Francia: Pola retirada do proxecto de reforma laboral (Lei El Khomri)

Gérard Filoche - 31 Mar 2016

O proxecto de reforma laboral (chamado El Khomri) é unha posta en cuestión ideolóxica ultraliberal de décadas de loita dos sindicatos e da esquerda para protexer os empregados. Mesmo a patronal quedou sorprendido de que este proxecto de lei vaia máis aló do que defendeu a dereita

 Todo está no artigo 1: Mesmo aínda que só sexa por este artigo, todo o proxecto de lei El Khomri debe ser retirado. É o cuestionamento histórico, teórico, xurídico fundamental de todo un século do Estatuto dos Traballadores.

 Para entender isto hai que saber que o Estatuto dos Traballadores naceu en 1910 despois da catástrofe de Courrières no Paso de Calais, aló contra o 1906. Durante esta traxedia, 1.099 mineiros perderon a vida no fondo dos pozos. O patrón esixira que o traballo se renovase ao cesar a procura de sobrevivientes; de non ser así o carbón polaco viña e debería pecharse a porta das minas. Unha ducia de días máis tarde, 13 sobreviventes e despois un máis reapareceron. O choque emocional foi tal que se decidiu crear o Ministerio de Traballo para que puidese escapar dos requisitos do Ministerio de Economía.

 A elección básica era adaptar o traballo á persoa e non a persoa ao traballo. Se se esixiu as 3 x 8 (8 horas de traballo, 8 horas de recreo, 8 de descanso), non foi para compracer os propietarios das empresas senón as persoas, para que puidesen vivir co seu traballo.

 Así que cando o presidente Hollande anunciou que ía adaptar o dereito ao traballo ás necesidades das empresas", estamos ante unha contrarrevolución conceptual. Non ten nada de "moderna" e nada ten que ver tampouco coa "crise": é a volta ao século XIX, moito antes aínda que 1906, nos inicios dos salarios postescravitude cando non había nin leis nin cotizacións sociais.

 Non ten nada que ver co emprego: François Hollande confesouno o 21 de febreiro deste ano ao precisar que a lei "non terá ningún efecto en termos de emprego durante varios meses. Senón que se trata de instalar un novo modelo social". Non podía recoñecer de mellor xeito que o desemprego era un pretexto, e que do que se trataba era principalmente de romper coa lexislación laboral vixente.

 O proxecto chamado El Khomri é pois unha posta en cuestión ideolóxica ultraliberal de décadas de loita dos sindicatos e da esquerda para protexer os empregados. Mesmo a patronal quedou sorprendido de que este proxecto de lei vaia máis aló do que defendeu a dereita.

 O goberno Valls desprezou a capacidade de resposta dos sindicatos de traballadores, da esquerda, aquí forzada a distanciarse do rexeitamento de todos os sindicatos. Pero é aínda máis desprezábel, xa que se trata duns principios libres e universais, non a forma de abusar dun grupello de empregados da tenda da esquina...

 Ao longo de cen anos, o Estatuto dos Traballadores foi feito para que os dereitos das persoas ao emprego escapen das esixencias cegas do mercado, da rendibilidade, da competitividade. Este é un código excepcional, xa que está forxado de loitas e de sangue, de suor e de bágoas. É o produto de 1920 a 1936, de 1945 a 1968, de 1995 a 2002, de folgas, de ocupacións, de manifestacións, de negociacións e de leis da República.

 Porque, por si se precisa repetilo, nunha empresa non hai igualdade entre as dúas partes contratantes, os propietarios e os traballadores: no contrato de traballo, hai desigualdade, o empregado está subordinado, trátase dun "lazo de subordinación xurídica permanente" e é por este motivo que existe unha “contrapartida”, un código específico de dereitos.

 De feito, as leis laborais son - e deben permanecer - universais na medida que están unidas aos dereitos humanos, sexa cal for o tamaño da empresa, a súa especificidade, a súa rama. Deben ser superiores aos "contratos", aos "acordos", ás "derrogacións", ás "excepcións" e non á inversa. Isto está garantido pola Carta de Dereitos Humanos de 1948, a Carta Europea dos Dereitos Fundamentais de 1999, e polos convenios da OIT, tales como o número 81 ou o 158.

 Se hai unha "Organización Internacional do Traballo" é que estes dereitos humanos son universais e non para que o presidente Hollande ou a lei El Khomri os deixen raquíticos, de derrogación en derrogación, para as necesidades de cada empregador, empresa por empresa.

 O dereito do traballo debe ser constitutivo do dereito da competencia e non tripado en nome da competencia. Todos os países que utilizan o traballo infantil, que impoñen xornadas esgotadoras, deben ser combatidos e castigados, non imitados.

 Certamente podemos cambiar, fortalecer o código do traballo. Pero ninguén pode volver escribilo de novo xa que é o resultado, nos seus mil detalles, da expresión histórica das relacións sociais de poder. É a orde social pública, o Estado de Dereito nas empresas, as leis da República fronte ao mercado. Nisto, o código é o índice que mide a calidade dunha civilización.

 O código é a lei máis íntima, a máis esencial, a máis importante para os empregados. É o máis pequeno, o máis lexíbel de todos os códigos. É o código menos ensinado, o máis vilipendiado, o máis defraudado, por desgraza.

 A partir do artigo 1 do "preámbulo" do proxecto ElO Khomri todo se explica, todo é falso e todo debe ser rexeitado: afirma que "as liberdades e os dereitos fundamentais"... poden estar suxeitos a limitacións "se se xustifica polas necesidades do bo funcionamento da empresa". Os dereitos dos empregados, xa que logo, non están protexidos como dereitos humanos, senón suxeitos a un permanente estado de urxencia segundo as necesidades decretadas polas necesidades do beneficio e dos dividendos do particular empregador e dos seus accionistas.

Así, todo o demais se entende:

 Se as leis de El-Khomri Badinter, Macron, Valls e Cia. rompen as regras básicas da vida, en detrimento do corpo humano, da súa saúde, da súa vida familiar e do traballo compartido, non querendo máis limitar a duración legal da xornada para todos e todas... é polo "bo funcionamento da empresa." No preámbulo Badinter non hai cifras: mentres que na lexislación laboral, as cifras inclúen os principios, 35 h, 48 h, 151h 66, 1600 h debido a que o código do traballo se articula en torno á redución do tempo de traballo durante 170 anos.

 O concepto de tempo legal é "de facto" suprimido; as empresas deciden caso por caso coa pistola na cabeza dos seus empregados. Os sindicatos maioritarios (elixidos cun quórum!) poderán mesmo ser curtocircuitados polos sindicatos minoritarios que terán o dereito de apelar ao empresario para que organice un referendo.

 O goberno está tratando de mentir ao negar a subordinación dos empregados como en Smart de asinar “acordos” baixo unha violenta presión patronal e unha chantaxe ao emprego. Pero o propio goberno violou unha lei coa que, porén, pretende facer principio, que establece que calquera cambio na lexislación laboral e social, debe antes de chegar no Parlamento ser negociado entre os interlocutores sociais: pola contra o goberno mesmo vulnerou todo principio e ameazou con sacala adiante sen votación polo 49-3.

 O proxecto de lei Khomri é o nome que recibe o ataque final do Medef (patronal francesa) de Pierre Gattaz: "O código é o inimigo número 1 dos empresarios."Medef quere reemprazar a subordinación característica do contrato por unha "submisión voluntaria". Por iso é polo que a nova moda argallada é a "uberización", os contratos "civís" sen dereito nin leis, sen horarios, sen salario mínimo interprofesional. O informe da Comisión Badinter acaba co Estatuto dos Traballadores específico e reémprazao cun apaño mesturado co código civil, onde os contratos comerciais e estatus de autónomos se sitúan no mesmo plano que o anterior contrato de traballo. A "persoa" substitúe o empregado. O empregado é tratado como un independente ou autónomo. Uber pode navegar, Attali e Macron estiveron alí.

 Nesta lei ignominiosa, os liberais tecnócratas e a patronal “libéranse” sen restricións. Atrás quedaron as 35 e as 48 horas, as horas extraordinarias poden ser compensadas en lugar de aumentadas. Chegará se é posíbel traballar 12 horas ao día por "simple acordo". O descanso diario de 11 horas pódese dividir. O tanto alzado por acordos individuais irá máis aló de calquera duración máxima, incluídas as 48 e 60 horas. Os horarios anualizados de cálculo faranse sobre... 3 anos! Non se require permiso pago, o empregado pode renunciar por diñeiro. Un aprendiz pode traballar 40 horas. Hai aínda máis rebaixa de idade para o traballo infantil (os de 14 anos están menos protexidos contra o risco de caídas ou máquinas perigosas). A precariedade multiplícase, tres CDD (contratos de traballo a tempo parcial) van permitirse en lugar de dous. Non está prohibido o traballo arreo. Non hai límites para os gastos portuarios. Acábase o límite de 24 horas para o traballo a tempo parcial. A paga mensual acabouse. O patrón decidirá cando empeza a semana, de maneira que poderá evitar a compensación dominical.

 Se os beneficios e dividendos están caendo, o xefe pode cambiar o horario ( á alza) e as remuneracións (á baixa). A lei Warzmann Sarkozy xa o autorizou por un ano, a lei Sapin por dúas, esta lei autorízao por cinco anos. Os inaptos no traballo poderán ser despedidos. A medicina do traballo, os tribunais do traballo, a independencia da inspección do traballo, os órganos de representación do persoal resultan esmagados.

 Os despedimentos serán preprogramados desde o asinamento dos contratos e os empresarios que despidan traballadores de forma abusiva verán reducidas as súas condenas ao máximo. Mentres que na nosa sociedade “seguritaria” os delincuentes "ordinarios" están suxeitos a un "chan", agora instáurase un "teito" para os empregadores delincuentes.

 A patronal desexa o despedimento sen causa como nos EEUU. Para que serve para iso facilitar os despedimentos? Para facilitar os despedimentos! Nin un só posto de traballo máis, senón un menor número de postos de traballo. É unha lei a favor do desemprego, xa que calquera desregulación facilita tanto a perda de empregos como a non creación de emprego. Se hai un traballo de 12 horas ao día e 60 horas por semana, por que hai millóns de parados? Haberá máis reveses económicos debido a que son os empregados ben adestrados, ben tratados, ben pagos os que producen mellor, non os empregos flexíbel, non os empregos precarios.

 Este proxecto de lei é unha declaración de guerra a 18 millóns de empregados. Se todos non o saben aínda, debémolos informar, alertar, contribuír cos seus sindicatos e os seus representantes electos a mobilizalos. Isto é tan importante e histórico que merece unha revolta masiva e a indignación para a retirada total deste proxecto de lei chamado "El Khomri".

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 20 de marzo de 2016]