Froiz incumpre a sentenza xudicial que obriga a retirarlle ao persoal as tarefas de limpeza alleas á súa sección

A sección sindical da CIG na provincia da Coruña reclámalle á empresa o cese inmediato desta práctica
Santiago de Compostela - 23 Mar 2026

A CIG reclámalle a Distribuciones Froiz que cumpra coa sentenza xudicial gañada polo sindicato e deixe de obrigar o persoal dependente, de caixa ou encargado a realizar tarefas de limpeza dos baños e das zonas comúns alleas aos seus postos de traballo. A sección sindical da CIG na provincia da Coruña explica que a empresa presentou recurso contra a decisión do TSXG, pero mentres este  non se resolva, Froiz debe cumprir co ditaminado na sentenza.

O pasado mes de outubro, a sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza deulle a razón á CIG no conflito colectivo presentado contra Distribuciones Froiz ordenándolle á empresa a cesar de inmediato nesta actuación, xa que entre as funcións do persoal non figura a limpeza dos baños nin das áreas comúns das tendas.

Estes labores, que se fan a maiores dos propios de cada posto -entre os que si figura a limpeza da sección de traballo-, nin sequera son compensados, non existen instrucións concretas de como facelos, non se fixo a avaliación de riscos e non existe tampouco unha actividade preventiva específica. De feito, denuncia a sección sindical da CIG, o único obxectivo desta práctica é incrementar os beneficios ao evitar ter que contratar persoal propio ou alleo para prestar o servizo de limpeza en determinadas zonas dos supermercados.

A representación da CIG lémbralle a Froiz que, tal e como se recolle a sentenza do TSXG, a realización deste tipo de tarefas non ten acomodo co estabelecido o no convenio colectivo para os diferentes grupos profesionais, nin tampouco na regulación da mobilidade funcional, ademais non cumpre coa normativa máis básica de prevención de riscos e supón unha discriminación indirecta por razón de sexo.

Por iso, a central sindical reclámalle á empresa que cumpra de inmediato coa sentenza, deixe de obrigar o persoal a realizar tarefas que non lle corresponden e que ademais inciden na división do traballo en función do xénero.