Fronte á propaganda, a CIG reivindica investimentos e medidas urxentes para reverter a profunda crise de Ferrol
A CIG mobilizouse este mércores diante do estaleiro de Ferrol para reivindicar investimentos e políticas urxentes para Ferrol, Eume e Ortegal que revertan a profunda crise económica, laboral e social na que están sumidas estas comarcas. A protesta realizouse con motivo da presenza do presidente do Goberno español e da ministra de Traballo no acto de corte de chapa da primeira das fragatas F-110.
Unha visita que o secretario comarcal da CIG, Manuel Anxo Grandal, cualificou de pura propaganda, posto que é a primeira vez un presidente do Executivo estatal acode ao acto simbólico do corte de chapa. Lamentou esta posta en escena mediática cando dende as organizacións sindicais e empresariais están solicitadas dende o pasado ano reunións cos distintos ministerios implicados para abordar as solucións e medidas urxentes e concretar orzamentos, que continúan sen ser atendidas.
Falta de investimentos nos estaleiros
Grandal subliñou que, malia o volume importante de traballo que supón a construción das fragatas, as instalacións seguen á metade das súas capacidades produtivas en obra nova e, máis grave, “seguimos sen ter os investimentos necesarios para dotalas de futuro. Por moito que se nos queira vender, o programa das fragatas non é a solución para os estaleiros nin para a comarca”, valorou.
Criticou que se teña desbotado a obra do novo dique de construción, necesario para poder acceder a mercados de futuro, mais tamén que se dera de lado a unha vella reivindicación: o novo dique de reparacións, pois este é un negocio que trae moita carga de traballo e permite paliar os períodos de baixa actividade construtiva.
Por iso considerou gravísimo que Navantia estea rexeitando carga de traballo en carenas por non haber sitio para os barcos. "A plataforma canadiana ocupa toda a instalación e non podemos aceptar máis encargos", advertiu Grandal, quen lembra que mesmo nos orzamentos da Xunta de 2011 se consignaron cartos para esta infraestrutura, pero dez anos despois nada se ten avanzado. Neste senso, denunciou o desleixo do Goberno do PP “que se limita a non actuar e descargar responsabilidades sobre o Goberno central”.
Na mesma liña, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas ‘Tupi’, denunciou o incumprimento do plan estratéxico de Navantia e do contrato de execución das fragatas F-110, “que leva o mesmo atraso que os anos de Goberno de Pedro Sánchez”. Incidiu na necesidade de ampliar e modernizar o estaleiro de Ferrol (tal como se contemplaba no plan estratéxico), defendeu a construción do dique cuberto como unha “obra fundamental e irrenunciábel”, así como o dique para Carenas, e o desenvolvemento do potencial da fábrica de turbinas cara ás enerxías renovábeis. Xunto a isto, a CIG entende como “innegociábel” a volta á construción naval civil de Fene.
“Pero estamos vendo que se camiña na dirección contraria, pois o único que se está a facer é desmantelar o estaleiro para deixalo como un simple almacén de compoñentes de eólica mariña”, alertou.
Reunión "protocolaria e decepcionante"
Co gallo da cerimonia de corte de chapa, o comité de empresa foi convocado a dúas reunións, primeiro co presidente de Navantia e posteriormente co presidente do Goberno e a ministra de Traballo. Encontro que o voceiro da sección sindical da CIG, Pepe Teixido, cualificou de "protocolario e decepcionante", por canto "nos trasladaron boas palabras pero ningún feito concreto nin a respecto das infraestruturas e a carga de traballo, nin no ámbito do cadro de persoal".
A representación da CIG puxo enriba da mesa a necesidade de potenciar os estaleiros da ría con forza no mercado naval civil, no de reparacións e no de enerxías verdes, apostando por estes mercados, tanto a nivel de infraestruturas como incorporando persoal cualificado para producir produtos con valor engadido e desenvolver patentes propias.
Transición enerxética xusta e infraestruturas
Alén do sector naval, o secretario da CIG Ferrol chama a atención sobre as necesidades do conxunto da comarca "que está totalmente abandonada". "Hai que revitalizar e diversificar o motor económico da comarca que é o naval, pero tamén hai que garantir unha transición enerxética xusta. Fomos forzados a unha especialización na produción naval e enerxética e non podemos consentir que despois de décadas de espolio neste proceso nos deixen absolutamente devastados”, aseverou.
A este respecto, Manuel Grandal considerou que as reivindicacións sociais non se poden conformar con manter o actual o emprego, senón que “temos que reclamar a creación de máis postos de traballo, porque só así lograremos reverter o declive no que levan anos sumidas estas bisbarras, claramente reflectido na perda de poboación e na constante emigración”.
Xunto a isto, Grandal reclamou investimentos en materia de infraestruturas para rachar co illamento histórico desta comarca, tanto por estrada como por tren, porque “se non hai conexións para transportar as mercadorías e as persoas non teremos capacidade para atraer e asentar novos proxectos e industrias", advertiu.