A cimeira da OTAN en Ancara rematou esta cuarta feira día 8 seguindo o guión agardado: máis belicismo, máis industria da guerra e mais insistencia en que a guerra OTAN-Rusia na Ucraína non remate aínda.
A declaración final, o documento oficial que resume os debates e os acordos, comeza lembrando que un ataque contra un membro é un ataque contra todos, mais non define en ningures como debe considerase o ataque dun membro a calquera outro país do mundo. E non porque non teña acontecido nunca, precisamente. Durante os dous días da cimeira, os Estados Unidos atacaron novamente Irán, violando máis unha vez os acordos e pondo en risco a desescalada e a paz mundial. A OTAN insiste en presentarse como espazo de defensa cando, na realidade, é a maior ameaza global á paz, á soberanía dos pobos, á estabilidade das relacións internacionais e da economía global e ao futuro da humanidade. E cando, como queda constatado cimeira tras cimeira, as súas reunións non son máis que un mercado de armas onde, esencialmente, os Estados Unidos se dedican a vender e o resto se dedica a comprar.
A OTAN insiste en presentarse como espazo de defensa cando, na realidade, é a maior ameaza global á paz, á soberanía dos pobos, á estabilidade das relacións internacionais e da economía global e ao futuro da humanidade
Baixo esa falacia da organización defensiva e malia que ningún dos seus membros foi nunca atacado desde a súa constitución en 1949, a OTAN lémbranos que, seguindo o compromiso da anterior cimeira na Haia, xa se investiron máis de 139 mil millóns de dólares en “defensa”. E anuncia máis 50 mil millóns para gastar en “adquisicións” (a ler: compras de armamento), así como un renovado esforzo para ampliar a capacidade de fabricación e innovación da industria da guerra. Son 50 mil millóns adicionais aos 60 mil millóns de gasto comprometidos só para sustentar a guerra na Ucraína este 2026, e adicionais ao compromiso de fondos equivalentes para 2027. Sen sorpresas, ninguén nesta cimeira falou sobre como terminar a guerra na Ucraína, que continúa a funcionar como a grande escusa do imperialismo para sustentar os negocios do seu complexo industrial-militar. Tampouco se falou sobre como se van financiar estes programas. A que nos van obrigar a renunciar para continuar queimando millóns con cada mísil, cada tanque ou cada dron?
Como xa dixemos no remate da manifestación nacional deste 30 de maio en Vigo, que era contra a presenza do exército español no noso país, mais tamén contra o militarismo, as guerras e a OTAN, «Cada euro que vaia para esta maquinaria de destrución é un euro que deixaremos de pór no ensino, na sanidade, na dependencia, na seguranza social, nas pensións, na vivenda». A análise continúa a ser válida, para a nosa desgraza.
Fondos militares e gasto social
Por último, debemos ser conscientes tamén de que o relato que insiste en centrarse nas malas relacións dos Estados Unidos co Estado español é un relato interesado e envelenado. Interesa á dereita española porque permite criticar o Goberno do PSOE, e interesa ao Goberno español porque lle permite presentarse como un goberno de paz, sensato e capaz de ter posición propia. A realidade, por tras dos titulares, é que o Estado español está a cumprir escrupulosamente con todos os acordos adoptados pola OTAN e cos planos de rearmamento e militarización no seo da Unión Europea. E que os fondos destinados para iso están xa a hipotecar orzamentos futuros no que ten a ver co chamado «gasto social». Os datos están á vista e, a xulgar por estas novas cifras na casa das decenas ou dos centos de millares de millóns, aínda o habemos de notar máis nos próximos anos.
Como é de esperar, as compras de armas e os «esforzos para ampliar a capacidade de fabricación» significarán, nos próximos anos, o bombeo permanente de fondos públicos para levantar unha industria militar de ámbito estatal. Sen ningún tipo de debate social nin control parlamentar, os gobernos prometen fondos para novas fábricas de armas, para novas solucións de tecnoloxía de guerra e para o espolio de materiais de interese militar (terras raras, tantalio, niobio, coltán ou volframio). Algúns, como o Goberno da Xunta, que insiste en que o pobo galego non ten que ter posición sobre o que acontece no mundo, acolleu este papel promotor con grande entusiasmo, destinando fondos de promoción económica a este ramo industrial, procurando investidores estranxeiros para se viren instalar na Galiza en troca de nada ou facilitando trámites de impacto ambiental ás mineiras que ameazan as nosas serras e vales. Todo o país posto aos pés dos modernos señores da guerra, da Penouta ao Galiñeiro, de Rozas a Lavacolla ou de Ferrol ao monte Iroite.
Por iso a nosa crítica non pode ser só unha crítica ao militarismo ou ao imperialismo en abstracto. É unha crítica ao que o militarismo e o imperialismo fan ao noso país: ao modo como empobrecen a nosa sociedade, a como impactan no noso medio natural, a como nos colocan do lado de quen fomenta as guerras e a como nos pretenden converter en cómplices.
No fin da 39ª cimeira da OTAN, a nosa resposta é a mesma de sempre: nin guerras, nin OTAN, nin gastos militares.
Galiza pola Paz. Contra o militarismo, a guerra e a OTAN.