Francia: O desatino da reforma das pensións

Pierre Khalfa - 19 Xan 2023

As consecuencias de atrasar a idade de xubilación son ben coñecidas. Xa na actualidade moitas persoas se ven excluídas do mercado laboral antes de se poderen beneficiar da súa xubilación, pois as empresas tenden a se desfacer das persoas de máis idade

 Aínda que non haxa ningún argumento económico que o xustifique, o Goberno quere impor unha nova regresión social en materia de pensións. Traballar cada vez máis tempo equivale a pór en cuestión o gran avance civilizatorio que fixo que a xubilación deixe de ser a antesala da morte para se converter nun período de actividade liberado do xugo do capital.

 Por iso, o Goberno decidiu impor un atraso na idade de xubilación combinándoa cun incremento de dous anos da idade legal [para se poder xubilar coa pensión completa] e a aceleración do aumento do período de cotización. Estas medidas aplicaranse moi rapidamente, xa que o cambio da idade legal comezará en setembro de 2023 e o período de cotización de 43 anos será efectivo a partir de 2027. O aumento da idade legal penalizará sobre todo as persoas que empezaron a traballar cedo, e as medidas anunciadas para compensalo só afectarán a un número mínimo delas. Dado que a idade media de incorporación á vida activa é superior aos 22 anos, o aumento da duración do período de cotización fará que moitas persoas teñan que se retirar despois da idade legal de xubilación para percibir a pensión completa, e pesará aínda máis sobre quen teña unha vida laboral incompleta. Manter o sistema de "longa vida laboral" significará que as persoas que empezaron a traballar entre os 16 e os 18 anos terán que cotizar durante 44 anos para se poderen xubilar aos 60 anos.

 Os argumentos utilizados para tentar xustificar estas medidas variaron constantemente. O Macron do primeiro quinquenio opúxose a ela. Velaquí o que dixo na súa conferencia nacional do 25 de abril de 2019, ao final do “Gran Debate Nacional”: “Francamente, sería hipócrita atrasar a idade de xubilación... Cando se está pouco cualificado, cando se vive nunha rexión con dificultades industriais, cando un mesmo ten dificultades, cando se ten unha vida laboral fracturada, boa sorte para chegar aos 62 anos[1]”. En calquera caso, explicou, non é necesaria unha “reforma paramétrica” (atrasar a idade de xubilación e/ou aumentar o período de cotización), xa que os réximes de pensións non presentan problemas financeiros. E despois quixo impornos unha reforma sistémica coa implantación dun sistema por puntos que agravaría as inxustizas e sería un auténtico monstro burocrático.

 Tras o abandono deste último proxecto, explicounos que era necesario traballar máis tempo para liberar recursos que permitisen financiar a transición ecolóxica, o futuro da protección social, etc. O feito de que os recursos liberados por tal medida, o 0,5% do PIB ao ano, sexan irrisorios comparados coas necesidades só da transición ecolóxica, o 5% do PIB ao ano, non parece inquietalo demasiado. Ademais, como mostra un estudo publicado en 2021 polo laboratorio Théorie et évaluation des politiques publiques[2], “o alongamento da vida laboral prolonga a duración das cotizacións á caixa de pensións. Desgraciadamente, tamén parece aumentar os gastos relacionados coas baixas por enfermidade debido á deterioración do estado de saúde das persoas de máis idade, un fenómeno que afecta especialmente ás mulleres. O desexo de reducir o gasto en pensións conduce, por tanto e en concreto, a un aumento do gasto en seguros de enfermidade.

 A escasa repercusión do argumento do Goberno na opinión pública, que por outra banda ve aumentar a cantidade de agasallos fiscais ás familias máis ricas e ás e os empresarios, levouno a cambiar de ton e volver ao argumento clásico de todas as medidas regresivas en materia de pensións: o sistema corre risco de crebar, polo que é necesario traballar máis tempo para salvalo. Para iso, tenta apoiarse no último informe do Conseil d'orientation des retraites (COR). Con todo, o COR non só sinala que o sistema de pensións é actualmente excedentario, senón que o déficit anunciado até 2032 se estima, segundo as previsións contábeis, entre o 0,4% e o 0,7% do PIB, o que é unha miudeza comparado co peso das pensións, case o 14% do PIB, e representa só ao redor do 1% da masa salarial.

 Ademais, as cifras deste déficit non son reais porque se basean en hipóteses moi cuestionábeis. Así, para chegar a esta cifra, o COR vese obrigado a prever un aumento do desemprego do 5% en 2027, previsión do Goberno, ao 7% en 2032 e para as décadas seguintes. Así pois, o COR basea o seu cálculo do déficit na previsión dunha recesión entre 2027 e 2032 e abandona calquera perspectiva de pleno emprego a partir daquela. Outro suposto é que a taxa de emprego das mulleres se manterá constantemente 8 puntos por baixo da dos homes no grupo de idade de 25 a 54 anos, a pesar de que Francia só ocupa o posto 25 de 38 países da OCDE a este respecto. Desbótase así calquera perspectiva de igualdade entre mulleres e homes, que permitiría tamén mellorar os recursos dos fondos. Por último, cómpre sinalar que o propio goberno é responsábel do aumento deste déficit: as exencións de cotizacións sobre os salarios baixos e as horas extraordinarias concedidas aos empresarios, que aínda non se compensan totalmente con cargo aos orzamentos do Estado, restan preto de 0,1 puntos do PIB aos recursos do sistema, e as medidas de aforro adoptadas no ámbito das retribucións dos funcionarios teñen consecuencias negativas sobre as cotizacións que as financian.

 O obxectivo do Goberno é estabilizar a porcentaxe das pensións no PIB no 14%, aínda que a porcentaxe de pensionistas na poboación aumente. Prevese que pase do 18,5% actual ao 27,5% en 2070.

 O Goberno baséase nesta proporción demográfica para xustificar os seus plans. Porén, o problema non é tanto o aumento da porcentaxe de persoas maiores en relación á poboación total como a carga económica que supoñen todas as persoas (chamadas) inactivas -pensionistas, mozas, parados, etc.- para quen produce a riqueza desde un punto de vista monetario, as persoas activas ocupadas.

 Este cociente, coñecida como taxa de dependencia económica, mantívose estábel durante os últimos cincuenta anos, a pesar de que o número de pensionistas non deixou de aumentar e a taxa de desemprego, que depende das políticas económicas aplicadas, alcanzou máximos históricos. Non hai ningunha traxedia en perspectiva, e non querer aumentar a parte das pensións no PIB significa prever para o futuro un descenso das pensións en relación cos ingresos das e os traballadores e, por tanto, un novo retroceso do nivel de vida durante a xubilación.

 Pero, máis aló diso, tanto o goberno como o COR consideran que a distribución da riqueza producida é inmutábel: a repartición entre salarios e beneficios non cambiaría durante o próximo medio século, a pesar de que a parte dos salarios na riqueza creada caeu cinco puntos en comparanza coa media dos Trinta Anos Gloriosos e de que os beneficios das grandes empresas están a alcanzar niveles marca. Exclúese calquera aumento das cotizacións a pesar de que, segundo o COR e as súas hipóteses de déficit, un lixeiro aumento abondaría para equilibrar o sistema de pensións a longo prazo: en 2032, entre 1,4 e 1,9 puntos segundo os escenarios de produtividade e sobre a base da convención contábel denominada "equilibrio polo Estado", que é a menos favorábel.

 O único elemento positivo é o aumento da pensión mínima de 100 euros mensuais, unha medida que probabelmente debería afectar a todos os pensionistas e o compromiso de que quen gañe o salario mínimo (SMIC) terá unha pensión igual ao 85% do devandito salario, unha promesa que data de... 2003. Esta pensión mínima está condicionada a realizar unha vida laboral completa. Se non é así, será menor. Ademais, non se indica que esta pensión mínima se revalorizaría como o fai o SMIC.

 As consecuencias de atrasar a idade de xubilación son ben coñecidas. Xa na actualidade moitas persoas se ven excluídas do mercado laboral antes de se poderen beneficiar da súa xubilación, pois as empresas tenden a se desfacer das persoas de máis idade. Segundo a Direction da recherche, des études, de l'évaluation et des statistiques (DREES), o 32% das persoas da xeración nada en 1950 xa non tiñan emprego o ano anterior á súa xubilación, unha porcentaxe máis elevada no caso das mulleres que no dos homes. Estas persoas estaban desempregadas, discapacitadas ou enfermas. Como non perciben ningunha pensión, adoitan depender das prestacións sociais mínimas. Calquera aumento da idade de xubilación non faría senón agravar esta situación. A introdución dun índice que supostamente fará visíbel a posición das e os traballadores de máis idade nas empresas, lamentabelmente non cambiará esta situación, como demostrou o índice sobre a igualdade entre mulleres e homes, que non tivo ningún efecto sobre a situación concreta das mulleres nas empresas.

 O plan do Goberno é tanto máis inaceptábel canto que a esperanza de vida diminúe. Pasou dun trimestre ao ano na década de 2000 a un mes ao ano na actualidade. Pero, sobre todo, segundo Eurostat, o instituto europeo de estatística, en 2020 a esperanza de vida con boa saúde ao nacer será de só 63,9 anos para os homes e 65,3 anos para as mulleres. Xa vemos o que suporía unha ampliación do tempo de traballo, sobre todo desde que se suprimiron os CHS-CT [Comité de hixiene de seguridade e das condicións de traballo]. O gran avance civilizatorio que supuxo o sistema de pensións por repartición foi facer deste período de vida, non a antesala da morte, senón unha fase da vida na que, mentres se goza dunha saúde relativamente boa, poder dedicarnos a actividades sociais libres. É este progreso o que todas as reformas neoliberais poñen en dúbida ao querer facernos traballar cada vez máis para a maior rendibilidade do capital.

_____________________________________________________________________________

[1] Citado por Jean-Marie Harribey, https://blogs.alternatives-economiques.fr/harribey/2022/12/19/les-sept-perfidies-de-la-reforme-des-retraites-2023.

[2] Mohamed Ali Ben Halima, Camille Ciriez, Malik Koubi, Ali Skalli “Atrasar a idade de xubilación provoca un desbordamento do seguro de xubilación ao seguro de enfermidade? O efecto da reforma das pensións de 2010 sobre as baixas por enfermidade”, https://hal-cnam.archives-ouvertes.fr/hal-03507914v2/document.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 10 de xaneiro de 2023]