Francia: Os “chalecos amarelos”: por que e como comezaron? Análise e propostas

Alain Bihr - 10 Dec 2018

O movemento dos “chalecos amarelos” é por suposto complexo, compartido entre tendencias diverxentes, inzado de contradicións. A súa plataforma reivindicativa inicial era pobre e o seu horizonte político limitado (por non dicir inexistente). Pero o seu potencial de loita era e é enorme

 Non é preciso lembrar a amplitude dun movemento sen igual pola sorpresa xeral que provocou o seu despregamento e que dilata a súa duración e radicalización; e que, ao contrario, a súa propia existencia e o seu decurso implica formular algunhas cuestións teóricas e políticas.

 As reportaxes xornalísticas en quente así como os testemuños dos militantes que tomaron parte nos cortes de estradas permiten sinalar a heteroxeneidade en termos de composición de clase que contrasta coa súa composición espacial.

 A súa composición multiclasista non deixa lugar a dúbidas, no fundamental integrado por proletarios (obreiros e empregados, asalariados ou non), aos que se engaden membros das capas inferiores do marco (axentes de control, técnicos) ou da pequena burguesía (esencialmente artesáns, de xeito frecuente autónomos, pero tamén campesiños e mesmo intelectuais, por exemplo, enfermeiras liberais) e mesmo elementos do pequeno empresariado. Podemos tamén salientar a presenza de mulleres e xubilados con moita máis importancia da habitual nas mobilizacións.

 Se esta heteroxeneidade non danou o movemento, é que o conxunto comparte certo número de puntos comúns que fixeron posíbel a súa converxencia. Son as vítimas das políticas austericidas levadas a cabo por todos os gobernos desde hai corenta anos. Estas traducíronse para elas na degradación das súas condicións de emprego, de traballo e de remuneración; na dificultade crecente para “reunir dous soldos a final de mes”; na angustia crecente respecto ao mañá para si e os seus (sobre todo os fillos); na degradación ou mesmo a desaparición dos servizos públicos e equipamentos colectivos aos que apenas podían acceder; no sentimento de non se sentiren xa representados (tidos en conta ou consideración) por ninguén (sobre todo as organizacións sindicais, profesionais e políticas), salvo por algúns alcaldes (aínda que estes teñen cada vez menos poder); polo sentimento de estaren abandonados e deixados á valga e de estaren francamente desprezados, polos gobernantes que só teñen ollos, oídos e voz, para “os primeiros da fila”!

 Porén, estes “desposuídos” aínda dispoñen desta forza colectiva que é a solidariedade local, baseada nos vínculos de parentesco e veciñanza, feita de coñecemento e recoñecemento recíprocos, e tamén dunha “economía subterránea” de colaboración; de troca de servizos de doazóns recíprocas, que asegura, máis aló da supervivencia, a posibilidade de “ir tirando”, Sen iso, non se explicaría que homes e mulleres participen nas operacións realizadas polos “chalecos amarelos”, na frialdade de novembro durante varios días, e máis de dez en certos casos.

 A segunda característica sociolóxica salientábel do movemento é a súa localización na área rural periurbana. Iso é porque as categorías sociais antes citadas cada vez son expulsadas máis dos centros urbanos e mesmo das periferias urbanas máis próximas debido ao aumento de prezos dos alugueiros e das vivendas urbanas e á expansión espacial das cidades (desenvolvemento rural-urbano). Por outra banda, neste espazo, a dependencia respecto ao automóbil individual é máxima: necesítase polo menos un automóbil por fogar, non só para ir ao traballo, senón tamén para facer as compras, levar os nenos á escola e ás actividades complementarias, ir ao médico, realizar as xestións administrativas indispensábeis, participar nas actividades asociativas locais, etc., dada a concentración crecente dos equipamentos e os servizos, privados ou públicos, nos centros das periferias urbanas, pola ausencia ou carencia de medios de transporte colectivo, pola preferencia concedida á vivenda individual que favorece a dispersión do hábitat.

 De aí, o carácter obrigatorio dos gastos en carburantes para estes fogares e en consecuencia, vista a súa precariedade orzamentaria, a extrema sensibilidade destas persoas respecto de o seu prezo. Son os seus aumentos continuos no transcurso dos últimos meses, seguindo o prezo do petróleo no mercado mundial e o anuncio do seu próximo aumento (o 1 de xaneiro: 6,5 céntimos o litro de gasóleo, 2,9 céntimos o litro de gasolina sen chumbo de 95) derivado da elevación do imposto interior de consumo de produtos enerxéticos (TICPE) que significou a pinga que reborda o vaso! Tanto máis que, dado que o gasóleo estivo durante moito tempo subvencionado respecto doutros carburantes, o parque de automóbiles individuais supón aínda hoxe máis do 60% de vehículos con motor diésel. De aí a opción das súas formas de actuar (bloquear ou filtrar a circulación de automóbiles para sensibilizar os condutores) e a elección do símbolo de convocatoria (o chaleco amarelo).

 A composición sociolóxica do movemento abonda en esencia para explicar os límites orixinais no terreo político e ideolóxico. As súas reivindicacións inmediatas limitáronse a esixir unha redución do prezos dos carburantes, sobre todo dos impostos que configuran o 60% do prezo. Pero esta dimensión anti fiscal non considerou máis que unha parte ínfima da política fiscal do goberno. Sen criticala no seu conxunto; sobre todo o aumento da fiscalidade indirecta por riba da directa, e neste contexto a fiscalidade sobre os ingresos do traballo máis que a dos ingresos do capital, polo tanto os ingresos maiores e das grandes fortunas: así, a redución do tipo do imposto de sociedades (as empresas), o tipo fixo sobre os ingresos do capital, a supresión dos tipos superiores do imposto sobre a renda (IRPP), a supresión do imposto de solidariedade sobre os grandes patrimonios (IRF). E os “chalecos amarelos” non desafiaron de inmediato o efecto dos ingresos fiscais (a vertente dos gastos públicos) que aínda beneficiaban o capital (vexamos por exemplo o crédito competitividade-emprego -CICE- dun total aproximado de 110.000 millóns en cinco anos) en detrimento do traballo (os recortes claros no financiamento dos servizos públicos e equipamentos colectivos, do que unha parte constitúe a porción socializada do salario). Pero parecidos límites non sorprendían a priori a partes da poboación que non tiveron até hoxe , na súa maioría, ningunha experiencia nin formación política e que, xa que logo, era en moitos casos a súa primeira mobilización reivindicativa.

 Foi argumentando con semellantes límites inmediatos como se fixeron oír diferentes voces para desacreditar o movemento, ou polo menos, para botar sospeitas sobre el. Deixemos o desprezo ordinario dos “primeiros da fila” polo “baixo pobo”. Máis abraiantes e desacougantes foron as voces provenientes da esquerda ou mesmo da extrema esquerda. O movemento foi así cualificado de poujadiste. Na segunda metade dos 50, o poujadisme foi un movemento composto por elementos da pequena burguesía (especialmente comerciante) e do pequeno capital ameazado pola penetración do gran capital (convertido en oligopolista) en certos sectores da industria, do comercio e dos servizos, así como polo despregamento de institucións características do compromiso fordista entre capital e traballo asalariado (principalmente a Seguridade Social). Mentres, o movemento actual está dominado por elementos do proletariado ameazados polo desmantelamento continuo das conquistas do compromiso fordista. Único punto común: o antifiscalismo; pero mentres que iso foi un elemento esencial para o movemento poujadiste, o movemento actual dos “chalecos amarelos”, superouno, como veremos máis adiante.

 As nosas “almas cándidas” de esquerda e dunha parte da extrema esquerda acusaron a este movemento de ser arrastrado pola dereita dura e a extrema dereita. Tales acusacións foron difundidas baseándose na observación de obxectivos, eslóganes ou comportamentos sexistas e racistas no seo dos colectivos de “chalecos amarelos”; da presenza nos colectivos de símbolos ou sinais de identidade da dereita ou a extrema dereita nacionalista (a bandeira tricolor, a Marsellesa); do apoio inmediato obtido por eles, proveniente dos líderes da extrema dereita ou da dereita extrema (Le Pen, Dupont-Aignan, Vauquiez) tendente a recuperalo para os seus propios fins e á participación de militantes da extrema dereita nalgún dos seus colectivos.

 Aínda que en múltiplas ocasións os “chalecos amarelos” declaren reivindicarse como “apolíticos” (certamente o apoliticismo é máis ben de dereita), respondamos polo menos ás acusacións precedentes. Alén de que os actos e expresións racistas ou sexistas quedaron en minoría no seu seo, os “chalecos amarelos” non teñen por desgraza o monopolio do sexismo ou do racismo. Desde este punto de vista, os militantes e organizacións de esquerda e de extrema esquerda, terían que se desfacer do seu propio lixo. Ademais, esperar que un movemento popular espontáneo sexa ideoloxicamente puro para apoialo e intervir nel, é condenarse á impotencia e poñer o carro diante dos bois: esixir como punto de partida o que só pode ser un punto de chegada. Por outra banda, é discutíbel facer da bandeira tricolor e a Marsellesa sinais de identidade só da dereita ou extrema dereita nacionalista: podemos tamén lembrar a herdanza revolucionaria que implica, a única dispoñíbel de persoas privadas de calquera outra herdanza revolucionaria. Finalmente, e sobre todo, non é tanto a presenza de elementos da dereita e a extrema nacionalistas no movemento dos “chalecos amarelos”, polo que hai que se alarmar é pola ausencia da esquerda e a extrema esquerda que sirva de contrapeso para expulsalos do movemento.

 No seu conxunto, estas organizacións mantivéronse en efecto á marxe deste movemento, polo menos no primeiro momento. No ámbito político, asistimos a un apoio coa boca pequena por parte do PS (aínda non recuperado do seu colapso do ano pasado) e do PC (ocupado no seu congreso), a un apoio máis claro por parte da FI, do NPA ou da AL (Alternativa libertaria) aínda que sen chamar a unha participación masiva ao movemento -excepción feita dalgunhas individualidades (Ruffin, Besancenot, Poutou). En canto ás organizacións sindicais, presentaron un gradiente de actitudes indo da indiferenza á franca desconfianza englobando a hostilidade (o adorno anticuado como é habitual na CFDT, cuxo secretario xeral vería niso “unha forma de totalitarismo”)- excepto algunhas estruturas locais ou federais (CGT metalurxia, Sud industria, SUD PTT, FO Transports) e, por suposto, as dos seus militantes ou membros que moi rapidamente, ao contrario, tomaron a opción oposta.

 As razóns de tal actitude son múltiplas. Tiveron en consideración as críticas precedentes do movemento, xunto coa acusación de moverse en favor da patronal... do sector do transporte por estrada, que sostivo ao movemento polo feito de empregar a súa reivindicación primordial, antes de se retractar rapidamente protestando contra os bloqueos de estradas. Máis profundamente, hai sen dúbida que incriminar a hostilidade de inicio respecto dos movementos sociais espontáneos (o movemento dos “chalecos amarelos” partiu dunha petición que circulou polas redes sociais) por parte dos estados maiores que teñen o costume de facer desfilar as súas tropas só onde e cando eles deciden. Finalmente, hai que sinalar a súa extemporaneidade respecto de toda esta parte das capas populares na que estas organizacións non teñen (xa) ningunha implantación e que chegou a serlle tan estraña e invisíbel como esta resulta para o poder. O que di moito sobre a súa falta de ancoraxe no “país real” e valeu a estas pretendidas vangardas atoparse arrastradas por un movemento popular, polo menos nos seus inicios.

 Evidentemente, similar actitude é non só un erro senón unha falta política grave. O movemento dos “chalecos amarelos” é por suposto complexo, compartido entre tendencias diverxentes, inzado de contradicións. A súa plataforma reivindicativa inicial era pobre e o seu horizonte político limitado (por non dicir inexistente). Pero o seu potencial de loita era e é enorme. Como xa o probou a primeira e a ampliación do segundo. E esta é precisamente a misión das organizacións sindicais e políticas anticapitalistas, de intervir no seu seo e nas súas marxes para ampliar e acelerar ese dobre proceso e orientar o movemento nun sentido globalmente favorábel aos intereses de clase dos seus membros. Queda por determinar como.

 Sobre todo non intervir como doadores de leccións e, aínda menos, dando a impresión de querer recuperar o movemento en favor dunha organización calquera ou dun programa político concreto. Defender, ao contrario, a autonomía total do movemento respecto ao exterior e a democracia interna. E contentarse con defender, no seu seo, un certo número de propostas entre as cales deixo estas seguintes para a discusión.

 En canto ás formas de organización. Promover a democracia asemblearia nos colectivos. Facer de cada xuntanza un lugar de discusión e deliberación. Defender a autonomía dos colectivos locais aínda que argumentando pola maior coordinación posíbel entre os colectivos locais en termos dunha base territorial definida por eles. Mandatar estritamente os delegados para as coordinacións en cuestión. Non aceptar a institución de denominados representantes nacionais encargados de negociar co goberno. Pero buscar, tanto como sexa posíbel, favorecer os lazos coas organizacións e movementos que se declararon favorábeis ao movemento e que o apoiaron, sen tentativas de instrumentalización dunhas ou outras, a comezar por aquelas (principalmente organizacións sindicais e movementos estudantís) que xa se comprometeron en accións reivindicativas no seu propio campo. Pois o potencial de descontento e de revolta é inmenso no conxunto do país, como o probaron o sábado 1 de decembro as escenas tumultuarias en Parides pero tamén noutros lugares (Marsella, Saint-Étienne, Le-Puy-en-Velay, Tours), que non foron feitas polos “destrutores” habituais.

 Respecto ao contido reivindicativo. Propoñer a elaboración dunha plataformas reivindicativa que integre as reivindicacións inmediatas aínda que defendendo a necesidade de amplialas e profundalas. A xeito de exemplo:

- Redución inmediata do prezo dos carburantes mediante o TICPE, que constitúe actualmente a cuarta fonte de ingresos fiscais do Estado (tras o TVA -IVE-, o IRPP -IRPF- e o IS). Institución dun prezo administrado como forma de evitar variacións de prezos;

- Clara revalorización dos principais ingresos dos que viven as capas populares mobilizadas: levar o SMIC -SMIG- e as pensións de xubilación ao nivel do salario medio actual (en torno a 1700€); revalorización equivalente do conxunto de prestacións sociais; levar os mínimos sociais por riba da actual liña de pobreza (por exemplo aos 1200€).

- Adopción e despregamento urxente dun plan de loita contra a pobreza.

- Realoxamento de todos os SDF nas vivendas vacantes como xa autoriza a lei.

- Instaurar unha limitación de alugueiros. Lanzamento dun programa plurianual de illamento do conxunto de vivendas, sociais ou non, financiado con fondos públicos, comezando polos ocupados por familias con precariedade enerxética.

- Redución da fiscalidade indirecta (por exemplo, ampliación da cesta de bens e servizo sometidos a unha TVA -IVE- reducido con imposición dun prezo máximo, para evitar que os comerciantes embolsen a diferenza).

- Redución da fiscalidade directa que grava o traballo (por exemplo, as taxas da CSG). Aumento da fiscalidade directa sobre o capital, as rendas elevadas e as grandes fortunas: restablecemento das franxas superiores do IRPP; aumento dos tipos impositivos dos ingresos da propiedade baixo protección social; elevados impostos sobre a parte de beneficios distribuídos en forma de dividendos; aumento dos tipos do IS; restablecemento do ISF; supresión do CICE e do conxunto de nichos fiscais, cuxo total será orientado para financiar diferentes medidas ecolóxicas e sociais previamente enunciadas.

- Adopción dunha moratoria sobre a débeda pública. Apertura dun procedemento de auditoría desta débeda para determinar a súa parte ilexítima que non será reembolsada.

- Elaboración dunha táboa reivindicativo contra a degradación dos servizos públicos e, contrariamente, para o reforzo dos devanditos servizos, sobre todo en materia de transportes (reapertura de liñas locais de ferrocarril pechadas, gratuidade dos transportes colectivos), de saúde (institución dun período de presenza obrigatoria de mozos médicos nos desertos médicos, reapertura de hospitais e servizos hospitalarios pechados, dotándoos de medios suplementarios) e de educación (ningún peche de aulas na primaria, institución dunha distancia mínima a percorrer polos estudantes de secundaria e posta en funcionamento de recollida escolar sistemática, de medios suplementarios para as actividades extraescolares.

- Supresión do conxunto de medidas destinadas ao desmantelamento da protección social: supresión das medidas de copagamento de medicamentos; plan de urxencia para dotar os hospitais públicos de medios suplementarios e abandono de toda subvención ás clínicas privadas; instauración dun dereito á xubilación para todos despois de 30 anos de actividade baseado no 75% dos mellores ingresos brutos limitado a dúas veces o SMIC.

 En canto ás formas de acción. Sen abandonar as operacións de cortes de estrada ou de pór dificultadades á circulación automóbil ás entradas das cidades (para discutir cos condutores, incitalos a xuntarse ao movemento, facer que coñezan as reivindicacións) adoptar formas de acción adaptadas ás anteriores reivindicacións (por exemplo, bloqueo ou ocupación dos servizos públicos para apoiar as reivindicacións do persoal deses servizos e informar aos usuarios de tales reivindicacións; incidencia nos alcaldes, os consellos departamentais e rexionais, as permanencias dos deputados e senadores para obrigalos a reforzar as anteriores reivindicacións.

 Mais, sobre todo, paréceme necesario privilexiar as actuacións descentralizadas pero coordinadas nas provincias máis que as accións centralizadas en París: para permitir ao máximo de persoas implicarse; para permitir aos colectivos locais tomar as súas decisións e o seu calendario; para paralizar progresivamente o país; para esgotar o goberno e as súas “forzas da orde” obrigándoas a multiplicar os seus puntos de intervención e o seu desprazamento.

 Máis aló das propostas precedentes, que poden e deben ser debatidas colectivamente no seo do movemento, hai sobre todo a necesidade e a urxencia de intervir no seo deste para permitir que vaia o máis lonxe posíbel, o que non ten que discutirse no seo das organizacións sindicais e políticas anticapitalistas. E, calquera que sexa a súa saída, este movemento revelaría a existencia dun inmenso campo de capas populares que debe constituír unha auténtica terra de misión para esas organizacións nos meses e anos vindeiros. Sen iso, non haberá que se sorprenderse e laiar por ver a esas capas populares ceder aínda un pouco máis aos cantos de serea da extrema dereita que saberán, pola súa banda, encirrar o resentimento e sementar a xenofobia e o racismo e favorecer con iso o repregamento identitario.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 6 de decembro de 2018]