Galiza acollerá este luns novas mobilizacións en solidariedade co pobo palestino
A solidariedade galega co pobo palestino non cesa, de xeito que este luns día 6 terán lugar novas mobilizacións nas setes cidades e noutras localidades do país a partir das 20:00 horas baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galiza con Palestina’.
A CIG chama a participar unha vez máis na xornada solidaria promovida polas organizacións Asociación Galaico-Árabe Jenín, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes para esixir o alto o fogo inmediato e a apertura de corredores para que a axuda humanitaria poida entrar en Gaza con normalidade. Unha xornada que incluirá protestas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol, así como noutras localidades do país.
As entidades promotoras insisten en que o pobo palestino necesita a solidariedade internacional e lembran que o pobo galego ten unha longa traxectoria de apoio á causa palestina, até o punto de que dende que se produciu o ataque por parte de Israel leva protagonizadas case 40 mobilizacións por todo país e unha concorrida manifestación en Santiago.
Ademais, consideran que “como sociedade viva e crítica correspóndenos denunciar o papel das institucións, parlamentos e partidos da UE, do Estado español e de Galiza que se sitúan de perfil e naturalizan esta política de exterminio”.
Lembran que estas décadas de ocupación colonial de Palestina polo movemento sionista, “co apoio explícito e indisimulado das potencias imperialistas”, levaron o pobo palestino a unha situación extrema, até o punto de que se ten comparado co apartheid sudafricano.
Fin da impunidade
Sen embargo, malia os sucesivos acordos internacionais, dos compromisos de Madrid aos de Oslo I e Oslo II, o territorio palestino continúa minguando a medida que Israel continúa o seu avance “a base de violencia sistemática, colonatos ilegais e operacións máis ou menos grandes de castigo xeneralizado como a que estamos a ver estes días, e cuxa única función e producir un desprazamento da poboación árabe que deixe a terra valeira para despois poder ocupala e integrala baixo administración israelita”.
Por iso demandan tamén o fin da impunidade do estado sionista de Israel, a suspensión das relacións preferentes con Israel “e o remate do descarado apoio diplomático, económico e político a esta matanza”. E reclaman dos gobernos unha política activa de boicot, desinvestimentos e sancións internacionais que obrigue a Israel “a poñer fin á ocupación, a respectar a legalidade internacional e as resolucións das Nacións Unidas” e que se garanta o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas de Palestina.
Lista de localidades
• A Coruña. Praza do Obelisco.
• Corcubión. Praza Castelao.
• Carballo. Praza do Concello.
• Santiago de Compostela. Praza Roxa.
• Ribeira. Praza do Concello.
• Noia. Diante do Concello. Ás 20.30h
• Ferrol. Praza do Concello.
• Pontedeume. Praza do Concello.
• As Pontes. Praza do Hospital.
• Lugo. Praza Maior, diante do Concello.
• Monforte. Praza de España.
• Burela. Praza do Concello.
• Ourense. Rúa do Paseo, diante da subdelegación de Defensa.
• Allariz. Campo da Barreira.
• O Barco. Praza do Concello.
• Ribadavia. Praza Maior.
• Vilar de Barrio. Praza Toural.
• Pontevedra. Praza da Peregrina.
• Vilagarcía. Praza de Galiza.
• Vigo. Farol de Urzaiz.
• A Guarda. Praza Avelino Vicente.
• Cangas. Praza do Concello.
• Redondela. Praza do Concello.
• Silleda. Parque da Praza da Igrexa. Ás 20.30h