Galiza exporta o 30% da enerxía que produce pero os fogares galegos poderían ver incrementada a factura anual da luz até nun 34%
Segundo os datos adiantados do Informe do Sistema Eléctrico do 2020 de REE, o pasado ano, e malia a parálise case total das centrais de Meirama e As Pontes, Galiza exportou o 29,2% da enerxía que xerou. Porén, os fogares galegos poderían ver incrementada a súa factura anual da luz entre un 14% e un 32% debido á nova regulación do sistema de tarifas que está preparando o Ministerio de Transición para a Ecoloxía.
Neste marco, a CNMC elaborou un "proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021" ao que a CIG vén de presentar alegacións, solicitando a súa retirada e que se reconsideren as peaxes e os cargos das novas tarifas para non penalizar, sobre todo, o consumo doméstico e determinadas actividades económicas con forte implantación no país como son as pequenas explotacións gandeiras, o sector da hostalería ou as PEMES.
No caso dos fogares, a nova distribución das peaxes e cargos na tarifa 2.0 TD (que pasa a ter dúas potencias e tres períodos) afectaría de forma moi directa a aqueles puntos de subministración que contan actualmente con discriminación horaria -con especial incidencia nas casas que teñen acumuladores e termos eléctricos-, que poderían ver incrementada a factura anual entre un 14% e un 32%, ao reducirse de 14 a 8 horas a franxa horaria máis barata que se aproveita para a carga destes aparatos.
Cómpre salientar que en Galiza hai máis de medio millón de usuarios/as que contan coa tarifa 2.0DHA, a tarifa doméstica por excelencia, que relevou a antiga tarifa nocturna, que verán como sube a súa factura enerxética sen que dispoñan de ferramentas que lles permitan desprazar os consumos de cociña ou calefacción a horarios con peaxes máis baratas.
Forte impacto nas pequenas explotacións gandeiras
Tamén resultarán afectadas as máis de 10.000 pequenas explotacións gandeiras do país, que verán engordado o seu recibo enerxético en máis de 800€, posto que as tarefas de alto consumo coinciden cos horarios do período punta da tarifa e non se poden desprazar a outros períodos con peaxes máis baratas. A CIG calcula que o incremento medio da factura anual para este colectivo será do 41,09% e as novas tarifas terán un impacto semellante noutras actividades con similar perfil de consumo, como pode ser a hostalería; un sector fortemente golpeado pola actual pandemia.
Tampouco o teñen doado as PEMES, xa que a estrutura da tarifa 3.0 TD obrígalles a realizar un estudo pormenorizado do consumo a fin de poder determinar con precisión a potencia a contratar en cada un dos seis períodos de enerxía e potencia deseñados. Porén esta información non está a disposición do/a cliente nas plataformas de información (distribuidoras, Datadis etc.), senón que ten que recoller os datos fisicamente do propio contador, co traballo que isto implica.
Pero ademais, o atraso na actualización do parque de contadores para a súa integración na nova estrutura das tarifas de acceso, impide que os/as usuarias poidan adaptar os seus consumos aos períodos máis económicos e aproveitar así as oportunidades creadas polo regulador, desvirtuándose deste xeito o espírito da norma de contribuír ao aforro e á eficiencia enerxética no consumo final.
Por iso, no escrito de alegacións, a CIG tamén solicita que o Goberno teña en consideración os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica; a retirada do imposto especial da electricidade tendo en conta que foi concibido para un fin que, no momento actual, non ten sentido que siga en vigor; e que se revise o tipo aplicado no imposto de valor engadido ao xeito que o fixeron outros gobernos da Unión Europea, evitando a forte carga impositiva que sobre o consumo de electricidade existe no Estado español.
Faltan políticas públicas para garantir o dereito á enerxía
A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de intolerábel que as familias galegas e as actividades económicas asentadas en Galiza teñan que seguir afrontando subas nas tarifas eléctricas, cando somos un país excedentario na produción de enerxía. No propio Avance do Informe de Red Eléctrica Española (REE), apúntase que no noso territorio se produciron 24.553 XWh, dos que o 75% procederon de fontes renovábeis.
"Porén, continuamos sen ter unha tarifa galega propia máis xusta que garanta o dereito á enerxía, axude a combater a pobreza enerxética e favoreza o noso desenvolvemento económico e social. Asumimos os custes sociais e ambientais desta actividade, pero non obtemos a cambio ningún beneficio; ao contrario, vemos como a nosa industria periga precisamente polo alto prezo da electricidade e como milleiros de fogares teñen serios problemas para poder pagar a factura luz", advirte Carril.
O secretario xeral da CIG denuncia que segue sen haber políticas públicas para ordenar o proceso de descarbonización da economía, "porque esta transición estana dirixindo as eléctricas atendendo os seus propios intereses". E, no caso de Endesa e Naturgy, "sen asumir ningunha responsabilidade social polo peche das centrais térmicas ou destruíndo emprego co peche dos centros de control de Iberdrola na Rúa de Valdeorras ou de Naturgy na Coruña".
Fronte a este modelo de espolio, Carril salienta que para que a transición sexa "realmente xusta e democrática debe implicar avanzar na nosa capacidade de decisión sobre os nosos recursos e recoñecer a enerxía como un ben básico que ten que estar ao servizo do pobo”.