Francia: Máis neoliberalismo con Macron

Armando B. Ginés - 09 Mai 2017

Todo está ben atado para o porvir inmediato por Bruxelas, a OTAN, o FMI, os mercados bursátiles e Merkel. Formacións como as de Le Pen son tacticamente imprescindíbeis para dividir o electorado de esquerdas e facer bos co medo ao fascismo aos auténticos responsábeis da situación de deterioración actual

Os datos que se manexan en portada de case todos os medios de comunicación no mundo para realzar o triunfo de Macron nas presidenciais francesas están distorsionados.

 Dos 47 millóns de persoas chamadas a votar en Francia na segunda volta, 20.7 millóns inclináronse por Macron, o 44 por cento, 10.6 millóns por Le Pen, máis do 22 por cento, e un de cada tres electores, por riba do 33 por cento, non deron o seu apoio a ningún dos dous candidatos, uns por que se abstiveron e outros porque o seu sufraxio se contabilizou como voto en branco ou nulo.

 Case 12 millóns de franceses se abstiveron, 3 millóns entregaron o seu papel en branco nas urnas e rexistrouse un millón de papeletas nulas. En total, 15.8 millóns de electores non se decantaron por ningún dos aspirantes en liza. A abstención é unha das maiores na historia do país galo.

 Pódese dicir daquela que:

 Macron non conta coa maioría absoluta do electorado.

 O segundo partido máis votado é a abstención, aos que se sumamos o votos en branco e nulos superan a Le Pen en máis de 5 millóns de electores.

 O virtual presidente Macron conseguiu na primeira volta 8.7 millóns de votos. Até alcanzar os 20.7 millóns da segunda rolda, moi previsibelmente mobilizaría os votantes do socialista Hamon, gran parte dos dereitistas republicanos de Fillon e, se nos atemos ás votacións previas dos militantes da formación esquerdista de Mélenchon, que nunha cuarta parte se decantaron por Macron, 1.8 millóns dos seus votantes outorgarían o seu sufraxio ao novo inquilino do Elíseo.

 le Pen, pola súa banda, solicitaría segundos apoios, previsibelmente, das hostes de Fillon, uns 3 millóns, case a metade dos votos recibidos polo candidato republicano en primeira instancia.

 Arredor de 5.3 millóns de votantes da Francia Insumisa abstivéronse ou votaron nulo ou en branco: un millón non acudiu aos colexios electorais e o resto emitiu a súa vontade expresa de non se decantar nin por Macron nin Le Pen.

 O mapa político francés ten unha terceira volta nas lexislativas do mes de xuño. A vitoria de Macron, un candidato de laboratorio das elites parecido na súa orixe artificial a Albert Rivera, debe intentar agora un sucedáneo de partido de urxencia para contar con escanos fieis á súa misión de futuro, aínda que as tradicionais organizacións socialistas e republicanas, con maior ou menor intensidade, están así mesmo polo labor de facer a vida doada ao presidente electo.

 O perigo real para a orde establecida e os mercados internacionais reside no proxecto liderado por Mélenchon, unha vez conxurado o inimigo Le Pen, un adversario que xogaba a favor da unión conxuntural de todos contra o fascismo. En realidade, a vitoria de Macron estaba case cantada. Le Pen desempeñaba o medo ao ogro para facer bos as elites causantes da actual crise política e económica provocada polo neoliberalismo hai unha década.

 Cun panorama tan fraccionado, de cara ás eleccións xerais do verán, o establishment atopou en Macron un parapeto perfecto para enxugar a deterioración de dereitistas republicanos e a opción clásica socialdemócrata. En torno a esa coalición de facto, e co sistema maioritario do seu lado, Francia Insubmisa teno moi difícil para abrir unha perspectiva de esquerdas en París. Ademais, Le Pen e a súa Fronte Nacional faille competencia no seu propio caladoiro de votos, as clases traballadoras e as xentes máis castigadas pola crise.

 Macron, en definitiva, vén ser a solución táctica para as novas privatizacións no horizonte, a perda en aumento de dereitos sociais e unha maior precariedade laboral en andamento. Todo iso con incentivos secretos a Le Pen para que reste influencia estratéxica a alternativas de esquerda en torno á Francia Insubmisa de Mélenchon.

 Dá a sensación de que todo está ben atado para o porvir inmediato por Bruxelas, a OTAN, o FMI, os mercados bursátiles e Merkel. Formacións como as de Le Pen son tacticamente imprescindíbeis para dividir o electorado de esquerdas e facer bos co medo ao fascismo aos auténticos responsábeis da situación de deterioración actual.

 Calquera político fronte á imaxe de Le Pen, resulta un cándido candidato. Mesmo as dereitas máis elitistas e os socialistas de salón.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de maio de 2017]