Gadis despide no supermercado de Melide a un traballador de baixa por enfermidade
Traballadores/as de Gadis acompañados por compañeiros/as da CIG-Servizos concentráronse esta mañá diante do supermercado que a empresa de alimentación ten en Melide para denunciar o despedimento dun traballador mentres estaba de baixa por IT e reclamar a súa readmisión.
A CIG-Servizos denuncia que a empresa recorreu á figura da reforma laboral de “despedimento disciplinario” para xustificar esta decisión baseándose nunha suposta baixa de rendemento. Un argumento que consideran irrisorio e rexeitan porque “é imposíbel medir o rendemento de alguén que está de baixa”.
Xunto a isto Gadis argumenta que estando de baixa o traballador facía “vida normal”, cuestión que a CIG-Servizos tamén pon en entredito porque a baixa foi provocada por un trastorno de ansiedade que “non limita a súa capacidade para moverse”.
Fronte a isto, a CIG-Servizos volve detectar, igual que ocorreu en 2014, o uso deste tipo de despedimentos en traballadores/as de baixa por IT alegando causas similares en todos os casos.
Despedimentos disciplinarios
No ano 2014 Gadis xa utilizou a figura do “despedimento disciplinar” de xeito fraudulento, aplicándoo a situacións de enfermidade, en moitos casos derivadas da propia actividade laboral.
Durante ese ano sucedéronse as mobilizacións contra estas prácticas, para denunciar os despedimentos e reclamar a readmisión das traballadoras/es afcetados. Despedimentos que, en moitos casos eran difíciles de detectar, xa que a empresa aproveitaba o descoñecemento do persoal e a falta de contacto coas centrais sindicais para rescindir contratos, en ocasións obrigando aos afectados e afectadas a asinar finiquitos e ceses voluntarios que non comportaban indemnizacións.
Porén, aqueles casos denunciados perante a autoridade laboral conseguiron unha indemnización de 45 días por ano traballado por parte da empresa.