
Milleiros de persoas claman contra Altri e a mina de Touro por terra e por mar
Milleiros de persoas colapsaron hoxe A Pobra do Caramiñal por terra e por mar para amosar o seu rexeitamento á instalación de Altri e á mina de Touro "e para defender o noso país de depredadores e dun Goberno da Xunta que en vez de estar a carón da cidadanía alíase cos proxectos que queren espoliar a nosa terra e roubarnos a auga, poñendo en perigo a nosa vida, a nosa saúde e o noso pan; porque o río e a ría son o noso pan”, tal e como se sinala no manifesto que se leu ao remate da histórica manifestación.
Alí estaban as xentes do mar e as xentes do noso rural, alí estaban veciñas e veciños das vilas e das cidades porque escoitaron a chamada de auxilio dos sectores primarios deste país e porque, como denunciaron, “estades como nós preocupadas, indignadas e escandalizadas” porque a Xunta considere “estratéxicos” unha mina e unha macrocelulosa contaminante mentres “despreza ao sector agrogandeiro e ao sector pesqueiro, marisqueiro e bateeiro e fai oídos xordos ao clamor social contra estas bombas ambientais que ameazan o presente e o futuro do noso país”.
Por iso denunciaron que mentres a Xunta do PP só considera de interese xeral a peixecultura, a mina de Touro ou a celulosa de Altri, non considerou como tal o mexillón, o marisqueo ou a pesca de baixura, malia levar a proposta como ILP ao Parlamento, respaldada por 19.000 sinaturas que se negaron a valorar.

Actuar contra a contaminación
Do mesmo xeito denunciaron que o PP mira para outro lado, cando máis se precisa que a Xunta actúe contundentemente contra os vertidos e a contaminación, facendo un saneamento integral das rías e ríos, cumprindo “coas súas obrigas competenciais” para rexenerar os bancos marisqueiros. “Non tendes máis que ver os orzamentos de 2025 para constatar que non van facer nada. Até cos desencoros amosan que son uns inútiles ao servizo das grandes empresas eléctricas e que non se atreven a regulalos cunha normativa clara que impida a matanza de bivalvos que se repite ano tras ano ante o silencio cómplice de Augas de Galiza”, afirmaron.
Na lectura do manifesto aseguraron que “queren botarnos do mar e deixar morrer a ría para que as cofradias vaian a pique e decaian as concesións marisqueiras, para poder privatizar o mar e darllo aos seus amiguetes. Por iso non queren solucionar os nosos problemas e só dan esmolas propagandísticas”.
E lembraron que os que hoxe estiveron nos barcos e en terra “temos claro que “a terra e o mar” son o pasado, o presente e o futuro do noso país, e dos nosos fillos e fillas”, porque “somos un país rico en recursos naturais e por esa riqueza sabemos que hai tempo que veñen a por nós”.

Xunto a isto aseguraron que hai anos que “o PP e a Xunta de Galiza queren acabar co sector primario deste país. O sector agrogandeiro e o sector do mar estorbámoslles no seu plan de vender Galicia ao mellor postor, de encher os seus petos e os dos seus amigos e deixar que espolien os nosos recursos”.
Un insulto á intelixencia
Participantes e organizadores da mobilización coincidiron ademais en denunciar o “insulto á intelixencia” que é intentar impor a mina e a celulosa como modelo de industrialización deste país. “Xusto no contexto actual de cambio climático, cando a auga cada vez vai ser máis importante e valiosa, porque vai ser mais escasa, queren regalarlla aos seus amiguetes. Nós precisamos auga de calidade para beber as nosas familias e para as nosas actividades agrogandeiras e marisqueiras e a Xunta do PP vai contaminarnos a auga”.
Esta manifestación viu marcada pola recente publicación no DOG da Declaración de Impacto Ambiental favorable a Altri en Palas de Rei, á beira do río Ulla e a tamén recente sentenza do TSXG anulando a privatización dos procedementos de avaliación ambiental.

A Declaración de Impacto Ambiental favorable é unha decisión política que, segundo denunciaron, “pretende impoñernos un modelo industrial para Galiza que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e pon en risco a nosa soberanía alimentaria. A conselleira de medio ambiente di que hai 42 informes asinados por funcionarios pero non se atreve a facelos públicos, por que será? Ademais as presas para emitir a DIA son sospeitosas e pode haber nulidade no procedemento após a recente sentenza do TSXG pola demanda da CIG”. Circunstancias polas que anunciaron que, no momento oportuno, tomarán accións legais complementarias á mobilización.
Modelo pernicioso e excluínte
O manifesto lido ao remate da mobilización denuncia o modelo de industrialización do PP, “que vai causar un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiria e o turismo sostíbel, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”.
Un modelo que cualifican de “excluínte” porque “consume e contamina as nosas augas nun escenario de cambio climático”; detrae os nosos recursos para favorecer a multinacionais que se levan os beneficios para fóra da Galicia e nos deixan a contaminación para sempre; incrementa a superficie do eucalipto; diminúe a auga dos nosos pozos e aumenta o risco de macroincendios.

Os dous proxectos industriais -a mina de Touro e a celulosa de Palas- comprometen, ademais, a auga do río Ulla e da ría de Arousa e a viabilidade do sector marisqueiro, do agrogandeiro e do turismo sostible. Por iso quixeron lembrar ao Presidente da Xunta, “Sr. Rueda, aínda non deu a cara, nin aclarou diante da opinión pública a natureza dos compromisos firmados no convenio de Altri con Impulsa, a pesar de ser esta sociedade maioritariamente de capital público. Compromisos que pagaremos os contribuíntes pero que, por algún motivo, nos oculta o Sr. Presidente”.
Finalmente, consideraron que o proxecto da mina de cobre de Touro impulsada por Cobre San Rafael co apoio de Atalaya Mining é unha copia do anterior proxecto (2017) que xa foi rexeitado (2020) cunha DIA negativa e que -coa lei na man- non debería haberse admitido a trámite.
Un proxecto mineiro “claramente contaminante” que provoca drenaxes acedas con metais pesados, perturba a vida nas aldeas do entorno da mina con fortes explosións diarias, ocupa 812 ha, provoca unha forte contaminación atmosférica de partículas en suspensión e arsénico e impide o desenvolvemento da agrogandeiria e do turismo sostible vencellado ao Camiño de Santiago.
E concluíron afirmando que “contaban con que caláramos, contaban con seguir co seu plan sen estorbos, pero o pobo galego tirou de orgullo e dignidade, en Palas de Rei, en San Caetano, no Obradoiro e hoxe na Pobra do Caramiñal para deixarlle claro á Xunta e ao PP que "non pasarán". Todas xuntas somos imparables, non contaban con nós, non contaban con que a dignidade de todo un pobo puxera paus nas rodas aos seus negocios redondos.
Non nos van desmobilizar porque aínda hai percorrido para seguir presionando na Galicia, en España e en Europa. Queda aínda pendente a concesión da auga, a Avaliación Ambiental Integrada, a aprobación do proxecto industrial e o financiamento do estado e da UE. Queda pendente a tramitación da mina de Touro. Temos que seguir mobilizándonos e alerta para defender este país.
Nós non queremos ambiguidades, reclamámoslle ao Goberno de España unha posición clara respecto a mina e a Altri e que non facilite o financiamento público, nin do Estado, nin da Unión Europea”.