Froiz incumpre o rexistro de xornada e quere baixar o soldo do persoal en Ourense
Preto de 250 persoas traballadoras da rede de supermercados Froiz de Ourense poden ver rebaixado o seu salario entre 60 e 120 euros mensuais, xa que a dirección pretende que acepten a retirada do plus de produtividade. Ademais, a empresa está a incumprir a lexislación en materia de rexistro de xornada.
Dende a CIG de Ourense explican que todo o persoal de Froiz realiza na actualidade unha xornada laboral superior ás 40 horas semanais, “pero ante a obriga legal de rexistrar a xornada a empresa está intentando que siga a ser de 45 horas, rexistrando unicamente as 40 que establece o convenio”.
Ao mesmo tempo, denuncian que Froiz está a presentarlle ás persoas traballadoras un documento no que “declaran voluntariamente estar de acordo coa retirada do concepto de produtividade que viñan percibindo na nómina mensualmente”. A presentación do documento vai acompañado da “insistente presión” do departamento de recursos humanos para que sexa firmado.
Denuncias e mobilizacións
“En caso de negativa chaman a unha testemuña para que asine estar presente na entrega do mesmo, polo que nos atopamos non só ante un grave incumprimento da lexislación e do convenio, senón tamén ante o burdo e soez intento de rebaixar un salario que o persoal xa tiña consolidado, todo ben aderezado con ameazas e presións de todo tipo”.
Diante disto, a CIG está a denunciar na Inspección de Traballo os feitos, e vén de anunciar que acudirá ao xulgado do Social a defender as condicións económicas adquiridas, “ademais de convocar mobilizacións para denunciar publicamente o que acontece”. A primeira das protestas terá lugar este venres día 20 diante do Froiz da rúa Concordia de Ourense ás 11:00 horas.