Galiza: un estado libre e republicano
A cuestión da soberanía é na nación galega aínda tema de conflito, unha loita vixente, fundamental, no só respecto da nosa lingua, cultura e historia propia, senón tamén no relativo ao papel que xogamos no ámbito da economía, da xustiza social, da igualdade, da solidariedade...
O 28 de xuño cúmprense 87 anos do referendo do Estatuto de Autonomía da Galiza durante a 2ª República. O texto aprobado en 1936 recoñecía o noso país como unha “rexión autónoma no Estado español (EE) de acordo coa Constitución da República e o presente Estatuto”. Unha das particularidades é que permitía a incorporación posterior de territorios limítrofes con características históricas, culturais, económicas e xeográficas iguais, en clara referencia ao Bierzo, á zona galegofalante de Asturias e da Seabra en Zamora. Neste aspecto superaba en moito o actual Estatuto, xa que cuestionaba os límites administrativos impostos por séculos de dependencia.
Este Estatuto constituía un paso adiante, aínda que estaba moi por debaixo das reclamacións do galeguismo da época. Concretamente, no relatorio presentado polo Seminario de Estudos Galegos na asemblea de concellos na Coruña, o 4 de xuño de 1931, proclamábase no 1º artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Con antelación a Asemblea Nazonalista de Lugo no ano 1918, convocada polas Irmandades da Fala, xa redactou un programa progresista, no que se valora que, sendo “Galiza unha nación, o termo nacionalista reflicte mellor que o de rexionalismo o movemento iniciado polas irmandades”.
Na Asemblea reivindicáronse: a autonomía integral para Galiza (...) unha soberanía completa e sen cativezas. Ademais: federación da Iberia, e dentro desta federación igualdade de relacións con Portugal; igualdade de dereitos para a muller; eliminación das deputacións provinciais; sufraxio universal e sistema electoral proporcional; réxime tributario sen intervención do poder central; nacionalización dos ferrocarrís; eliminación do exército permanente, etc. Estas propostas non eran unha novidade xa que no Proxecto de Constitución para o Estado Galaico de 1887 xa se afirmaba: “Esta rexión eríxese en Estado autónomo ou soberano, e adopta a forma democrática republicana para o seu Goberno”. Lembremos que este texto foi redactado por unha asemblea de federalistas galegos (rexionalistas) en tempos da rexencia por María Cristina da Monarquía.
A importancia de reconquistar a capacidade para decidir foi alentada na Idade Contemporánea por sucesos anteriores, como o levantamento contra a invasión napoleónica que reclamaba que o antigo Reino a Galiza recobrase a plena soberanía (aínda que foi transitoriamente). Neste marco constituíse a Xunta Suprema de Galiza, que negocia en pé de igualdade con outras nacións europeas e forma un exército propio. Despois veu a reacción conservadora, imperialista, coa eliminación do antigo réxime en 1833, seguindo as teses do centralismo en auxe daquela en Europa. A reforma de 1833 termina coa unidade administrativa de Galiza, ignorando a súa singularidade nacional (o Reino da Galiza). Mais, este retroceso en materia de soberanía, mesmo que fose formal, e a ruptura da unidade nacional, foi contestada axiña. Esta sería unha razón central que deu azos ao levantamento cívico-militar de 1846, na que Antolín Faraldo caracteriza no voceiro da insurrección, “Revolución”, Galiza como unha colonia da Corte.
Contribuíu a que se esquecesen e obvien estes feitos históricos, de tanta importancia, os 40 anos da ditadura e represión franquista, que reprimiu con dureza as reclamacións de soberanía, ao mesmo tempo que se distorsionou e negou as historias propias e marxinou e reprimiu as culturas e linguas das nacións periféricas. Mais tamén houbo prexuízos nas fileiras republicanas e aínda existen na actualidade na “democracia” posfranquista malia o Estado das Autonomías. Daquela que na práctica a través de múltiples mecanismos hoxe se seguen manifestando o centralismo negador da nosa identidade (aínda que sexa unha contribución á riqueza da humanidade). A negación desta realidade foi a finalidade do café para todos, alargando o estatuto mesmo a aquelas “rexións” que non o reclamaban, xa que se quería esvaer ás nacionalidades históricas e o carácter plurinacional, e evitar un estado confederal facendo concesións que se planificaban cosméticas.
Esta tendencia centralista fortaleceuse coa globalización neoliberal, a entrada na Unión Europea, e a cesión de competencias a esta, así como a recuperación polo Estado español de moitas das que foran transferidas seica con obxectivo de “favorecer o desenvolvemento do mercado” (o retroceso demográfico galego, que pasou do 7,4% en 1983 da poboación do EE ao 5,64% na actualidade, amosa a fortaleza do centralismo, unha evolución subordinada que se mantén, malia as riquezas do país, súa capacidade exportadora, a súa extensa costa, o seu clima...). Daquela que a cuestión da soberanía sexa na nación galega aínda tema de conflito, unha loita vixente, fundamental, no só respecto da nosa lingua, cultura e historia propia, senón tamén no relativo ao papel que xogamos no ámbito da economía, da xustiza social, da igualdade, da solidariedade...
[Galiza, 5 de xuño de 2023]