Froiz suspende as eleccións sindicais en Ourense aducindo supostos motivos de seguridade pola covid
A CIG de Ourense vén de presentar unha denuncia contra Froiz diante da Inspección de Traballo despois de que a empresa decidise de xeito unilateral suspender as votacións coas que se poría fin ao proceso de eleccións sindicais nos establecementos da provincia. A central non descarta denunciar tamén diante da Fiscalía ao entender que se trata dun delito contra o dereito fundamental de liberdade sindical, recollido no artigo 315 do Código Penal.
O anuncio foi feito onte polo secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, durante a rolda de prensa celebrada diante das instalacións de Froiz no Posío para denunciar “un feito insólito sen precedentes en ningunha empresa do país nin en ningún proceso electoral de cantos se teñen celebrado”.
Trátase dun feito insólito sen precedentes en ningunha empresa do país e en ningún proceso electoral de cantos se teñen celebrado
Carballo explicou que unha vez que o proceso electoral estaba practicamente rematado, coas candidaturas proclamadas e xa en plana campaña electoral, a empresa decidiu de xeito unilateral suspender as votacións aducindo que o fai por motivos de seguridade fronte á covid.
“Resulta curioso que nun sector non que se traballou dende o minuto cero, e sen ningún tipo de medida de protección ao principio, agora pretendan seguir traballar pero que non se poida meter unha papeleta nunha urna para escoller o sindicato que queres que te represente”.
Liberdade sindical
Por iso entende que a decisión de Froiz é unha “conculcación flagrante” do dereito de liberdade sindical e vulnera “todo tipo de principio democrático”. En consecuencia, quixo deixar moi claro que a CIG seguirá adiante coas denuncias, “porque en Froiz ten que votarse si ou si, xa que é un dereito dos traballadores/as”.
Lembra que o comité de empresa tiña que renovarse no mes de xuño, pero naquel momento os sindicatos si que acordaron adiar o proceso pola situación sanitaria de “auténtica emerxencia”. “Pero nestes momentos, coas medidas de protección e cos protocolos existentes, consideramos que o proceso pode levarse a cabo con toda a seguridade.”
Finalmente, sinala que esta situación dáse unicamente nos establecementos da provincia de Ourense, porque no resto do país incluso están a negociar os convenios colectivos. “Trátase de ir gañando tempo para presionar o persoal e trasladarlle a mensaxe de que a CIG non pode estar no comité”.