Función Pública estuda mudar o decreto de listas para valorar o tempo traballado ao persoal de SEAGA
O Director Xeral de Función Pública propuxo, na xuntanza celebrada o martes día 19, a modificación do decreto de listas de cara a valorar as entidades públicas pertencentes á Xunta de Galiza, como o IGAPE, o persoal do Consorcio e os bombeiros forestais de SEAGA. A CIG exixe que os prazos sexan o máis curtos posíbeis para a resolución do conflito e solicita a apertura urxente do proceso negociador.
Tras do anuncio da Xunta de Galiza da supresión da encomenda de xestión da extinción de incendios forestais coa empresa pública SEAGA, o pasado día 10 de setembro, a CIG defendeu a necesidade de que as 500 prazas afectadas pasaran a formar parte do SPDCIF, aumentando así o seu cadro de persoal e camiñando cara un servizo público único na extinción de incendios forestais.
Porén, segundo o decreto publicado pola Xunta de Galiza, o traballo de extinción realizado durante 12 anos polos traballadores e traballadoras de SEAGA valería cero puntos. Isto provocou a convocatoria dunha folga indefinida do persoal da empresa pública e o inicio de mobilizacións o pasado luns.
Diante do anuncio de Función Pública de que se estudará modificar ese decreto, a CIG-Administración Autonómica reclama a apertura dun proceso negociador do decreto de listas para que se solucionen eivas xa anunciadas como a coherencia no cómputo do tempo traballado, o esgotamento dalgunhas listas para a substitución das vacacións de verán ou prazos de penalización, entre outras.
A CIG-Administración Autonómica defende ademais que os postos que se van amortizar en SEAGA se cren na RPT e nas mesmas condicións que para o persoal contratado fixo-descontinuo, para o que demanda a duración de 9 meses, porque “non imos permitir o xogo de sillas co noso persoal”, afirman.
Fronte a isto, cuestiona que outros sindicatos como CSIF ou CCOO se embarullen coa formación, a exixencia do galego e outra cuestións evidentes e non discutíbeis para o traballo en función pública e que UGT mesmo propoña a valoración de TRAGSA, a UME como SEAGA. “Supomos que foi un comentario desafortunado sen a reflexión adecuada, pois aínda somos incapaces de imaxinar a valoración dos militares ou de empresas foráneas como traballadores/as dependentes da Xunta de Galiza”, sinalan.
En todo caso, exixen que os prazos sexan curtos para a resolución do conflito e demandan a apertura urxente do proceso negociador.