder esta empresa ao cliente REGANOSA, xa lle prohibira o acceso o seu centro de traballo e sen ningunha explicación.
Suspensión de emprego contra traballadores en REGANOSA sen xustificación
Ao mesmo tempo, a outros dous traballadores destinados na planta de Reganosa comunicóuselles que tamén tiñan prohibido o acceso ao seu centro de traballo sen explicárselles as causas motivadoras de dita decisión empresarial, continuando a día de hoxe, seis meses despois, sen poder traballar.
Por este motivo, a Inspección de Traballo da Coruña abriría dous expedientes sancionadores contra GFS Security, pola comisión de dúas infraccións moi graves, cunhas sancións de 7.500 euros respectivamente, ao quedar acreditada a situación de acoso laboral exercida pola empresa contra estes traballadores e traballadoras, e pola denegación ao seu dereito ao traballo efectivo.
Inobservancia da normativa vixente dos clientes, permitindo e renovando a GFS
Nese mesmo mes de outubro, a empresa xa era coñecedora das ordes de embargo emitidas polos diferentes Organismos Públicos e da imposibilidade que tería para afrontalas. Mentres, empresas coma Reganosa, Forestal del Altántico ou Gadisa, sendo responsables de velar porque as súas contratistas cumpran coa obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social, optaban por permitir e renovar os seus contratos de seguridade sen ter que acreditar a súa situación, cunha empresa sentenciada xa dende que iniciaba a prestación de servizos para estes clientes.
Pero, para Rodríguez, a responsabilidade destas empresas é maior, xa que tiñan pleno coñecemento da situación previa deixada por Protesetecnisa, optando por permitir e renovar a unha empresa que non cumpría ningunha normativa esixible, dedicándose a despedir, sancionar e suspender de emprego a traballadores cando nin terían cobrado a nómina do mes anterior e aos que non se lles daría información algunha durante seis meses.
Débedas co persoal e sancións administrativas de até 225.000 euros
A Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña, requiría o 16 de xaneiro do presente ano a GFS SECURITY GROUP a acreditación do pago ao persoal das débedas deixadas por Prosetecnisa, en conformidade co establecido no artigo 44 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras. A empresa non cumpriría con este requirimento, negándose a colaborar con este Organismo Público, o que levaría aparellada a apertura dun expediente sancionador contra a empresa pola comisión dunha infracción moi grave e no seu grao máximo, cunha sanción entre 120.000 e 225.000 euros, engadíndose outra sanción pola obstrución ás actuacións levadas a cabo pola de Inspección de Traballo.
Débedas coa Axencia Tributaria e responsabilidade herdada por GFS Security Group
A todo isto hai que engadir que Prosetecnisa non ingresou na Axencia Tributaria ningunha das retencións do IRPF practicadas en 2022 e reflectidas nos recibos de nómina correspondentes.
Estes feitos foron postos en coñecemento da Axencia Tributaria a través dunha denuncia pública, na que se puxo de manifesto un presunto delito fiscal contra a Facenda Pública ao superar os 120.000 euros de impostos deixados de ingresar polo Tesouro Público, fronte a unha débeda superior aos dous millóns de euros a nivel nacional, levando aparelladas sancións do 150% da débeda xerada, como tamén pola responsabilidade penal dos administradores que cometerían ou serían participes deste feito delitivo.
Ante estas débedas, unidas á insolvencia e quebra de Prosetecnisa, a Lei de Xestión Tributaria faría responsable solidaria da situación fiscal deixada pola citada empresa á entrante GFS Security Group, quen se subrogaría en todos os dereitos e obrigas herdadas de Prosetecnisa, pero co agravante de que GFS Security tería a facultade de comprobar previamente as cargas que pesaban sobre Prosetecnisa. Mais aínda así, optou finalmente por aceptar parte da súa clientela e do seu persoal que tiña a nivel nacional, así como tamén todas as débedas acumuladas, decisión esta última que remataría na situación de embargo actual que pesa sobre GFS Security Group.
Prohibición de prestar servizos en sectores estratéxicos e infraestruturas críticas
Prosetecnisa, que sería inhabilitada administrativamente polo Ministerio de Interior para a prestación de calquera tipo de actividade de seguridade, tería a GFS Security Group coma o seu novo sucesor, xa que a Lei de Seguridade Privada prohibe que as empresas de seguridade con débedas coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social, poidan prestar servizos de seguridade privada en sectores estratéxicos e infraestruturas críticas.
Pertencendo Reganosa a un sector estratéxico e sendo unha infraestrutura crítica pola súa actividade relacionada co gas natural, debería acreditar que esta empresa estaría ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social, feito imposible de acreditar ao pesar xa ordes de embargo no mes de outubro contra esta empresa.
Este feito reviste dunha maior gravidade, xa que as infraestruturas críticas están obrigadas a contratación dun director de seguridade habilitado polo Ministerio do Interior, sendo responsable único de comprobar que no seu ámbito de competencia e entre as súas funcións, se estaría a cumprir coa normativa vixente.
Entre esta normativa atoparíase a Lei de Seguridade Privada, a cal prohibiría que GFS Security Group prestase servizos nunha infraestrutura crítica coma a planta de Reganosa en Mugardos. Se cadra, valora o representante da CIG-Servizos, tampouco se acreditaría este cumprimento por parte de Reganosa, ou ben, se acreditou e aínda así se permitiu a súa contratación e posterior renovación.
A Unidade Central de Seguridade Privada, dependente do Corpo Nacional de Policía, estaría a investigar a situación administrativa da empresa GFS Security Group, ao ter coñecemento da situación actual e con base nas probas e documentacións que acreditarían a situación desta empresa.
Investigacións xudiciais e administrativas abertas contra GFS
A transacción mercantil levada a cabo entre Prosetecnisa e GFS Security Group, estaría a ser investigada a través dun Xulgado de Instrución de Bilbao, a Fiscalía Provincial de Bizkaia, a Fiscalía de Área de Alzira, a Inspección de Traballo e Seguridade Social de Bizkaia, a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Unidade Central de Seguridade Privada do Corpo Nacional de Policía.
Todos estes Organismos Públicos estarían a investigar diferentes feitos delitivos cometidos por administradores, apoderados e delegados rexionais das empresas Prosetecnisa e GFS Security, en relación cos delitos de falsificación documental, estafa agravada, administración desleal, apropiación indebida, fraude á Seguridade Social e delito fiscal contra a Facenda Pública.
Falta de responsabilidade nos procesos de contratación polas empresas clientes
As empresas de seguridade elixidas dende 2013 por Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa, foron Prosenorsa, Segur Ibérica, Prosetecnisa e agora GFS Security Group, compartindo un mesmo vínculo entre todas elas, foron disoltas por causas económicas ou atópanse en situación de quebra inminente.
Vista a situación xerada polas decisións adoptadas no pasado, agora e no presente, conclúe Rodríguez, a decisión volve a estar enriba da mesa dos clientes, en canto ás decisións que lles afectarán no seu futuro, xa que primeiramente deberían de cumprir coas súas propias normas internas, excluíndo empresas contratistas anegadas polas investigacións e acusacións polo seu continuo proceder ligado coa delincuencia, consentindo e sendo testemuñas mudas ante os representantes destas empresas de seguridade, que se afanan en mentirlles a estes clientes, na procura única do seu beneficio persoal, eludindo sempre as responsabilidades, prexudicando continuamente os traballadores, e continuando nas seguintes empresas sempre co mesmo obxectivo e interese persoal.
A contratación responsable e de calidade é posible, pero é necesario a vontade de regresar a unha normalidade desaparecida dende 2013. Tanto as empresas de seguridade coma seus administradores rexionais, contribuíron activamente a esta situación que se está a repetir continuamente dende hai dez anos e que soamente redunda nas débedas aos traballadores, pero tamén nunha inexistente ou precaria calidade na prestación do servizos a estes clientes.