Fusión entre BBVA e Sabadell: destrución de emprego e perda de servizos financeiros
A CIG-Banca saíu hoxe ao paso das informacións que anticipan a posíbel fusión entre o BBVA e o Sabadell para lembrar que este tipo de operacións de concentración empresarial traen consigo o peche de oficinas, a restrición dos servizos financeiros á clientela e unha importante destrución de emprego -adoita superar o número de empregos da entidade de menor tamaño-, o que incrementará a sobrecarga de traballo que padecen os cadros de persoal.
Dende a central sindical denuncian que a día de hoxe a “negociación” aberta entre o BBVA e Sabadell céntrase nos grandes accionistas, “na pelexa de galos para decidir que persoal directivo continuará, e en calcular o número de persoas traballadoras que sobran”.
Ademais, a entidade resultante pagará menos impostos, xerando créditos fiscais ao seu favor e eludindo o futuro pago de impostos sobre os beneficios. E reducirá a súa contribución á Seguridade Social, cargando sobre a caixa das pensións a reestruturación.
Outra consecuencia da fusión terá que ver coa redución da competencia, con graves consecuencias dende o punto de vista do crédito (a particulares e empresas) e da retribución do aforro. “Hoxe o sistema financeiro galego xa ten un grao de concentración moi elevado, e a nivel estatal os tres grandes grupos bancarios (Santander, Caixabank e BBVA) controlarían case o 70% do mercado financeiro”.
Na CIG-Banca consideran que este tipo de procesos benefician unicamente os fondos de investimento especulativos estranxeiros (a maior parte de EEUU), que son os maiores accionistas da banca española en xeral e de BBVA e Sabadell en particular.
En consecuencia, a CIG-Banca amosa unha vez máis o seu rexeitamento a o “nefasto” modelo de sistema financeiro impulsado dende Bruxelas e Madrid, “que só beneficia a fondos especulativos de EEUU e aos directivos (homes) das entidades”.