Galiza lidera a subida do paro no conxunto do Estado no mes de decembro
Galiza rexistrou o maior incremento do paro en termos absolutos do Estado español en decembro ao contabilizar 2360 persoas máis anotadas nos servizos públicos de emprego con respecto a novembro, o que sitúa a cifra total de parados/as en 205.914. A subida foi do 1,16%, mentres que na media estatal baixou un 2,29% (86.849 desempregados/as menos). Dende a CIG alertan que continúa a medrar a precariedade, ao tempo que baixa a duración dos novos contratos: só o 7,5% foron indefinidos.
O noso país foi, xunto a outras tres comunidades, un dos poucos territorios onde medrou o paro en decembro con respecto ao mes anterior, liderando esta subida en termos absolutos. En termos relativos supuxo o terceiro maior incremento, só superado por Nafarroa e Cantabria. Deste xeito, o ano remata en Galiza con 205.914 persoas anotadas nos servizos públicos de emprego.
O paro unicamente descendeu no sector servizos, pero tan só un 0,69%, cando na media estatal a baixada neste sector foi do 2,57%. No conxunto do Estado o descenso nos servizos permitiu compensar os incrementos que se rexistraron tanto en industria (0,81%) como na construción (2,28%) e rematar así o ano cun 2,29% menos de parados/as.
Só baixa nos servizos
No caso de Galiza, se ben no sector servizos descendeu o desemprego un 0,69%, este cativo descenso e o forte incremento do paro tanto na industria (5,52%) como na construción (8,61%) fixeron que a suba global do paro no mes de decembro fose do 1,16% (2360 desempregados/as máis).
Cada vez máis precariedade
Diante disto, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, amosa a súa preocupación non só porque siga a medrar o desemprego senón tamén pola cada vez maior pracariedade existente no mercado de traballo. “Non só aumentan as persoas sen emprego, senón que as que o teñen atópanse cada vez nunha situación máis precaria”, denuncia.
Por isto incide na necedidade de que se derroguen as reformas laborais aprobadas polos Gobernos do PSOE e do PP, “que a parte de non servir para crear emprego afondaron na súa precarización e na perda de dereitos e de condicións de vida da clase traballadora”. Neste senso, Malvido lebrou que a central vén de poñer en marcha unha campaña de mobilizacións orientada a recuperar os dereitos laborais e sociais roubados ao longo destes anos que contempla unha primeira manifestación nacional o vindeiro sábado 28 de xaneiro en Santiago de Compostela. O obxectivo da marcha, que arrincará da Alameda ás 12.00 horas, é tamén a defensa do sistema público de pensións.