Francia: Os inicios da Presidencia Macron

Jacques Sapir - 15 Mai 2017

A campaña electoral das lexislativas que comeza verá enfrontarse aos catro partidos que agora dominan a política francesa. O de Emmanuel Macron aspira á maioría absoluta dos escanos. Así e todo, este non parece ser o desexo dos franceses, que non enviaron esa mensaxe a través das urnas

Emmanuel Macron foi elixido cunha ampla maioría dos votos emitidos o 7 de maio. Co 66% dos “votantes” obtén un resultado impresionante, aínda que enganoso. O gran número de abstencións e votos “en branco ou nulos” reduce o seu resultado ao 43% dos inscritos. Este nivel debe ser comparado co obtido en 2002 por Jacques Chirac nunha elección presidencial na que na segunda volta había tamén un candidato da Fronte Nacional. Nesa ocasión tan especial, Jacques Chirac obtivo os votos do 62% dos inscritos. A fenda de 19 puntos que se abriu en 15 anos, entre a elección de Jacques Chirac e a de Emmanuel Macron, é moi significativa. Mostra que houbo máis un voto por defecto; as enquisas, que deben tomarse con cautela, indican que só o 43% das persoas que optaron por votar a Macron aproban o seu programa.

 O éxito de Emmanuel Macron ben pode parecer só unha andrómena. O apoio case unánime da prensa, dos principais medios de comunicación que se comprometeron con notábel indecencia detrás deste candidato, non abondou polo tanto para que atopase un nivel mínimo que se correspondese co de Jacques Chirac. Os 19 puntos que lle faltaron din moito acerca da ira que senten os franceses, unha ira amplamente expresada ao longo desta campaña.

 Durante os “festejos” organizados para anunciar os resultados, cunha escenificación tan estudada e desprovista de espontaneidade que mesmo os xornalistas das principais canles de televisión así o subliñaron, asistiuse á posta en escena dunha dobre contradición que ben podería ser a da Presidencia de Macron.

 A primeira contradición foi presentar o elixido como un home só, libre de calquera vínculo, como quería dalo a entender o seu percorrido en solitario cara ao escenario do Louvre, cando en realidade a súa candidatura é unha enorme empresa de reciclaxe de políticos fracasados ou en final de traxecto do PS, do “centro”, pero tamén da dereita. A segunda foi entre o ton abertamente “europeo” da escenificación do Carrusel do Louvre e o discurso pronunciado por Emmanuel Macron na tribuna, un discurso no que Francia estivo amplamente presente. Expresou mesmo o que xa dixera en televisións estranxeiras pero calou en Francia: que quería «refundar Europa».

 Porén, calquera proxecto de cambio das institucións da Unión Europea, xa que -desde un punto de vista político e institucional- Europa non existe, pasa necesariamente por unha confrontación explícita con Alemaña. Emmanuel Macron terá que elixir entre unha preferencia francesa ou unha europea. Se quere combinar as dúas e non elixir, poñerase en mans de Berlín e mostrará a todos que a súa suposta vontade de «refundar Europa» non era máis que a máscara da submisión, intencionada ou sufrida.

 A derrota de Marine Le Pen é indiscutíbel. Éo tanto máis que nos primeiros días da campaña da segunda volta da elección presidencial se produciu unha dinámica que mostraba que as intencións de voto pasaban, nas sondaxes, do 38% ao 42%. Esta dinámica rompeuse debido en gran parte á súa campaña. Se pasou do 42% ao 34% non pode senón culparse a si mesma. As ambigüidades e confusións da súa campaña tiveron como efecto un auténtico afundimento desta que non se sabe se foi froito da incompetencia e de eleccións erróneas ou do mesmo deseño de campaña.

 A campaña electoral das lexislativas que comeza verá enfrontarse aos catro partidos que agora dominan a política francesa. O de Emmanuel Macron aspira á maioría absoluta dos escanos. Así e todo, este non parece ser o desexo dos franceses, que non enviaron esa mensaxe a través das urnas. Tendo en conta o xeito de escrutinio tradicional en Francia, será máis importante que nunca que os partidos aclaren as súas posicións. Os partidarios de Jean-Luc Mélenchon poden esperar obter bos resultados. Pero enfróntanse a dificultades considerábeis debido ao sistema de votación. Haberá que ter coidado de que esta elección non permita recuperar o control a partidos fracasados, nin desemboque en que lle sexan concedidos todos os poderes a Emmanuel Macron.

 

[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, do 10 de maio de 2017]