Fronte ao sectarismo do Goberno do PP, a CIG solicitaralle unha reunión ao presidente da Xunta de Galiza
Na súa calidade de central sindical máis representativa, a CIG vaille solicitar unha reunión ao novo presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, para abordar a situación socioeconómica de Galiza e as políticas en materia industrial, social e laboral que o Goberno galego ten previsto pór en marcha para reverter a grave crise que atravesa o noso país; así como trasladarlle, novamente, as propostas da CIG nestas materias.
A Executiva da CIG adoptou esta decisión por responsabilidade social e en resposta ao reiterado desprezo que o Goberno do PPdeG lle manifesta á que é a primeira central sindical en Galiza, tanto en número de delegadas e delegados como en afiliación e que ten a consideración de máis representativa. "A profunda crise e o empobrecemento continuado das galegas e galegos precisa da adopción de medidas urxentes, non de posturas sectaristas e antidialogantes", afirma o secretario xeral, Paulo Carril.
Omitir a CIG constitúe un grave desprezo para milleiros de traballadores e traballadoras do noso país, representantes sindicais de empresas e afiliados/as da nosa organización"
Rueda cumpre ao milímetro a súa palabra de encabezar un Goberno continuista das prácticas de Alberto Nuñéz Feixoo e, ao igual que o seu predecesor, nega a existencia da CIG non convocándoa á reunión que o pasado martes 14 de xuño mantivo cos sindicatos CCOO e UGT. "Omitir a CIG constitúe un grave desprezo para milleiros de traballadores e traballadoras do noso país, representantes sindicais de empresas e afiliados/as da nosa organización", valora Carril.
Para o secretario xeral esta forma de proceder desacredita o novo presidente da Xunta de Galiza "ao constituír unha grave falta de consideración ás mínimas normas de cortesía e respecto institucional". Ademais, considera "profundamente sectarias e antidemocráticas" estas prácticas "ao negar a quen temos a condición de central sindical máis representativa e primeira forza sindical en Galiza".
Critica que, como fixo Feixoo, Alfonso Rueda confunda o "diálogo social" cos dereitos de participación institucional. "A decisión da CIG de non participar no denominado «Diálogo Social en Galicia» responde a unha decisión soberana desta organización, tomada en uso da súa liberdade sindical, e non pode ter máis consecuencias que as inherentes a aquel proceso, do cal non se deriva que a Xunta e os seus representantes poidan vulnerar gravemente os nosos dereitos de participación institucional e dispensarnos un trato discriminatorio como represalia pola adopción de decisións sindicais lexítimas".
A Xunta debe abandonar a política de apartheid á CIG
Máis grave considera Carril esta actuación por canto evidencia a pouca vontade do Goberno galego para afrontar a grave situación que atravesamos "cunha intención decidida por construír todos os entendementos e consensos posíbeis, aínda desde as lexítimas diferenzas que poidan existir".
Esta actuación evidencia a pouca vontade do Goberno para afrontar a grave crise que atravesamos cunha intención decidida por construír todos os entendementos e consensos posíbeis"
Neste senso, defende que, ante o medre imparábel da carestía da vida, o desmantelamento do noso tecido produtivo e o enorme impacto que os procesos de transición enerxética e dixitalización están a causar nos diferentes sectores e actividades económicas, a Xunta "debe abandonar xa a política do apartheid á CIG que leva anos practicando". Unha política de discriminación que levou a que o PP rexeitara as propostas e ILP presentadas pola CIG e a que tampouco tivera en conta as propostas socioeconómicas e laborais elaboradas pola central sindical.
Fronte a esta postura, Carril pide recuperar a actividade das institucións públicas galegas como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), que o Goberno do PP mantén bloqueadas. Estas institucións, subliña, teñen o carácter de órganos consultivos e nelas participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade.