Fungos, pingueiras, equipos e espazos inutilizados e filtración de materiais tóxicos no maior centro educativo de Galiza

A CIG-Ensino faise eco das queixas da comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio de Vigo
Vigo - 21 Xan 2026

O A CIG-Ensino vén de facerse eco novamente das queixas da comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio de Vigo -integrada por máis de 2000 persoas-, que denuncia unha situación insalubre e incompatible coa actividade lectiva pola presenza de fungos, pingueiras, equipos e espazos inutilizados e filtración de materiais tóxicos no maior centro de Galiza como consecuencia das obras de reparación da cuberta iniciadas o pasado mes de xuño.

 

A central sindical solicitará unha reunión extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do departamento autonómico para solicitar que se informe ao persoal do centro sobre a seguridade nos traballos e se realice unha avaliación de riscos na que, sobre todo, se identifiquen e midan os axentes contaminantes. Ademais, urxe a que se adopten medidas preventivas para evitar máis danos nos equipos e no material de talleres e laboratorios e se dean solucións inmediatas ás filtracións de auga.

O maior centro educativo de Galiza vive unha situación “dantesca” desde finais do curso pasado, cando se iniciaron as obras de limpeza, reparación e impermeabilización das cubertas. No que vai de curso o profesorado amosou en repetidas ocasións a súa preocupación pola evolución dos traballos e os problemas que estaban ocasionando, tanto no que ten a ver con material inutilizado pola filtración de auga como pola proliferación de mofos, fungos, pó e polibreal (impermeabilizante das cubertas, teratoxénico e carcinoxénico). “Todo isto está a repercurtir negativamente na actividade lectiva en todos os departamentos e familias profesionais”, sinalan dende a CIG.

Despois de intentar sen éxito en varias ocasións que persoal técnico da Consellaría informara ao claustro sobre o Plan de prevención de riscos das obras, un grupo de docentes vén de elaborar un dossier con vídeos e imaxes nas que se poden ver os graves efectos que están a padecer no día a día. Tal e como recolle o informe, <<os problemas debido ás filtracións de auga son perceptibles en todo o centro. Así, no comedor de hostalaría, nas aulas, nos laboratorios e nos talleres de todos os departamentos hai pingueiras e filtracións de auga, así como charcos nas entradas das aulas da planta baixa do edificio central>>.

<<Ademais, están medrando colonias de fungos que se expanden polas paredes dos corredores, aulas, laboratorios e instalacións da zona de Sanitaria, Química, Téxtil, Industrias Alimentarias e planta baixa do edificio central, o que provoca un ambiente moi pouco saudable que consideramos que non é apto para o desenvolvemento das clases en condicións de seguridade>>. Nas imaxes poden apreciarse equipos de talleres e laboratorios que ou ben están tapados e inutilizados ou ben están cubertos de auga ou inutilizados por danos ocasionados pola humidade. O profesorado insiste neste escrito en que <<se depuren responsabilidades e se proceda a unha desinfección minuciosa e adecuada do edificio para deixar de poñer en risco a saúde de toda a comunidade educativa>>.

Desidia da Consellaría

A CIG-Ensino, ademais de contactar en varias ocasións ao longo do curso coa dirección do centro para pedir explicacións e que se garanta que non se poña en risco a saúde de persoal e alumnado, púxose en contacto co Servizo de Riscos Laborais da Consellaría, que se limitou a dicir que teñen reunións semanais coa empresa e que tanto as deficiencias interiores como a avaliación de riscos se realizará unha vez rematen as obras do tellado. Hoxe mesmo foille enviado o escrito coas probas gráficas achegadas polo profesorado xunto cunha solicitude de intervención inmediata ante esta situación.

Para o sindicato, estas explicacións amosan a desidia coa que actúa a Administración que ten que protexer a seguridade da comunidade educativa, sobre todo durante as obras, “tendo en conta que se trata de fungos, mofos e axentes tóxicos con efectos carcinóxenos”. Polo que o seguinte paso será solicitarlle unha reunión extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral ao subdirector xeral de Recursos Humanos aproveitando a convocatoria da Mesa Sectorial sobre o Piale a vindeira semana, “xa que el é o presidente dun órgano que a Consellaría ten completamente abandonado e que non se reúne as veces que marca a normativa”.