Galiza pola Paz denuncia que a OTAN aproveita a escalada bélica para impoñer un novo aumento do gasto militar
Galiza pola Paz vén de facer público o seu rexeitamento á cimeira que a Organización do Tratado do Atlantico Norte (OTAN) celebra na Haia co obxectivo de impoñer un novo incremento do gasto militar aos seus membros a pedido dos Estados Unidos. A Plataforma, que ten convocadas mobilizacións para este xoves contra a escalada bélica, exixe o fin da carreira armamentística e a inmediata saída da OTAN por parte do Estado español para adoptar unha posición de neutralidade activa que poña fin á colaboración coas agresións imperialistas.
No comunicado, Galiza pola Paz sinala que mentres os últimos ataques contra Irán ameazan con desencadear unha nova guerra aberta na Asia Occidental, a OTAN celebra unha cimeira na Haia co obxectivo de alargar os gastos militares a pedido dos Estados Unidos. Este incremento dáse na secuencia dun incremento anterior aprobado pola propia OTAN en 2014 que exixía aos seus membros un investimento en armas e estocaxe de material militar até o 2% do PIB en 2029. “Sen que se teña cumprido o período para materializar aquel acordo, os Estados Unidos e a OTAN presionan de novo os membros para que os fondos se incrementen aínda máis”.
Aínda que o prazo se sitúa agora en 2035, os gobernos aliñados co “falso argumento” de que máis armas significan máis paz están a anunciar xa incrementos substanciais no curto prazo. No caso do Estado español, “o goberno de PSOE-Sumar pretendeu facernos crer que non se realizaría ningún incremento, pasando despois a aceptar o 2% sen aprobación parlamentar, e repite agora o mesmo esquema: aparentar que non se van aumentar os gastos para a guerra, presentar un acordo especial que exonera o Estado de chegar ao 5% e deixa a suba no 2,1%”. A poucas horas para o inicio da cimeira na Haia, Mark Rutte aseguraba que xa había un acordo co Estado español para chegar ao 3,5%.
Con todo, consideran que non se pode aceptar o “falso debate” baseado en porcentaxes nin en prazos. Convén lembrar que o incremento de 0,9% a 2% xa está a implicar a detracción de grandes cantidades de diñeiro público da sanidade e doutros servizos públicos para gastos militares. Este novo paso adiante, tanto se é para situarse no 2,1% ou no 3,5% ou no 5%, implica en todo caso continuar nun camiño de militarización da economía e da sociedade “que de nada serve para mellorar as nosas vidas, nin para gañar en seguridade, nin tampouco para avanzar naquel argumento de “maior autonomía europea” co que os membros da UE tentaban hai só unhas semanas xustificar estas medidas”. A realidade é que, para materializar os ataques de Israel e dos Estados Unidos ao Irán, todos os membros da OTAN puxeron ao dispor as súas bases, equipamentos de reabastecemento, intelixencia militar, etc. E todo nunha operación na que, formalmente, a OTAN nin sequera participa.
Neutralidade activa
Por último, insisten en que a militarización que os Estados Unidos exixen a través da OTAN ten como obxectivo apuntalar a súa propia hexemonía en descomposición e atrasar a emerxencia dun mundo multipolar. “No intento de que nada mude, mentres tanto, os custos son trasladados sobre os pobos agredidos e sobre as clases populares tamén nos estados imperialistas, que ás horas da agresión a Irán xa observamos incrementos do prezo dos combustíbeis que rapidamente se poden trasladar aos alimentos e outros bens básicos”.
Queremos un mundo en paz baseado no dereito dos pobos á súa soberanía
Dende a Plataforma Galiza pola Paz continuan a exixir o fin da carreira armamentística que estes gastos militares impoñen e a inmediata saída da OTAN por parte do Estado español para adoptar unha posición de neutralidade activa que poña fin á colaboración por defecto coas agresións imperialistas. E rexeitan tamén o uso do noso país para instalacións funcionais á OTAN, denunciando o papel absolutamente subsidiario da Xunta de Galiza coa entrega dos recursos naturais do noso país á industria militar. “O que queremos é un mundo en paz baseado no dereito dos pobos á súa soberanía”.