Francia: O que está en xogo na mobilización dos “chalecos amarelos”
Máis aló de como continúe o movemento dos chalecos amarelos, existen retos importantes para este movemento. Un deles, sen que implique o seu control, lograr que se estruture democraticamente e converxa coas organizacións do movemento obreiro dispostas a desenvolver un combate común de confrontación xeral co poder
Desde hai case un mes desenvólvese en Francia un movemento que non ten precedentes. O 17 de novembro, por toda Francia deron en producirse non menos de 2.500 cortes de estradas e de peaxes de autoestradas, nunha mobilización que axuntou 300.000 chalecos amarelos (porque os manifestantes levan o chaleco amarelo obrigatorio nos vehículos). Durante toda a semana seguinte seguíronse mantendo numerosos bloqueos en cidades de tamaño medio. E o sábado 24, de novo, desenvolvéronse unha boa chea de accións nas que participaron máis de 100.000 persoas, das cales 8.000 en París nos Campos Elíseos, provocando máis de 1.600 cortes.
Este movemento naceu á marxe dos partidos e os sindicatos. Construíuse a partir das redes sociais para expresar o rexeitamento ao anuncio gobernamental de incrementar a partir do 1 de xaneiro de 2019 o imposto dos carburantes a través do TICPE (siglas en francés do imposto interior polo consumo de produtos enerxéticos). Un incremento de 6,5 céntimos por litro de gasóleo e de 2,9 céntimos do sen chumbo de 95 oct. Xa en 2018 o imposto sobre o gasóleo se incrementou en 7,6 céntimos. Sobre o litro de gasóleo a 1,45 €, o Estado aprópiase aproximadamente dun 60% a través de impostos; é dicir, 85,4 céntimos. O goberno tamén prevé incrementos de 6,5 céntimos para os anos 2020 e 2021. Trátase do terceiro maior imposto de Europa sobre o gasóleo tras o Reino Unido e Italia.
Agora ben, a diferenza da maioría do resto de países europeos, en Francia o consumo do gasóleo é maioritario: representa o 80% do consumo de carburante. E hai que ter en conta que o prezo do gasóleo aumentou un 23% o último ano.
O chamamento contra este incremento do imposto, do que se fixo eco un artigo do principal xornal popular do país, Le Parisien, logrou o apoio de centenas de miles de persoas a mediados de outubro. Cifra que alcanzou o millón a primeiros de novembro. A partir de aí, puxéronse en pé numerosos grupos Facebook en todo o país e os vídeos contra a incremento deste imposto foron vistos por millóns de veces a través de internet (entre eles había un lanzado por un grupo de extrema dereita: Débout la France). Despois, un chofer de lanzou o chamamento para bloquear a circunvalación parisina o 17 de novembro. Data á que se sumaron miles de iniciativas locais para cortar as estradas e as rotondas e que se ían sumando nun mapa interactivo posto en pé por dous internautas chalecos amarelos. Finalmente, os grandes medios (á cabeza deles a canle BFM TV) fixéronse eco do fenómeno, dándolle unha maior dimensión.
Así pois, a partir do simple asinamento dun manifesto, o movemento estendeuse como a pólvora.
Que tipo de movemento?
Este movemento choca directamente co goberno, pero tamén cos responsábeis sindicais e políticos! Foi abraiante o contraste entre a extensión do movemento entre as clases populares, a enorme simpatía que suscitou, sobre todo nas empresas, o apoio masivo entre a poboación (70% de apoio en vésperas do 17 de novembro) e a caricatura á que foi sometido en moitos ámbitos da esquerda, criticando, sen ningún rigor, que detrás deste estaba a patronal do transporte por estrada e a extrema dereita. Agora ben, o conxunto das organizacións patronais condenou os bloqueos e esixiu ao goberno acabar con eles; en canto á extrema dereita, é certo que Nicolas Dupont Aignan, dirixente do pequeno partido Debout la France, vén berrando desde mediados de outubro cun chaleco amarelo ante a prensa. Así mesmo, Rassemblement National (antigo FN, con Marine Le Pen á cabeza) deulle o seu apoio, aínda que desmarcándose dos bloqueos de estradas… Agora ben, a maioría de organizadores de chalecos amarelos marcaron distancias con este embarazoso apoio.
Pola súa banda, Les Republicans (dereita tradicional) e o Partido socialista expresaron con discreción a súa simpatía co movemento. En sentido contrario, aínda que responsábeis da France Insoumise como J.L. Melenchon ou François Rufifin, así como Olivier Besancenot (NPA) expresaron o seu apoio ao movemento, todas as grandes organizacións sindicais (non só a CFDT, senón tamén a CGT e Solidaires) rexeitaron apoiar as manifestacións, facendo fincapé na manipulación da extrema dereita e a patronal do transporte por estrada.
En realidade, os chalecos amarelos son a expresión dun movemento profundo das clases populares. En Francia, todos os días, son 17 millóns as persoas que van traballar fóra dos seus concellos de residencia; é dicir, 2/3 das persoas activas; e un 80% delas utiliza o seu medio de transporte persoal. Así pois, a preocupación polo prezo do carburante é moi grande entre as camadas populares: tanto na rexión parisina (onde só o 50% das persoas asalariadas utiliza o transporte público para ir ao traballo) e no resto de rexións.
Xa que logo, a cuestión do imposto anunciado afecta á maioría dos traballadores e traballadoras! A xente asalariada, e sobre todo as súas familias, vense obrigadas a vivir cada vez máis lonxe dos centros urbanos; a precariedade acentúa este afastamento do lugar do traballo. Na rexión parisina, o 50% que se ve obrigado a utilizar o vehículo para ir traballar correspóndese de xeito frecuente coa xente que habita na periferia ou traballa en horas intempestivas.
O custo do transporte en coche, e sobre todo o diésel, foi a máis estes últimos anos nun contexto no que o índice de inflación oficial se utilizou como pretexto para non incrementar os salarios.
Os chalecos amarelos polarizan unha indignación popular en relación ao poder de compra, os salarios e as pensións, cun carácter de clase evidente.
Agora ben, esta indignación tamén cataliza unha carraxe difusa debida ao descrédito do goberno, á acumulación dos ataques contra o poder de compra, as pensións… e aos múltiples agasallos concedidos aos ricos, aos capitalistas. Tamén o descrédito dos partidos políticos que tendo dirixido o país en alternancia son os responsábeis da actual situación social.
Grazas ás reformas fiscais do goberno, á supresión do ISF (imposto sobre as fortunas), a redución do imposto sobre as rendas do capital, o 1% dos máis ricos verán incrementar as súas fortunas nun 6% en 2019, e o 0,4% dos máis ricos incrementarán o seu poder de compra en 28.300€. Ao mesmo tempo, o 20% dos menos ricos, coas reforma dos subsidios para vivenda e a redución das pensións, verán reducirse os seus ingresos sen ver incrementadas as prestacións sociais ao mesmo tempo que os prezos seguen a incrementarse.
Impopularidade e crise de goberno
Unha gran parte da poboación ve a Macron como o presidente dos ricos, dos moi ricos. O incremento do imposto sobre os carburantes, que atinxe sobre todo á xente con salarios máis baixos, tras os agasallos que fixo aos máis ricos, foi a pinga de auga que rebordou o vaso.
Ademais, debido á súa política de clase e ao descrédito que acumula, o goberno Macron atravesa unha situación de crise acelerada desde o verán. O affaire Benalla foi o escándalo do verán. Alexandre Benalla, membro da seguridade persoal de Macron, recoñecido como culpábel de agredir a manifestantes o 1 de maio, emerxeu como a expresión dunha práctica presidencial baseada en utilizar os servizos do Estado para as súas necesidades persoais a cambio de deixar facer aos seus colaboradores. Mutatis mutandis, o que lle ocorreu a Fillon en véspera das eleccións presidenciais.
A este escándalo seguiulle a dimisión de Nicolas Hulot, a cara ecoloxista de Macron, tras múltiplas renuncias aos seus compromisos no ámbito da transición enerxética. Dimisión á que seguiu a de Collomb, ministro do Interior e un dos primeiros en apoiar o novo presidente, que dimitiu a primeiros do outono. Estas sucesivas crises internas dan testemuño do desgaste acelerado deste goberno e da debilidade da súa base política e social.
Todas as enquisas sitúan a popularidade de Macron por baixo da de François Hollande no mesmo momento do seu mandato.
As reivindicacións dos chalecos amarelos
En todas as mensaxes dos chalecos amarelos a través das redes sociais e nos cortes de estradas, a esixencia da retirada do novo imposto sobre os carburantes mestúrase, máis aló da indignación pola carestía da vida, a esixencia do restablecemento do imposto sobre as fortunas… e, tamén, pura e simplemente a esixencia de que Macron dimita.
Co obxectivo de gañar apoio popular, á hora de xustificar o novo imposto sobre carburantes, o goberno utiliza o argumento da necesidade de combater o cambio climático e loitar contras a emisión de gases de efecto invernadoiro e de partículas finas. O portavoz do goberno, Benjamin Grivaux, pensaba obter o apoio da esquerda ecoloxista denunciando a "quen fuma tabaco e circula con diésel". Pero mesmo no campo electoral ecoloxista, o incremento do imposto non tivo unha acollida favorábel e a escusa do goberno non deu no albo.
A razón fundamental diso é que toda a política deste goberno (como a dos precedentes) dá as costas aos urxentes imperativos ecolóxicos: impulsando o uso indiscriminado do vehículo e o diésel, non fai nada para desenvolver o transporte colectivo, tanto nas zonas rurais como nas grandes cidades. Máis tendo en conta, como indicamos máis arriba, que as clases traballadoras ven cada vez máis distanciados os centros de traballo do seu lugar de residencia.
O facer pagar os pratos rotos fundamentalmente a sectores da poboación que non teñen opción de cambiar o seu modo para se desprazarse… nin cambiar de vehículo!, resulta dunha arrogancia gobernamental que non se pode aturar.
Na contrarreforma ferroviaria posta en pé polo goberno prevese suprimir máis de 11000 km de camiños de ferro mentres que o transporte de mercadorías foi sacrificado en beneficio do transporte por estrada. En paralelo exonérase a Total (compañía petroleira) de toda contribución fiscal e dáselle carta branca para continuar coas exploracións para extracción de petróleo.
Ademais, o debate sobre a lei financeira para 2019 puxo ao descuberto que máis de 500 millóns do imposto sobre carburantes van ser utilizados non para a transición ecolóxica, senón a absorber o déficit orzamentario de 2019 e compensar así a recadación menos pola supresión do imposto sobre a fortuna.
Durante semanas, o goberno e os medios de comunicación teimaron en tentar desacreditar o movemento presentándoo como o de "a Francia periférica", dos "territorios esquecidos", dunha revolta de xente inculta e sen conciencia do cambio climático (ver análise de Gerar Noiriel (1)).
E o movemento obreiro organizado?
O movemento obreiro e as súas organizacións non están á cabeza deste movemento de chalecos amarelos. Isto expresa tanto a súa perda de influencia en moitas rexións e como entre colectivos laborais. É tamén, como sinalan responsables de ATTAC e da Fundación Copernic na tribuna publicada en Le Monde (2) o resultado das derrotas acumuladas polos movementos sociais estes últimos anos.
A vontade de realizar os cortes de estrada, de impulsar accións directas ten a súa orixe no rexeitamento ás formas tradicionais de manifestación, aínda que se enmarca nas accións de bloque impulsadas polos sectores sociais combativos.
Ademais, a política practicada polas direccións sindicais, a debilidade do recambio dese movemento popular xeran un problema. Esta política tomou como pretexto as manobras da extrema dereita ou a vontade "apoliticista" dos chalecos amarelos. Pero como din os responsábeis de ATTAC e Copernic na devandita tribuna, "Non se poderá combater estar desconfianza ou a súa instrumentalización pola extrema dereita, nin o risco do antifiscalidade, practicando a política da cadeira baleira ou culpabilizando as e os manifestantes. Pola contra, trátase máis ben de se dotar dos medios para pesar no seu seo e gañar a batalla cultural e política dese movemento contra a patronal e que a extrema dereita que quere fagocitar".
Moitas estruturas e militantes sindicais non dubidaron en prestar o seu apoio e chamar a participar nas accións dos chalecos amarelos: por exemplo, a CGT da Metalurxia, Sud-Industria, FO-Transporte e numerosos chamamentos unitarios en diversos departamentos que puxeron por diante unha plataforma reivindicativa de incrementos salariais, contra os impostos indirectos que prexudican as clases populares e por unha reforma fiscal progresiva sobre os salarios.
De xeito frecuente, estes chamamentos rexeitaban de forma clara os impostos sobre os carburantes poñendo por diante a necesidade dunha verdadeira política ecolóxica que afecte á compañía petrolífera Total, que impulse o transporte colectivo e o transporte de mercadorías por estrada.
Nas redes militantes, e mesmo na prensa, todos os informes dan testemuño da base popular deste movemento, composto fundamentalmente de xente asalariada e pensionistas, á beira de autónomos ou pequenos empresarios, toda esa xente que sobrevive con salarios baixos en plena ofensiva gobernamental. Os militantes do NPA que participaron nos bloqueos ou distribuíron panfletos nestes, informan da boa acollida que tiveron e, sobre todo, da sintonía en torno ás esixencias do restablecemento do imposto sobre as fortunas e o fin dos agasallos fiscais aos máis ricos.
Os retos do movemento
Xa que logo, máis aló de como continúe o movemento existen retos importantes para este movemento. Un deles, sen que implique o seu control, lograr que se estruture democraticamente e converxa coas organizacións do movemento obreiro dispostas a desenvolver un combate común de confrontación xeral co poder.
O goberno desexa que os chalecos amarelos non sexan máis que unha paréntese perturbadora antes de volver a unha vida política e social normal. Tras o 17 de novembro, todos os medios de comunicación insistiron até a saciedade nos enfrontamentos habidos nos cortes de estradas, a xente que resultou ferida e a morte dunha chaleco amarelo, atropelada por unha automobilista. Insistían tamén nos inaceptábeis pero moi marxinais actos racistas e homófobos que se daban co fin de desacreditar o conxunto do movemento. Aínda se é máis prudente que coas manifestacións do movemento social, estes últimos días o poder reprimiu con dureza os bloqueos e sobre todo a manifestación dos Campos Elíseos deste sábado. Pouco habituados a manifestacións de rúa e aínda menos aos enfrontamentos, sectores amplos de chalecos amarelos víronse impresionados pola violencia utilizada, sen que iso poña en cuestión a vontade de realizar novos cortes de estradas. O poder espera que as imaxes dos enfrontamentos e o achegamento das festas de fin de ano leven á extinción do movemento.
Por iso, se o movemento obreiro se sitúa na mesma lóxica, a responsabilidade sería grande. Aínda cando sexa marxinal, a extrema dereita está na emboscada de cara a este movemento e espera que non xurda ningunha perspectiva anticapitalista para o futuro destes. O movemento das Forcas (Forconi) en Italia en 2013, que tivo certas semellanzas co dos chalecos amarelos ten que nos alertar (sobre todo aos anticapitalistas); queren que a ira popular, a indignación social, non só se volva contra este goberno de ricos senón que abra a vía a unha ofensiva anticapitalista que abra a vía á emancipación.
__________________________________________________________________________
Notas:
1/ https://noiriel.wordpress.com/2018/11/21/les-gilets-jaunes-et-les-lecons-de-lhistoire/
__________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 25 de novembro de 2018]