Función Pública ofrece unha praza a unha funcionaria para executar unha sentenza pero acaba adxudicándoa en comisión de servizo
Dende o órgano de representación explican que a Dirección Xeral de Función Pública decidiu executar unha sentenza logo de perder a demanda que presentara unha traballadora contra a Xunta por terlle baremado mal o concurso de traslados de persoal da administración xeral -resolto hai máis de dous anos- e ocasionar un serio prexuízo a unha compañeira. O feito de executar a sentenza “sería encomiábel se non fora porque optaron pola peor maneira posíbel de solucionar o problema”, denuncia a Presidenta da Xunta de Persoal, Mª Carmen Fernández (CIG).
A sentenza estabelece que, segundo a puntuación “corrixida” desa titulación, realmente correspóndelle á traballadora que denunciou unha praza (na sentenza mesmo se especifica que praza), que foi adxudicada a outra persoa pola propia mecánica do concurso, e que polo tanto habería que retrotraer o proceso até ese momento.
Dado o prexuízo que implicaría para tres persoas que terían que perder as súas prazas de concurso como consecuencia desta modificación, engade a Xunta de Persoal, dende Función Pública propoñen (mediante un correo electrónico) á funcionaria afectada darlle outra praza vacante no departamento de xuventude pertencente á Xefatura Territorial de Traballo (actual Política Social na Coruña), ao que ela accedeu de boa fe para non prexudicar a terceiros.
Este modo de actuar, explican, foi o utilizado noutras ocasións nas que ocorreu algunha situación semellante “e desta maneira teríase resolto o problema de xeito definitivo. Mais a Consellaría decidiu rachar ese acordo unilateralmente e propoñer a cobertura desta vacante en comisión de servizos a outra traballadora”.
“Logo de falar tanto a traballadora como esta Xunta de Persoal con Función Pública, e de indicarnos que o Director Xeral ‘está valorando que facer’, finalmente adxudícase a praza en comisión de servizo”, critican dende o órgano de representación. Esta decisión, matizan, provoca que para executar a sentenza van cesar do seu posto de concurso a tres traballadores que gañaran eses postos en concurso de traslados. Por iso entenden que o Director de Función Pública en lugar de resolver a situación o que fixo foi “xerar novos problemas”.
Para a Xunta de Persoal, estes feitos xeran dúbidas a respecto das motivacións de Función Pública para ofrecer un posto “e ao día seguinte anular ese ofrecemento. Se esa praza que se lle ofreceu á funcionaria segue vacante, por que se escolle mover e prexudicar varias persoas executando a sentenza na súa literalidade e non se segue ofrecendo esa praza vacante? Se esa praza vacante se cubre en comisión de servizos, é que a persoa que a vai ocupar ten algún tipo de preferencia para Función Pública?”, inquiren.
Hai que lembrar que a comisión de servizos é o sistema de provisión de postos de traballo vacantes que son cubertos temporalmente “en caso de urxente e inaprazábel necesidade”.
Ademais, os traballadores que agora teñen que deixar os seus postos obtidos por concurso van sufrir unha importante merma nas súas retribucións xa que todos proviñan de postos de nivel inferior, “polo que resulta doado ver quen é a única persoa beneficiada con estes movementos. Non sabemos se é legal ou ilegal o que están a facer, mais é moi cuestionábel que a solución sexa a axeitada nin dende logo a satisfactoria”, conclúe a Xunta de Persoal.