Galiza acolle por primeira vez un Encontro da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa, coa CIG como anfitrioa
A CIG compareceu en rolda de prensa esta mañá para presentar o Seminario Internacional e o Encontro do Secretariado de Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP), que terán lugar os días 27 e 28 de setembro en Santiago de Compostela. Uns eventos relevantes ao entender da central nacionalista xa que, por primeira vez, Galiza acolle unha xuntanza da CSPLP, organización na que están presentes as principais centrais sindicais de Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, S. Tomé e Príncipe, Guiné Bissau e Timor Leste.
Así o expuxeron a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, e a Secretaria de Organización, Susana Méndez, quen destacou que a CIG fai parte, como central sindical galega, da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa, conformada por organizacións obreiras de todos os países da lusofonía. "Sindicatos que temos en común, que partillamos, un tronco lingüístico, o galego-portugués, e de aí que a pertenza a esta comunidade teña grande importancia para a CIG, como organización que defende o dereito a vivir e traballar na nosa propia lingua e a súa total normalización".
Méndez aseverou que para a CIG "é un orgullo, como central sindical anfitrioa", poder recibir na Galiza estas delegacións de organizacións amigas, coas que, ademais da loita polos dereitos da clase traballadora, "compartimos tamén o aspecto lingüístico, para nós de tanta importancia". A este respecto, incidiu en que a CIG é a única organización sindical dunha nación sen estado presente na CSPLP e que, sendo a primeira vez que se celebra un encontro da CSPLP na Galiza coa CIG como anfitrioa, "tamén é a primeira vez que un encontro destas cartacterísticas se celebra nunha nación sen estado".
Encontro do Secretariado das Mulleres
A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, informou que o sábado 28 celebrarase o Encontro do Secretariado das Mulleres no que se reunirán 21 representantes dos sindicatos que compoñen esta comunidade sindical lusófona, tal como se acordou na reunión mantida na cidade de Praia en Cabo Verde, con motivo do IX Congreso da CSPLP en agosto de 2023.
Nesta xornada de traballo realizarase unha posta en común sobre as actividades a desenvolver no inmediato. "Abordaremos as problemáticas que neste momento urxen unha acción común, como o xenocidio do pobo palestino ou, noutra orde de cousas, as consecuencias do cambio climático e a transición enerxética desde unha perspectiva de xénero no mundo do traballo, nos movementos migratorios, etc., tendo en conta tamén o papel desempeñado polos nosos países na orde internacional", matizou Castro.
Seminario Internacional
Por ser unha cimera importante, e aproveitando a presenza das compañeiras de tan variados lugares, a CIG decidiu organizar un Seminario Internacional na véspera, o venres 27, que baixo o título "Implementación da igualdade a través da negociación colectiva e no contexto global", se desenvolverá no Edificio Cersia.
Este seminario formativo constará de varias palestras e mesas de debate ao longo do día, nas que participarán mulleres sindicalistas de catro continentes "que nos van relatar as súas experiencias na defensa dos dereitos das mulleres traballadoras". Poucas veces, destacou Castro, "imos ter ocación de reunir mulleres de países tan distantes, con experiencias tan diversas, unidas, iso si, por unha lingua común e pola conciencia da necesidade de romper as barreiras de xénero que impiden o avance das mulleres, en particular das clases populares".
A temática predominante será a superación das desigualdades de xénero desde a perspectiva sindical internacional e, no caso da nosa nación, a historia da loita feminista, co obxectivo "poñer en común e tirar conclusións da situación laboral das mulleres nos diversos países da lusofonía".
Castro debullou polo miúdo o programa deste Seminario Internacional, que arrincará ás 11:00h, e contará con dúas mesas de debate. Na primeira falarán as responábeis da área de mulleres da CUT do Brasil, Amanda Corcino, e da Comissão de Igualdade da CGTP de Portugal, Adrea Araujo. A continuación, estarán na mesa Clara Munguambe, da OTM de Moçambique que é ademais a presidenta do Secretariado das Mulleres da CSPLP; Eduarda Miranda, de KSTL de Timor Leste; Edna Ferreira, de UGT do Brasil; Cristina Trony, da UGT do Portugal; e Joaquina Almeida, da UNTC-CS de Cabo Verde e membro do Consello de Administración da OIT.
De Galiza participará a profesora Mª Pilar García Negro, "que nos ilustrará sobre os rasgos distintivos da historia das mulleres galegas"; Carmen Montero Ferrer, profesora axudante e doutora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC, que tratará a violencia sexual e de xénero sobre as traballadoras do mar; e a propia Nicolasa Castro, como responsábel da secretaría confederal das Mulleres da CIG, que será a encargada de abrir e pechar este seminario.
Recoñecemento internacional
Realizar estes eventos, reiterou Castro, "é para nós un recoñecemento a nivel internacional da existencia de Galiza como nación, como pobo diferente no mundo e cunha lingua propia que é nai nese tronco galego-portugués". Por iso, engadiu, tamén ten ese significado simbólico de "reafirmación da nosa lingua e de reivindicación de futuro como unha lingua normalizada".
As representantes da CIG agardan que tanto o Encontro como o Seminario "sexan do maior proveito" e que constitúan "un antes e un despois no só polas experiencias que se poidan achegar, senón tamén como punto de partida doutros novos encontros no futuro. Porque é fundamental vincular dúas cuestións que non se poden separar xa, como son o sindicalismo e o feminismo", concluíu.