Froiz terá que readmitir unha traballadora á que despediu tras denegarlle a adaptación do posto ás súas limitacións físicas
A CIG vén de lograr no xulgado a readmisión dunha traballadora de Froiz da provincia da Coruña que foi despedida logo dunha IT de longa duración e despois de que a empresa se negara a adaptarlle o posto ás limitacións físicas que padece.
A traballadora prestaba servizos na sección de carnicería e foi diagnosticada de tendinitis de Quervain e aínda que tanto os informes da mutua como os da Seguridade Social desaconsellaban os movementos repetitivos, apuntando á necesidade de cambiarlle o posto de traballo a outra sección, a empresa fixo caso omiso.
Nin atendeu as múltiples queixas recibidas por parte da traballadora, nin as indicacións dos informes presentados nin tampouco a solicitude de cambio de posto feita pola traballadora en abril de 2021. De feito, pouco despois, o 14 de xullo de 2021, Froiz decidiu despedila por motivos disciplinarios alegando "unha baixada de rendemento".
Agora, a traballadora vén de gañar o recoñecemento da nulidade do seu despedimento e o Xulgado do Social 4 da Coruña condena a Froiz a readmitila inmediatamente nunha sección adecuada ás súas limitacións, a pagarlle os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento, así como a abonarlle unha indemnización de 7.500 euros por "vulneración do dereito a non discriminación por razón de discapacidade".
Neste sentido, a resolución xudicial subliña que as doenzas da traballadora son incurábeis, que as leva padecendo dende 2011 e que a empresa tiña coñecemento en todo momento das súas limitacións para desenvolver todas as funcións do posto de carnicería, pero non así para realizar os traballos propios doutras seccións, como froitería, a onde a empregada solicitara que a destinaran e a onde recomendaban pasala os informes da mutua.
Non obstante, Froiz optou polo despedimento disciplinario (que a propia sentenza recoñece non estar debidamente xustificado na carta de despedimento), incumprimento así ademais o estabelecido na lei de prevención de riscos laborais.