Frigolouro debe garantir o futuro da planta do Porriño
A Federación da Alimentación da CIG sae ao paso dos recentes planos da empresa e rexeita a paralización dos investimentos na planta de Frigolouro no Porriño, cuestión que a dirección liga á apertura de novas instalacións en Portugal e que para a central supón o inicio dun proceso de deslocalización.
O recente anuncio realizado pola dirección de Frigolouro acendeu as alarmas entre o persoal de Frigolouro, que padece nos últimos anos unha situación de precariedade crecente ao abeiro da incorporación de cooperativas “sen dereitos” como Servicarne.
Porén, esta redución dos custos laborais non parece suficiente para a empresa, que pretende agora abrir unha nova planta en Portugal mentres paraliza os investimentos no Porriño, algo que para a FGAMT-CIG supón un plano para reducir a competitividade das instalacións galegas e realizar no futuro un ERE extintivo “que podería afectar a maioría do persoal”.
Ante iso, desde a central nacionalista vaise esixir que a empresa cumpra coa legalidade vixente, incluído o pagamento puntual dos salarios “que a empresa utiliza ás veces como arma para desmobilizar, enfrontar e amedrentarnos”.
Velarán, ademais, por fixar as funcións, número, condicións mínimas de dignidade e equiparación do persoal cooperativista co resto de persoal de Frigolouro. “Non rexeitamos as cooperativas en si, se non a precariedade que sofren ao non aplicárselle nen o convenio nen o Estatuto dos Traballadores/as”, aclaran.
Implicación do Parlamento e posíbeis mobilizacións
Para reverter a situación, a central tentará implicar o Parlamento Galego na loita pola permanencia de Frigolouro no Porriño, unha empresa “que ten recibido cuantiosas subvencións públicas nos últimos anos”. Ademais, solicitará garantías ao Concello de que, no caso, impedirá a especulación cos terreos da planta.
Por último, a CIG insta ao Comité de Empresa a actuar de forma unitaria “sen descartar como último recurso as mobilizacións” para obrigar tanto á empresa como á Xunta a garantir o futuro de Frigolouro, que pasa polo mantemento dos postos de traballo no noso país.