Francia: o neoliberalismo e autoritarismo de Macron disparan unha nova revolta
Non é casual que o intento de debilitar o sistema público de pensións para poñer a Francia en liña coas directrices da ortodoxia neoliberal auspiciada pola Unión Europea e o seu Tratado de Maastricht proveña dun goberno tecnocrático, xurdido dun proxecto personalista, sen ningún arraigamento na tradición política gala
A reforma das pensións proposta polo presidente Emmanuel Macron non conta co respaldo dos franceses. E, ante a falta de apoios, o mandatario decidiu o xoves pasado aprobar a nova norma por decreto, é dicir, sen sometela á votación da Asemblea Nacional. A reacción da poboación foi contundente: cortes de estradas e disturbios durante toda a madrugada.
Francia vive no medio de protestas xeneralizadas: a proposta para atrasar a idade de xubilación, aumentar o período de cotización para ter dereito á pensión completa e eliminar os dereitos adquiridos por diversos colectivos motivou as protestas máis grandes en décadas, e é rexeitada por dous de cada tres cidadáns. Con esta decisión fóra de consenso, o Executivo francés pretende aumentar a idade de xubilación de 62 a 64 anos e ampliar o período de cotización necesario para obter as pensións máis altas.
Macron deu instrucións á primeira ministra, Elisabeth Borne, para invocar o artigo 49.3 da Constitución e impor a súa iniciativa de reforma ao sistema público de pensións sen contar coa aprobación da Asemblea Nacional, Cámara Baixa do Lexislativo francés. Aínda que o gabinete de Borne xa o empregou 10 veces en menos dun ano, agora faino en circunstancias que desafían de maneira agraviante o pobo de Francia e pon en dúbida a lexitimidade do goberno:
O sistema de pensións é unha das institucións máis entrañábeis para os franceses, un verdadeiro símbolo nacional que provoca orgullo e suscita un apoio transversal, por riba de liñas ideolóxicas e partidistas.
Non é casual que o intento de debilitalo para poñer a Francia en liña coas directrices da ortodoxia neoliberal auspiciada pola Unión Europea e o seu Tratado de Maastricht (o cal deu rango constitucional á supremacía dos intereses corporativos, e subordinou a eles toda política nacional) proveña dun goberno tecnocrático, xurdido dun proxecto personalista, sen ningún arraigamento na tradición política gala.
As revoltas
A Policía de París detivo a máis de 300 persoas polas protestas que tiveron lugar a última noite na capital. Nas imaxes, pódense ver escenas de barricadas e de lumaradas improvisadas. As revoltas duraron varias horas e estendéronse a outras cidades como Marsella, Nantes e Lyon.
O xoves, miles de persoas xa se concentraron na Praza da Concordia de París para denunciar o «paso forzado» do goberno dereitista de Macron ao sacar adiante esta reforma sen a aprobación parlamentaria. De cumprir coa correspondente consulta, o texto non sería aprobado.
Os traballadores de recollida de lixo mantéñense en folga desde hai 12 días. Nalgúns casos, os manifestantes utilizaron os montes de lixo que se acumulan nas rúas parisienses para prender lume e axitar os disturbios.
Neoliberalismo descarnado
A irrupción do neoliberalismo descarnado de corte anglosaxón nunha sociedade que se preza das súas características distintivas e a súa herdanza republicana ao redor dos valores de igualdade, liberdade e fraternidade xerou unha paradoxal coincidencia entre a esquerda agrupada na Francia Insubmisa de Jean-Luc Mélenchon e a ultradereita da Fronte Nacional de Marine Le Pen.
Os analistas sinalan que unha coalición conxuntural de ambas as forzas pode lograr que triunfe unha moción de censura parlamentaria que derrube á vez a controvertida lei de pensións e o goberno de Borne. Os sindicatos, pola súa banda, advirten que aprobar un plan desta envergadura pola vía do decreto supuxo a fin da vida democrática en Francia.
Como tantos neoliberais escasamente democráticos, como tantos políticos autoritarios e pedantes, ten a posibilidade de se envolver no manto da lei, invocar as súas facultades e ignorar o clamor social. Obviamente, ningún réxime que toma decisións a contrafío da vontade popular pode recibir o nome de democracia. Na rúa, os franceses tentan recuperar a República das mans da camarilla tecnocrática que a secuestrou.
[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 17 de marzo de 2023]