Galiza reclamará un monte galego con futuro na manifestación convocada para o domingo 14 de setembro, en Compostela

Carril acusa ás políticas forestais do PP de ser “por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín”
Nacional - 08 Set 2025

Representantes das entidades que conforman a Plataforma "Por un Monte Galego con Futuro" fixeron, esta mañá, en rolda de prensa, un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para o vindeiro domingo, 14 de setembro, en Compostela, baixo o lema "A política forestal da Xunta é quen nos queima! Por un monte galego con futuro. Lumes Nunca Máis". Unha mobilización coa que se quere denunciar a responsabilidade da Xunta de Galiza nos devastadores incendios que arrasaron máis de 150.000 hectáreas, especialmente nas comarcas de Ourense, e exixir un cambio radical nas políticas forestais, agrarias e ambientais.

Tal e como explicaron, o manifesto salienta que a vaga de incendios, que se estendeu de norte a sur e de leste a oeste de Galiza, é unha nova traxedia ambiental, social, cultural e económica, comparada cun “Prestige do interior” da que responsabilizaron á Xunta de Galiza polo abandono do rural, as políticas agrarias nefastas e o monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto. Causas que consideraron clave destes incendios, agravadas pola mudanza climática.

Xunto a isto criticaron a inacción do goberno galego do PP, que ano tras ano permite a propagación do lume en comarcas rurais e zonas próximas ás cidades, con extensións crecentes cando as condicións climáticas son adversas. Como tamén denunciaron as consecuencias que isto tivo, con persoas queimadas, casas arrasadas e milleiros de evacuadas, abandonadas pola Xunta ante a falta de medios. Unha situación fronte á que salientaron a resistencia das aldeas, co apoio de soutos, carballeiras e fragas, que “foi clave para salvar algunhas zonas”.

PLADIGA, ferramenta inútil

Foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembrou que a loita por un monte galego vivo e con futuro vén de lonxe e que a última oportunidade que houbo para abordar esta cuestión foi a aprobación do Plan Forestal ou o debate do Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA). Unha ferramenta que consideraron “inútil” e do que denunciaron que foi aprobado sen debate no Consello Forestal e sen análise posterior dos lumes. Coa agravante de que, ademais, nese Consello, “non están representadas todas as organizacións”.

Por iso Carril reclamou outra política forestal e a necesidade de manter o monte vivo no actual contexto de mudanza climática. Nese sentido, afirmou que “os ecosistemas forestais, a vida e a actividade económica no rural, xogan un papel primordial para mitigar e minimizar o impacto do cambio climático” e acusou ás políticas forestais do Partido Popular de ser “por acción ou por inacción, o combustible que fai que o noso territorio, especialmente nas zonas rurais, se converta nun polvorín”.

A Plataforma manifestou a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores de prevención e extinción, que actuaron en precariedade, mentres o presidente Alfonso Rueda pedía axuda ao Estado con 190 prazas sen cubrir. Por iso, reclamaron un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, profesional e permanente, para facer fronte á extinción e prevención.

Exixiron a reactivación das liñas de axuda para a valorización do monte, as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) e o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron eficacia e lamentaron a perda de biodiversidade –bufo real, aguia real, lobo, oso pardo– e a degradación do solo, que dificultará a recuperación durante séculos.

Advertiron ademais das graves consecuencias para os sectores agrario e apícola porque cultivos, forraxe e zonas de alimentación das abellas foron destruídas, con recuperación a longo prazo e acusaron á Xunta de especular co monte, favorecendo multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras, advertindo contra o aproveitamento desta crise por lobbys interesados.

Entre as demandas que se levarán á mobilización do vindeiro domingo salientan:

  • Un servizo público de extinción e prevención, evitando a privatización.
  • Declaración de “zona catastrófica” con axudas inmediatas para recuperación.
  • Accións para evitar a erosión e restaurar solos e ecosistemas.
  • Suspensión da tempada de caza e pesca nas zonas afectadas.
  • Políticas para preservar biodiversidade, recuperar usos tradicionais e fixar poboación no rural.
  • Apoio a comunidades de montes e propiedade particular para unha xestión forestal sustentable.
  • Moratoria indefinida para plantacións de eucaliptos e especies pirófilas, con alternativas.
  • Axuda material e técnica para explotacións agropecuarias afectadas.
  • Un modelo industrial da madeira que peche ciclos produtivos.

A Plataforma convida á cidadanía a sumarse á manifestación do 14 de setembro para esixir á Xunta un cambio nas súas políticas e frear a manipulación e a propaganda baleira sobre o rural. “Non queremos que o monte sexa pasto do lume e da especulación. Lumes Nunca Máis”, conclúen.