Galiza mobilízase en contra do espolio da terra e por un novo plan eólico xusto, sustentábel e ao servizo do pobo

"Eólica Así Non" insta a Xunta a respectar as decisións xudiciais e paralizar a implantación de proxectos mentres non aprobe o novo planeamento sectorial
Nacional - 10 Feb 2025

Con motivo do Día Mundial da Enerxía Limpa, declarado así pola ONU para promover unha transición xusta coas persoas e o medio ambiente cara ás enerxías renovábeis, centos de galegas e galegos botáronse este domingo á rúa para denunciar o espolio da nosa terra e reclamar un novo Plan Eólico de Galiza que sexa xusto coas persoas, sustentábel e ao servizo do pobo.

 Esta nova convocatoria reivindicativa da Coordinadora Eólica Así Non, que congrega aqueles colectivos e entidades galegas críticas co actual modelo eólico,  desenvolveuse en perto dunha decena de mobilizacións por todo o país que se celebraron nalgunhas das comarcas máis afectadas pola invasión e o espolio eólico. En concreto, os actos reivindicativos adquiriron a forma de concentracións e marchas nos concellos e vilas de Val do Dubra, Cartelle, Pontevedra, Marín, Lugo, Sarria, Ortigueira, Mazaricos e Campo Lameiro.

As mobilizacións coinciden no tempo co anuncio da Xunta dun novo Plan Eólico para Galiza, unha reivindicación que o movemento Eólica Así Non leva reclamando desde hai máis de tres anos, para loitar contra a implantación masiva, colonial e desorneada da enerxía eólica. Porén, o novo Plan Eólico anunciado polo goberno galego non ten vocación de ordear a implantación eólica, senón de consolidar o modelo depredador xa imposto e os privilexios das eléctricas sobre os intereses xerais.

 A través do manifesto "Non ao espolio da nosa terra", a Coordinadora Eólica Así Non cualifica o novo plan eólico de Rueda como unha fraude, xa que exclúe das mesas de diálogo ás poboacións afectadas e ás organizacións sociais e ecoloxistas críticas coa depredación eólica. E ademais, non establece unha moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación ou pendendes de execución, mentres non se aprobe o novo planeamento eólico. Pola contra, favorece a retramitación daqueles proxectos que están suspendidos cautelarmente polos tribunais.

As persoas manifestantes reclamaron o seu dereito lexítimo a participar na elaboración da nova planificación eólica da Xunta na que instan a recoller a proposta de alternativa da Coordinadora Eólica Así Non. Entre outros principios, esta alternativa promove unha nova planificación enerxética pública, ao servizo do pobo e do dereito a vivir e a traballar na nosa terra, que non poña en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, que abarate o prezo da electricidade recoñecendo unha tarifa eléctrica galega, que aposte polo autoconsumo, polas comunidades enerxéticas, polo consumo de proximidade e polas comunidades veciñais de montes en man común.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.