Garántese a ultraactividade no Convenio Estatal de Consultoras
A comisión negociadora do Convenio estatal de empresas de Consultoría introduciu unha modificación no artigo relativo á ultraactividade para deixar claro que esta estará garantida mentres non se asine o novo convenio. Recoñécese deste xeito o que a CIG-TIC viña advertindo, que o texto non definía correctamente a situación na que este quedaría a partir do día 31 de decembro de 2019, provocando inseguridade xurídica sobre se podería seguir sendo aplicábel pasado un ano desde a súa denuncia.
Desde a súa publicación en Marzo xurdiron dúbidas sobre a redacción do artigo 5 do XVII do Convenio colectivo estatal de empresas de Consultoría e estudos de mercado e da opinión pública, no que tiña a ver coa ultraactividade (seguir aplicando automaticamente un certo convenio aínda que tivera pasado o tempo previsto de aplicación do mesmo), asinado polos sindicatos estatais.
A CIG, tras analizar ditas dúbidas, indicou aos delegados e delegadas do sector das TIC que a ultraactividade quedaba nunha inseguridade xurídica que habería que revisar polo miúdo e clarificar, tal e como fai a cotío nos convenios galegos que vimos asinando.
Porén, houbo algún sindicato asinante do convenio que afirmou, mediante comunicados nas empresas, que non cabía ningunha dúbida sobre a aplicación da ultraactividade, que estaba perfectamente claro e que non daba lugar a ningunha outra interpretación.
Xuntanza da comisión negociadora
Pois ben, o día 13 de xullo, celebrouse unha reunión da comisión negociadora do convenio para introducir a modificación, porque, segundo explica a CIG-TIC “eses mesmos sindicatos asinantes do texto “detectaron” que podían darse interpretacións erróneas do redactado do artigo (que xa foi obxecto de consulta na comisión paritaria de interpretación do convenio). É dicir, “onde dixen digo, digo Diego”. E esta non é a primeira mala redacción que teñen que rectificar. E aínda por riba tentan vendelo coma un logro”.
A isto engade que “estas organizacións teñen ao persoal das empresas nas que se aplica este convenio sometido a un secuestro por un pésimo acordo, que ademais contén erros de calado na súa redacción.... Será que para os asinantes non é moi importante e non lle prestaron a debida atención”.
Texto orixinal e a súa corrección
Texto orixinal |
Novo redactado |
El Convenio Colectivo se prorrogará de año en año en el caso de que no mediara denuncia expresa de ninguna de las partes legitimadas para negociar y promover la negociación conforme al art. 87 del Estatuto de los Trabajadores. Dicha denuncia ha de llevarse a cabo dentro de los últimos tres meses de la vigencia o prorroga en curso. |
El Convenio Colectivo se prorrogará de año en año en el caso de que no mediara denuncia expresa de ninguna de las partes legitimadas para negociar y promover la negociación conforme al arto 87 del Estatuto de los Trabajadores. Dicha denuncia ha de llevarse a cabo dentro de los últimos tres meses de la vigencia o prorroga en curso. Denunciado el presente Convenio y hasta que se firme otro posterior, se mantendrá en vigor su contenido íntegro, en tanto no inicie su vigencia el convenio colectivo estatal que lo sustituya |
Para a CIG, si é moi importante que as condicións laborais do persoal, non só das consultoras, senón de todas as empresas que conforman o sector das TIC, teñan un convenio de aplicación nas mellores condicións e que non ofreza ningún tipo de dúbidas de interpretación. “Desta premisa xurdiu a nosa iniciativa para a negociación dun convenio galego de aplicación para as TIC, que é unha reivindicación fundamental da nosa acción sindical para a mellor defensa das traballadoras e traballadores en Galiza”.