Galiza rexistra os peores datos de desemprego, en setembro, desde o ano 2011
O mes de setembro rematou en Galiza con 156.984 persoas inscritas como desempregadas nas oficinas do SEPE, un 2,06% máis que no mes de agosto (3.164 persoas máis). Se ben este mes se caracteriza por un repunte do desemprego, este ano é o de maior incremento rexistrado desde o ano 2011. Na media do estado o medre foi do 0,45%, o menor repunte, para este mes, desde o ano 2007.
Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, denuncia que os dados “confirman o grave problema industrial que padecemos” e advirte de que “medrará mentres non contemos cun plan industrial galego e coa soberanía precisa para levalo a cabo na perspectiva dun goberno que lexisle e actúe a favor dos intereses da Clase Traballadora Galega”.
Cartelle subliña ademais que os datos de afiliación á Seguridade Social tampouco son “nada esperanzadores” xa que a afiliación media descendeu en 7.353 persoas( un 0,7%). Diante deste dato alerta de que o descenso da afiliación foi o dobre que o medre do desemprego, o que “vén empeorar aínda máis o panorama”.
Medra o desemprego en todos os sectores
A nivel sectorial aínda que se incrementou o desemprego en todos os sectores, onde máis medrou foi no sector servizos (un 2,7%), seguido do sector industrial onde se incrementou un 0,96% e finalmente na construción con 0,15% máis. Porén, na media do Estado tan só medrou o desemprego no sector servizos, e a unha taxa inferior que en Galiza, un 1,14%.
Por iso o secretario confederal de Emprego fai un chamamento á mobilización contra a desertización industrial que estamos a padecer e que xa se está evidenciando coa situación que padece a industria electrointensiva, a industria enerxética ( carbón ), a construcción naval ou o sector do automobil, entre outros.
Máis de 100.000 contratos asinados para perder emprego
No que atinxe a contratación, esta continúa en valores moi elevados. Tal é así que no mes de setembro chegaron a rexistrarse 106.735, dos cales tan só o 9,2% foron de carácter indefinido. “Nin medrando o desemprego se frea a elevada contratación”, apunta Cartelle para quen “isto pon de manifesto a gran precariedade do noso mercado laboral, xa que ao elevado desemprego súmase unha alta rotación e a escasa duración dos contratos dunha parte moi importante da poboación asalariada”.
Diante disto, o secretario confederal de Emprego afirma que “·estamos diante duns datos moi preocupantes”. Reitera que son “os peores desde a mal chamada recuperación económica, non só pola perda de emprego senón polo paulatino deterioro do mercado de traballo” e exixe máis unha vez a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva, ás que responsabiliza de alimentar “a precariedade campante en Galiza” e o “empobrecemento masivo da clase traballadora galega”.