Fronte á represión sindical no Quirón, mobilización!
A CIG desenvolveu unha concentración este xoves diante do SMAC da Coruña contra a política de persecución e represión sindical exercida polo Hospital Quirón. A protesta realizouse coincidindo co acto de conciliación polas sancións impostas á presidenta e ao secretario do comité, a quen ademais a empresa despediu, mentres estaba de baixa, alegando motivos disciplinarios por supostos incumprimentos en materia de protección de datos.
Como era de prever, a conciliación rematou sen avinza polo que agora tanto a demanda contra as sancións como a demanda polo despedimento continuarán na vía xudicial. Neste último caso, solicítase a declaración de nulidade por tratarse dun exemplo claro de represión sindical e un ataque á liberdade sindical.
Para a CIG o motivo real destas actuacións empresariais non é outro que eliminar a "molesta" representación da central nacionalista no Hospital QuirónSalud da Coruña, onde leva anos ostentando a maioría absoluta do comité. Despois de varios intentos frustrados de abrirlles expedientes as delegadas e delegados, a dirección deu agora un paso adiante na súa política represiva, seguindo unhas directrices que a CIG entende que emanan da dirección do grupo Quirón en Madrid.
“Para unha empresa que fai negocio coa saúde, a CIG non é unha testemuña agradábel para determinadas prácticas que antepoñen o lucro á calidade asistencial”, aseverou o responsábel de sanidade privada da CIG-Saúde, Miguel Tizón.
Como exemplo, expuxo a denuncia feita esta mesma semana pola central nacionalista na inspección de servizos sanitarios do SERGAS advertindo dunha praga de moscas na zona de quirófanos e esterilización do hospital, nos que a empresa continúa facendo intervencións cirúrxicas “para non deixar de facturar”. Sobre esta problemática, Tizón sinalou que “agardamos que a Consellaría poña a saúde da cidadanía por enriba do beneficio empresarial e actúe coa máxima dilixencia”.
Intensa acción sindical
“Quirón non quere a representación da CIG nos seus centros de traballo porque sabe que fan ben o seu labor en defensa dos interese das persoas traballadoras e da saúde das persoas usuarias”. Por iso, incidiu Tizón, o único motivo do despedimento do secretario do comité e do expediente á presidenta “é a súa firme acción sindical de denuncia pola perda de calidade asistencial, as insuficientes ratios de persoal, a vulneración dos dereitos laborais ou as denuncias en materia de prevención e saúde”.
Estas accións sindicais xa derivaron en expedientes sancionadores de Inspección de Traballo contra Quirón por incumprimentos en materia de igualdade, de aplicación do convenio colectivo, da obriga de información ás representantes das persoas traballadoras e incluso por esquirolaxe nas pasadas folgas polo convenio provincial. Ao que hai que engadir sentenzas xudiciais condenatorias por vulneración de dereitos individuais, colectivos e de tutela.