Francia: outra volta a trampa do voto útil?
A Unión Europea volveuse indiferente con respecto ás decisións democráticas dos seus pobos, segura de que as orientacións fundamentais dos Estados membros estaban bloqueadas por tratados. Desde a votación do Brexit e a vitoria de Trump, a política toma a revancha
Entramos nunha era política na que moitas frases que comezan por “Sería a primeira vez que...” semellan anunciar o cumprimento dunha eventualidade até o de agora inconcibíbel. Nesta primavera de 2017, as eleccións presidenciais francesas marcan así a primeira vez que xa non nos preguntamos pola presenza da Fronte Nacional (FN) na segunda volta: dáse a hipótese, aínda moi improbábel, da súa vitoria.
A primeira vez que ninguén defende o balance dun quinquenio mesmo aínda que dous ex ministros do presidente cesante, Benoît Hamon (Partido Socialista, PS) e Emmanuel Macron (En Marche!), participan nas eleccións. Trátase tamén da primeira vez que os candidatos do PS e da dereita, que gobernaron Francia de forma ininterrompida desde o inicio da Vª República, poderían ser eliminados conxuntamente desde a primeira volta.
Tamén se buscarían, en balde, precedentes dunha campaña tan parasitada pola información continua, os casos xudiciais, a incapacidade xeral para fixar a atención máis de 24 horas nunha cuestión esencial. E, certamente, non se atopa ningún caso anterior de que se emprenderon medidas xudiciais contra algún candidato importante ao poder supremo por desvío de fondos públicos malia proclamar, desde hai dez anos, que Francia está en creba.
Coa renuncia do Presidente cesante a aspirar a un segundo mandato córrese o risco de disimular o punto de partida de todos estes desaxustes. O quinquenio que finaliza viu como François Hollande se convertía no xefe de Estado máis impopular da Vª República, e isto xusto despois de que o seu predecesor, Nicolas Sarkozy, xa fose repudiado. Agora ben, o propio Presidente socialista admitiu que viviu cinco anos de poder relativamente absoluto (1). En xuño de 2012, por primeira vez na súa historia, o PS controlaba, en efecto, a presidencia da República, o Goberno, a Asemblea Nacional, o Senado, 21 das 22 rexións metropolitanas, 56 dos 96 departamentos e 27 das 39 cidades de máis de 100.000 habitantes.
Dese poder, Hollande fixo un uso tan discrecional como solitario. Foi el quen decidiu instaurar o estado de excepción, involucrou a Francia en varios conflitos exteriores, autorizou o asasinato de simples sospeitosos a través de drones. Tamén foi quen modificou o Código Laboral, obrigando a súa maioría parlamentaria a realizar unha reforma que se negaba a asumir (recurso ao artigo 49-3 da Constitución francesa) e para a cal ningún dos dous recibira o mandato do pobo. Sen esquecer a reestruturación do mapa das rexións francesas, o cal foi reconfigurado polo Xefe de Estado desde o seu despacho do Palacio do Elíseo.
Todo isto leva con agudeza á cuestión das institucións da Vª República, que Hamon e Jean-Luc Mélenchon (La France insoumise) se comprometeron a poñer en cuestión, pero á que François Fillon (Os Republicanos) e Macron se adaptan, do mesmo xeito que Marine Le Pen. Ningunha outra democracia occidental coñece semellante concentración de poder en mans dunha persoa. Máis aló do perigo, moi real, de que algún día un xefe de Estado menos benévolo que o que finaliza o seu mandato dispoña deste, as proclamacións altisonantes sobre a democracia francesa, a República, chocan cunha constatación que a presidencia de Hollande converteu en esmagadora: o exercicio en solitario do poder reforza a facultade ilimitada de tripar os compromisos dunha campaña que, con todo, debería legitimar o mandato do poboo soberano.
Hollande comprometíase a defender a siderurxia francesa, pero confirmou o peche dos altos fornos de Florange; debía renegociar o pacto de estabilidade europeo, pero renunciou a iso desde o primeiro día do seu mandato; prometía “inverter a curva do desemprego” antes de que acabase o ano 2013, pero continuou aumentando tres anos máis. Porén, se ancorou rapidamente nos espíritos certa sensación de traizón, débese sen dúbida a unha frase que marcou a súa campaña de 2012 e que todo o mundo volveu a escoitar cen veces desde aquela: “O meu único adversario é o mundo das finanzas”. Agora ben, Hollande non tardou en elixir a un ex banqueiro de Rothschild como asesor no Palacio do Elíseo, antes de lles confiar as chaves do Ministerio de Economía.
O actual favor do que parece beneficiarse Macron entre a opinión pública é tanto máis desconcertante canto que pode propulsar cara ao poder supremo o digno herdeiro, mesmo parricida, deste Presidente cesante cunha impopularidade inigualada. “Emmanuel Macron son eu -deixou escapar un día Hollande-, sabe o que me debe”. En efecto, Macron non é socialista, pero Hollande tampouco. Un proclámao, o outro anda con voltas. As declaracións do primeiro dan as costas a unha tradición da esquerda que criticaba “o diñeiro” ou “as finanzas”, pero iso corresponde ás conviccións que o segundo expresaba xa en 1985 nun libro, La gauche bouge (“A esquerda móvese”), que tamén tiña como autores o actual Ministro de Defensa e o Secretario Xeral do Elíseo (2).
Nesta publicación xa se vía a idea apreciada por Macron, aínda que no caso deste enterrouse baixo unha chea de palabras algodonosas e baleiras, dunha nova alianza social entre as clases medias cultivadas e a patronal liberal, unidas pola vontade conxunta de despregarse nun mercado mundial. “Emprendemento” no canto de “asistencia”, beneficios no canto de rendas, reformistas e modernistas contra extremistas e nostálxicos do pasado, rexeitamento da saudade “dos cameleiros e os augadores”: oír a Macron é como volver escoitar o que proclamaban William Clinton en 1990, e Anthony Blair e Gerhard Schröder algúns anos máis tarde (3). E seguilo significaría involucrarse de forma aínda máis impudente que Hollande na “terceira vía” do progresismo neoliberal. A que atraeu o Partido Demócrata estadounidense e a socialdemocracia europea, precipitándoos ao fondo do barranco no que xacen neste momento.
“Mundialistas” e “partido de Bruxelas” contra “patriotas”: Le Pen alegraríase de que o enfrontamento se limitase a esta dialéctica. Parece que Richard Ferrand, deputado polo PS e alicerce da campaña de Macron, anticípase aos seus desexos: “Existen –considera-, por unha banda, os neonacionalistas reaccionarios e identitarios; e, pola outra, os progresistas que pensan que Europa é necesaria” (4). Semellante estruturación do debate ideolóxico non é inocente. Trátase, en ambos os casos, de mergullar a cuestión dos intereses de clase alimentando, para uns, terrores “identitarios” e vituperando, para os outros, pulsións “reaccionarias”.
Mais, aínda que non lles guste a todos os progresistas favorábeis ao mercado, aqueles que “pensan que Europa é necesaria” están ben situados socialmente. Os “traballadores desprazados”, creados por unha directiva bruxelense de 1996 e cuxo número se decuplicou estes últimos dez anos, son máis frecuentemente obreiros do sector da construción ou asalariados agrícolas que cirurxiáns ou anticuarios. Agora ben, o que “pensan” as vítimas deste dispositivo é tamén, e en primeiro lugar, o produto do que temen, é dicir, un dumping salarial que ameaza as súas condicións de existencia. Para eles, Europa non se limita ao programa Erasmus e á Oda á Alegría.
Stephen Bannon, estratega político de Donald Trump, comprendeu o partido que podía tirar a dereita nacionalista do desclasamento social que acompaña case sempre as gabanzas da aldea global. “O centro daquilo no que cremos –explica- é que somos unha nación cunha economía, e non unha economía en calquera mercado mundial coas fronteiras abertas. Os traballadores do mundo están fartos de vérense sometidos ao partido de Davos. Os neoyorquinos séntense actualmente máis preto dos habitantes de Londres ou de Berlín que dos de Kansas ou de Colorado, e comparten cos primeiros a mentalidade dunha elite que pretende ditar a todos a forma segundo a cal será gobernado o mundo” (5). Se, nas súas reunións públicas salpicadas con bandeiras europeas, Macron exalta a mobilidade, reclama a “reactivación desde as empresas” e comprométese a suprimir as prestacións por desemprego se se rexeita por segunda vez unha “oferta de emprego decente” (6), como distinguir as súas proposicións dos intereses dos oligarcas do diñeiro e do saber que forman o “partido de Davos”… Podémonos facer unha idea dos danos democráticos que implicarían un posíbel cara a cara entre este e Le Pen, o mesmo que os medios de comunicación teiman en instaurar.
Desde hai máis de vinte anos, avogar polo “voto útil” remite a presentar os dous partidos dominantes como murallas contra unha extrema dereita cuxas decisións sucesivas e concordantes favoreceron o seu ascenso. “Hoxe en día -considera Hamon-, o proxecto de Emmanuel Macron é o estribo da Fronte Nacional” (7). Pero, reciprocamente, o poder da FN reforzou o monopolio do poder dos seus adversarios, incluíndo os socialistas (8). En 1981, François Mitterrand prevía que unha extrema dereita poderosa obrigaría a dereita a establecer unha alianza con ela, a risco de pasar a ser inelixíbel (9). A manobra inverteuse en abril de 2002, cando Jean-Marie Le Pen se enfrontousa Jacques Chirac durante a segunda volta das eleccións presidenciais. Desde aquela, a dereita só ten que adiantar o PS en calquera eleccións, nacionais ou locais, para se converter rapidamente a ollos de case toda a esquerda no arcanxo da democracia, da cultura, da República.
Institucións monárquicas que permiten calquera artería, calquera negación; unha vida política bloqueada polo medo ao peor; medios de comunicación que se adaptan á primeira á vez que se alimentan da segunda; e logo está... Europa. A maioría das políticas económicas e financeiras de Francia vense estreitamente subordinadas a esta, o que non impide que a parte esencial da campaña se desenvolva coma se o próximo presidente fose a poder actuar con toda liberdade.
Unha vitoria de Le Pen podería asinar a fin da Unión Europea -advertiu: “Non serei a vicechanceler de Merkel”-. Porén, no caso hipotético de que un dos favoritos das eleccións -e de Angela Merkel-, é dicir Fillon ou Macron, se instale no Palacio do Elíseo, aseguraría a continuidade con respecto aos presidentes aos que serviron respectivamente, preservaríase a coherencia coas orientacións da Comisión e confirmaríanse a hexemonía alemá e o ordoliberalismo, actuando unha como a puntillosa gardiá do outro. A cuestión sería doutra forma no caso de Hamon ou de Mélenchon. Se deixan de lado as tentacións federalistas do primeiro e o seu apoio á idea dun ámbito da defensa europeo, os seus obxectivos poden parecer próximos. Pero os seus medios para alcanzalos difiren por completo, até o punto de que as súas dúas candidaturas compiten entre elas e fan que ambos corran o risco de ser eliminados.
Con Hamon é difícil non experimentar unha sensación de déjà-vu. O candidato socialista, que pretende conciliar o seu apego pola Unión Europea e o seu desexo de ver como esta pon fin á austeridade para implementar unha política máis favorábel ao emprego e ao ambiente e menos desapiadada con Estados como Grecia -esmagados polo seu nivel de endebedamento-, debe persuadirse de que a reorientación á que aspira é posíbel, incluíndo no marco das institucións actuais; é concíbel “obter resultados tanxíbeis sen poñer na súa contra a toda Europa”. E basea a súa esperanza na recuperación da influencia por parte da esquerda europea, alemá en particular.
Porén, trátase exactamente da hipótese que ofreceu Hollande hai cinco anos. O 12 de marzo de 2012, comprometéndose “solemnemente” ante os seus compañeiros europeos reunidos en París a “renegociar o tratado orzamental” asinado por Merkel e Sarkozy, precisaba: “Non estou só, xa que conto co movemento progresista en Europa. Non estarei só, contarei co voto do pobo francés que me outorgará o mandato”.
Cécile Duflot, que se converteu na súa ministra de Vivenda, recórdanos o que sucedeu despois: “Todo o mundo esperaba que [Hollande] comezase un pulso con Angela Merkel. (…) Finalmente iamos darlle as costas ao Merkozy. (…) O italiano Mario Monti, aínda sendo tan liberal e ríxido como é, contaba con Francia para inverter a tendencia. O moi conservador Mariano Rajoy vía na elección de François Hollande a posibilidade de diminuír a presión que pesaba sobre España. Pola súa banda, Grecia e Portugal estaban dispostos a seguir a calquera salvador para evitar a ruína” (10). Xa se sabe o que ocorreu.
No fondo, nada distinto do que xa se producira quince anos antes (11). Entón, Hollande lideraba o PS, e Lionel Jospin, o Goberno. Como preludio á moeda única, acabábase de negociar un “pacto de estabilidade e de crecemento” que prevía un conxunto de disciplinas orzamentais, entre elas sancións en caso de déficits excesivos. Jospin, líder da oposición, non deixou de denunciar no pacto un “súper-Maastricht”, “absurdamente concedido aos alemáns”. Porén, convertido en Primeiro Ministro en xuño de 1997, aceptou todos os seus termos no Consello Europeo de Ámsterdam uns días máis tarde. A cambio do seu consentimento, afirmaba Pierre Moscovici -daquela ministro de Asuntos Europeos-, lograría obter “a primeira resolución do Consello Europeo dedicada ao crecemento e ao emprego”. Unha resolución cun impacto fulminante como todo o mundo puido comprobar desde aquela.
Hamon e Mélenchon pretenden, pola súa banda, renegociar os tratados europeos. Dótanse esta vez dos medios necesarios para iso? Hamon non cuestiona a independencia do Banco Central Europeo, pero espera “facer que os seus estatutos evolucionen”. Acepta a norma do 3% de déficit público, pero “desexa políticas de reactivación” compatíbeis coas súas ambicións ecoloxistas. Propón “a constitución dunha asemblea democrática da zona euro”, mais precisa con rapidez: “Aceptaría que se discutise respecto diso, por suposto. Non irei a Berlín ou a outra parte dicindo: ‘É isto ou nada’, non ten sentido”.
Algunhas destas reformas esixen o acordo unánime dos membros da Unión Europea e ningunha delas pode valerse actualmente do aval de Berlín. Polo tanto, Hamon pretende modificar a situación grazas a un “arco de alianza das esquerdas europeas”. E recusa o precedente, pouco alentador, de 2012: “Coido que os alemáns son máis abertos hoxe que cando Hollande chegou ao poder”. O temor a un desmembraiento da Unión Europea, por unha banda, e a perspectiva dunha alternancia política en Alemaña, pola outra, barallarían de novo as cartas ao seu favor. Malia todo, admite: “Son do partido da esperanza”.
Pola súa banda, a esperanza de Mélenchon cambiou desde 2012. Posto que “non é posíbel [implementar] ningunha política progresista” nunha Unión Europea tal e como existe actualmente e a falta dunha “saída concertada dos tratados europeos” ou da súa refundación (plan A), non exclúe unha “saída unilateral” (plan B). Como non cre demasiado nun ascenso en pouco tempo e simultáneo das forzas de esquerdas, as cales tenderían máis ben a retroceder estes últimos anos, Francia, a segunda potencia da Unión Europea, convértese aos seus ollos no “elemento chave da batalla europea”. Jacques Généreux, coordinador da redacción do seu programa presidencial, resume así a ecuación: “A saída forzada de Francia significaría a fin do euro e o fin da Unión Europea, así de simple. A ninguén lle interesa asumir ese risco. E, sobre todo, tampouco a Alemaña”. Por conseguinte, á vez que se nega a pregarse ás normas europeas que someten as súas prioridades económicas, “Francia, sen temor e se así o quere, pode permanecer no euro tanto tempo como desexe” (12).
A Unión Europea volveuse indiferente con respecto ás decisións democráticas dos seus pobos, segura de que as orientacións fundamentais dos Estados membros estaban bloqueadas por tratados. Desde a votación do Brexit e a vitoria de Trump, a política toma a revancha. Unha Unión Europea actualmente febril observa cada eleccións nacional coma se fose a vida en cada unha deles. Nin sequera a vitoria dun dos candidatos franceses aos que apoiou a tranquilizaría durante moito tempo.
_______________________________________________________________________
(1) Gérard Davet e Fabrice Lhomme, “Un président ne devrait pas dire ça...”. Les secrets d’un quinquennat, Stock, París, 2016.
(2) Un colectivo oculto detrás do pseudónimo de Jean-François Trans. Pierre Rimbert, “¿En círculos o en línea recta?”, Le Monde diplomatique en español, setembro de 2014.
(3) Cf. Le Grand Bond en arrière. Comment l’ordre libéral s’est imposé au monde, Agone, Marsella, 2012.
(4) L’e Journal du dimanche, París, 12 de marzo de 2017.
(5) Citado por William Galston, “Steve Bannon and the ‘Global Tea Party’”, The Wall Street Journal, Nova York, 1 de marzo de 2017.
(6) É dicir, por un salario que non sería “inferior en máis do 20%-25%” con respecto ao seu antigo posto.
(7) France 2, 9 de marzo de 2017.
(8) Véxase “El Frente Nacional bloquea el orden social en Francia”, Le Monde diplomatique en español, xaneiro de 2016.
(9) Cf. Emmanuel Faux, Thomas Legrand e Gilles Perez, La Main droite de Dieu. Enquête sur François Mitterrand et l’extrême droite, Seuil, París, 1994.
(10) Cécile Duflot, De l’intérieur. Voyage au pays de la désillusion, Fayard, París, 2014.
(11) Véxase “La izquierda renuncia al nombre de Europa” e “Audacia o atascadero”, Le Monde diplomatique en español, respectivamente xuño de 2005 e abril de 2012.
(12) Jacques Généreux, Les Bonnes Raisons de voter Mélenchon, Les Liens qui libèrent, París, 2017.
_______________________________________________________________________
[Artigo tirado de Le Monde Diplomatique, núm. de abril de 2017]