Fronte sindical desde as nacións do Estado español para demandarlle ao Goberno central democracia, soberanía e xustiza social
As organizacións sindicais máis representativas e hexemónicas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya -CIG, ELA, LAB e I-CSC- asinaron esta mañá en Bilbo unha declaración político-sindical, impulsada pola CIG, para exixir ao goberno do Estado español un cambio profundo para avanzar en democracia, soberanía e xustiza social. Demandan, entre outras cuestións, a derrogación total das reformas, a recuperación dos dereitos arrebatados pola crise, o recoñecemento dos marcos propios de decisión e o impedimento a que se siga centralizando a lexislación laboral e a negociación colectiva.
MANIFESTO:
As confederacións sindicais CIG, ELA, LAB E CSC de Galiza, Euskal Herria e Catalunya reunímonos hoxe en Bilbo co obxecto de profundar na análise da conxuntura laboral, social e política que vivimos nas nosas respectivas nacións e no Estado español. Ante o novo tempo político no Estado queremos profundar no diagnóstico e proposta sobre varias materias que nos interpelan directamente.
Nas nosas nacións asistimos a un proceso constante de precarización laboral e social que se estende a todos os ámbitos da vida. Acreditamos que o sistema actual non é sostíbel. Isto débese á teima dos gobernos nas políticas de austeridade, unha axenda neoliberal que deixa de lado a urxente transición social, ecolóxica, feminista e democrática do propio sistema, compartida ademais polos gobernos autonómicos.
Como sindicatos de tres nacións sen estado, compartimos igualmente a preocupación pola crise do Estado español (que non crise territorial nin crise catalá). Destaca, por unha banda, o auxe da extrema dereita e a deriva cara ao autoritarismo de boa parte do o arco político. Por outra, a inexistencia dunha solución política no recoñecemento do dereito á autodeterminación.
Por todo iso, ante no novo goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, CIG, ELA, LAB e CSC reivindicamos:
1.- Unha axenda social inequívoca que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais, ademais da extensión de políticas que garantan a igualdade de xénero, a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e as pensións, os servizos públicos, a protección e os dereitos sociais e unha transición enerxética territorial e socialmente xusta.
2.- Reclamamos o dereito a decidir no noso ámbito o modelo de relacións laborais, pensións e o sistema de protección social. Débese recoñecer o dereito a negociar as condicións de traballo nos nosos respectivos países, derrogando as reformas da negociación colectiva que deron ás á estatalización das relacións laborais e, con iso, a dar máis amplitude á precariedade e aos baixos salarios.
3.- Unha axenda democratizadora ampla, dentro da cal debe derrogarse inmediatamente a Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza o movemento social e sindical, a folga, a protesta e a reivindicación.
4.- A primacía da política para resolver os conflitos nacionais, como o que enfronta a Catalunya e ao estado, o que supón acabar coa xudicialización da política, poñer en liberdade as e os presos políticos cataláns, poñer fin a política penitenciaria de excepción que lles aplican as e os presos políticos vascos e galegos, e recoñecer o dereito a autodeterminación.
As organizacións asinantes estamos convencidas de que só unha axenda desta natureza, ambiciosa e audaz, poderá poñer freo ao auxe do neofascismo que se estende en Europa e no Estado español.
Somos conscientes de que tamén os sindicatos temos unha importante función democratizadora.
Acreditamos no valor civilizatorio da loita, do sindicalismo combativo, do impulso organizado e militante da clase traballadora. Temos o convencemento de que o denominado diálogo e concertación social non son as vías de solución ante esta grave realidade; máis ben ao contrario, pretenden a domesticación e desmobilización ante as inxustizas.
O auxe que numerosas loitas están coñecendo nestes tempos (pensionistas, feminismo, movemento climático, conflitividade laboral e folgas) alimentan o mellor da sociedade, xa que prestixian referencias solidarias fronte ao illamento e a invididualización propugnada polo capital.
Os sindicatos asinantes queremos cambiar de raíz o actual sistema, comprometéndonos a seguir loitando por un modelo baseado na xustiza social e ecolóxica, o feminismo e nun reparto máis equitativo do traballo e da riqueza.
Avanzando en democracia e soberanía, que nos permita construír un espazo socioeconómico propio, con capacidade de decidir sobre os nosos recursos, faga real un desenvolvemento económico sostíbel nun marco propio de relacións laborais e de protección social en cada unha das nacións que representamos.