Fuco Gómez e a proclamación do Estado Galego
Se cadra o aspecto máis importante deste arredista era a súa teorización respecto da problemática nacional galega, propondo como solución: unha Galiza independente, que se confederaría despois co resto das nacións ibéricas, que sería unha unión de estados libres
No ano 1998 colocouse en Ouselle (Becerreá) unha placa de homenaxe a Fuco Gómez, un de tantos patriotas descoñecidos ou non abondo lembrados. Mais Fuco Gómez non se debería esquecer, xa que fixo un meritorio labor a prol da recuperación da nosa identidade nacional. O nacionalismo galego non se forxou só con figuras xa recoñecidas como Villar Ponte, Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Viqueira ou Bóveda; foi un proxecto máis colectivo, inzado de de persoas entregadas, de acción, que analizaban a realidade social do presente e militaban pola transformación do país.
Fuco Gómez é un de eses paisanos que atoparon na emigración a posibilidade de se formar, de acceder a ideas transformadoras, que permitían dignificar a identidade galega, esmagada polo ignorancia e opresión en que se atopaba desde hai séculos o pobo galego. Aldraxado a través de todo tipo de contos e chanzas que se facían especialmente, mais non unicamente, respecto da xente que vivía no rural (a gran maioría). Fuco naceu en 1895 e sendo un raparigo marchou como polisón para Cuba. Alí, vencellouse á colectividade galega, que era moi numerosa e exerceu diversos cargos. Primeiro como presidente da Sociedade de Instrucción de Becerreá, despois, en 1920, como conselleiro segundo na Xuntanza Nacionalista Galega. Esta organización era a primeira do seu tipo en América e editaba o xornal “Nós”. En 1921 Fuco fundou o Comité Revoluzonario Arredista Galego, un antecedente da “Pondal” de Bos Aires.
Salientou Fuco Gómez durante toda a súa vida activa na política, até o ano 1962, polos centos de publicacións, tanto de artigos como de libros (uns 50), nos que denunciaba o caciquismo existente dentro da colectividade galega, as aldraxes que sufrían os nosos paisanos polo único feito de ter unha lingua de seu e proceder do mundo rural, así como por querer recuperar a identidade nacional de Galiza. Destacaríase na primeira etapa por escribir artigos incendiarios contra aquelas obras de teatro ou novelas de radio que ridiculizaban o galego, así como por organizar accións contundentes. Porén, se cadra o aspecto máis importante deste arredista era a súa teorización respecto da problemática nacional galega, propondo como solución: unha Galiza independente, que se confederaría despois co resto das nacións ibéricas, que sería unha unión de estados libres. Completábase esta proposta coa creación dunha confederación europea e universal. No social foi un adiantado do seu tempo, xa que denunciou a discriminación da muller e dos negros en Cuba e mesmo se definía como antimilitarista.
Estivo un pequeno período en Galiza no ano 1931, durante a Segunda República, e deu folgos, xunto a Campos Couceiro, para que dado a conxuntura se proclamase o Estado Galego. Daquela, con este obxectivo, aproveitando a folga nas obras do ferrocarril Zamora-Coruña, votouse e aprobouse nunha asemblea aberta dos traballadores a formación dunha Xunta Revolucionaria e nomeouse a Alonso Ríos presidente. Aínda que ao final esta decisión non tivo continuidade, non se lle pode restar valor, xa que deixou en evidencia o estado de ánimo da sociedade galega, ou cando menos dun sector moi dinámico da poboación, respecto da cuestión nacional (o paro era contra os despedimentos pola interrupción, por parte de Goberno, das obras do ferrocarril Zamora-Coruña). Pouco despois Fuco retorna a Cuba. Unha vez na illa do Caribe continuou publicando libros e loitando por unha Galiza soberana e a xustiza social. Morreu en 1972, lonxe da súa Terra, pola que tanto deveceu, e pola que tanto fixo.
[Galiza, 8 de abril de 2026]